DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel aborda como este fenómeno pasou de ser algo desorganizado a centralizado

Julio Prada analiza nun libro a represión económica exercida durante a primeira etapa do franquismo

Trátase dun estudo detallado do que denomina "saqueo dos vencidos"

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 25/05/2021

Incautacións de bens, subscricións patrióticas, exaccións económicas, multas, sancións impostas ao amparo da normativa de responsabilidades civís e políticas... A económica tamén foi un tipo de represión exercida durante a Guerra Civil española e o posterior réxime. No seu último libro, Julio Prada, profesor titular de Historia Contemporánea da Facultade de Historia do campus de Ourense, aborda este fenómeno represivo durante a primeira etapa do franquismo, analizando a súa evolución desde algo desorganizado a un proceso articulado polo estado.

A publicación leva por título The plundering of the vanquished. The economic repression during early francoism (O saqueo dos vencidos. A represión económica durante o primeiro franquismo), e está editada pola editorial Peter Lang. A idea de facer este libro, indica o seu autor, xurdiu por considerar que “faltaba unha obra que a nivel do estado recollese o tema da represión económica” no período histórico estudado. Así, a publicación comeza cunha abordaxe da evolución historiográfica sobre esta cuestión, subliñando Julio Prada os factores que ao seu entender explicarían a menor atención dedicada pola historiografía a esta faceta represiva. Entre estes factores apunta, ademais da atención primordial dedicada á represión física, a dispersión de fontes e a propia “incomodidade” que representaba para os poderes públicos e para unha parte importante da sociedade o feito de que un bo número de cidadáns se atoparan implicados nun proceso represivo que perseguía privar dos seus bens ou dunha parte do seu patrimonio a persoas que, en ocasións, nin sequera cometeran un delito desde a particular óptica dos sublevados. A decisión de publicar o libro en inglés, detalla o historiador, tomouse para contribuír a difundir unha visión histórica “fóra dos clixés típicos” cos que na súa opinión se aborda desde a historiografía anglosaxoa a temática tratada nesta publicación “feita desde Galicia para España e Europa”.

Distintas formas de represión

O libro recolle “unha análise das distintas formas que adquiriu a represión económica no estado”, tal e como explica Julio Prada, historiador especializado no estudo da Segunda República, o réxime franquista e a transición democrática, autor de máis de 20 libros e 200 artigos e contribucións en congresos nestas temáticas. Para a elaboración da publicación, detalla, partiu “do que eran as investigacións que levamos feito en Galicia, estendendo o marco metodolóxico para o resto de España”. Froito do traballo realizado, engade o profesor da Universidade de Vigo, a análise feita arranca co que “foron incautacións de bens nos primeiros meses da Guerra Civil, sen ningún tipo de formalidade” e séguese todo o percorrido de “como iso vai derivando todo nun proceso moito máis articulado a través do que se chamaron as responsabilidades civís e as responsabilidades políticas a partir da lei de febreiro do ano 39”. Así, na publicación plásmase a evolución desde as primeiras achegas "sen ningún tipo de coordinación" ata o "ríxido" proceso de centralización a partir da orde da xunta de defensa nacional que establece a subscrición nacional e, con posterioridade, das normas establecidas polo gobernador xeral.

Do contido da publicación, o seu autor subliña como nela “tamén analizo un fenómeno que estivo a medio camiño entre o que foron as contribucións voluntarias e as forzadas, que foron as subscricións patrióticas”. En teoría, detalla o profesor da Universidade de Vigo, “a xente doaba diñeiro ou produtos en especie para o bando sublevado e precisamente unha das cousas que se demostran neste libro é que na maioría dos casos eran contribucións forzadas. De feito, quen non doaba en función do que se consideraba que eran os seus bens, impúñaselle multas por este concepto”. Ademais do estudo das requisas, incautacións de bens, multas e subscricións patrióticas, a monografía tamén se achega ás responsabilidades civís e políticas, estudando con detalle a actuación das comisións provinciais de incautación e dos tribunais de responsabilidades políticas. Tampouco falta un achegamento ao perfil dos represaliados, ao papel desempeñado por acusadores e informantes, aos beneficiarios das incautacións, ás estratexias de defensa utilizadas polos sancionados e ás diferentes actitudes sociais dos que se viron implicados neste proceso represivo.