DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Director do centro desde 2017, optará a reelección na votación que terá lugar o xoves 12

Juan Picos encabeza a única candidatura á Dirección da Escola de Enxeñaría Forestal 

Á fronte dun equipo no que continúan Ángeles Cancela e José Manuel Casas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 05/11/2020

A falta da súa proclamación definitiva o vindeiro martes, o profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente Juan Picos encabeza a única candidatura á Dirección da Escola de Enxeñaría Forestal, centro do que se atopa á fronte desde 2017. “Entendemos que neste momento, darlle unha continuidade á escola entraba tamén dentro da nosa responsabilidade”, salienta Picos Martín, que encabeza unha candidatura que completan a actual subdirectora da escola, Ángeles Cancela, e o actual secretario académico, José Manuel Casas. 

Trala proclamación provisional da candidatura nesta xornada, ábrese un prazo de presentación de reclamacións previo á súa proclamación definitiva o vindeiro martes e a súa votación, na Xunta de Escola que terá lugar o xoves 12. En xullo de 2017, Picos sucedeu ao profesor Enrique Valero na dirección do centro, despois de que a súa candidatura recibise 17 votos a favor, un en contra e unha abstención. “Volvemos presentarnos porque asumimos un labor de continuidade, valorando tamén o esforzo que fixo todo o mundo no centro, sobre todo no último ano, para adaptarse a actual situación”, salienta Picos, que defende que, nunha escola na que, ante a situación xerada pola covid-19, “todo o mundo respondeu, mesmo por riba do que sería o normal, non se entendería que nós nos baixásemos do carro”.

Continuar avanzando nunha folla de ruta común

Do traballo realizado nos últimos tres anos, Picos salienta cuestións que “teñen unha grande proxección estratéxica”, como a obtención o pasado ano do selo internacional de calidade EUR-ACE, que acredita o cumprimento dos estándares europeos neste ámbito da enxeñaría. Do mesmo xeito, salienta o traballo realizado para “establecer un marco de cooperación” coa Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC, así como os convenios asinados neste período coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, coa Deputación de Pontevedra ou con diferentes empresas. “Que sexamos recoñecidos polo sector forestal ou pola Xunta como un centro relevante non deixa de ser parte da estratexia do centro”, salienta Picos, que subliña que a EE Forestal é unha “escola pequena, monotemática e moi especializada, que pola súa propia natureza é capaz de combinarse e cooperar” con múltiples axentes e institucións.

Tanto no referido ao traballo realizado ata o de agora, como ao desenvolver, no caso de recibir o apoio da Xunta de Facultade, nos próximos tres anos, Picos apunta á “folla de ruta” fixada no plan estratéxico que o centro aprobou no último mandato de Valero, “unha reflexión colectiva que define o modelo de escola que queremos”. Dese plan derivan algúns dos proxectos que deberían promoverse, sinala, nun segundo mandato, “como intentar dualizar dalgunha maneira o traballo dos alumnos”, impulsando que unha parte da ensinanza correspondente á especialidade de industrias da madeira do grao poida levar aos e ás estudantes a traballar coas empresas. Trátase dunha actuación “que xa deberíamos ter posto en marcha, pero que aínda non puidemos levar a cabo”, recoñece Picos, que apunta tamén a dotarse dunha “superficie forestal na que poidamos facer prácticas” como outra das cuestións pendentes “que seu día decidimos que era importante facer, e non a dirección, senón todo o centro”.

A xestión dos cambios e incidencias que poida provocar a covid-19, recoñece, marcan tamén nestes meses o día a día do centro e fan tamén que “haxa proxectos que será máis difícil levar a cabo”. Mais o mesmo tempo, á vez que incide na necesidade de seguir traballando en materia de captación de alumnado, Picos incide na importancia de “aproveitar as oportunidades que poidan xurdir”, incidindo nese senso en como o modelo de “grupos pequenos” da escola permitiu “que fósemos capaces de manter a presencialidade no centro”.