DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nomeados polo reitor ante a falta de candidaturas nas eleccións convocadas neses centros

Julio Prada asume o decanato de Historia e Marta Fernández continúa no de Dereito

Estarán en funcións durante un máximo de seis meses

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Ourense 04/02/2022

As facultades de Historia e Dereito do campus de Ourense pecharon este venres os procesos de eleccións de nova ou novo decano que tiñan abertos. Ante a falta de candidaturas nos dous centros, Marta Fernández continuará á fronte de Dereito e Julio Prada substituirá a Susana Reboreda en Historia. En ambos casos serán decanos en funcións durante un prazo máximo de seis meses e ata a convocatoria de novas eleccións para estes cargos. 

Facultade de Historia 

No caso da Facultade de Historia, Julio Prada tomará o relevo a Susana Reboreda, que estivo á fronte deste centro o tempo máximo permitido (dous mandatos consecutivos, seis anos, e outro ano máis de prórroga debido a varias circunstancias que así o requeriron). Tras realizarse dúas convocatorias de eleccións a decanato sen acadar candidaturas, o reitor, Manuel Reigosa, fixo unha rolda de consultas ao profesorado da facultade que se materializou este venres coa proclamación do profesor Julio Prada como decano en funcións. Con el continuará de vicedecana Carmen Arribas e incorporaranse Antonio Presedo, como vicedecano, e Domingo Rodríguez Teijeiro, como secretario. 

“Aceptei por responsabilidade, por un exercicio de compromiso co centro e de recoñecemento e agradecemento con todo o traballo anterior levado a cabo por Susana e o seu equipo”, explica Julio Prada. A súa intención é, indica, “ser unha ponte e cumprir ese mandato de poder convocar unhas eleccións que nun sentido ou noutro nos definan o rumbo futuro que queremos ter como facultade”. Así, subliñou o xa decano en funcións, a súa intención é durante estes seis meses “continuar o labor de xestión de Susana, que foi excelente, sacar adiante as cousas do día a día e deixar para máis adiante a definición do proxecto de centro”. Trátase, apuntou o profesor, de “abrir un período de reflexión entre todos os compañeiros e compañeiras da facultade para definir a onde queremos ir. Evidentemente, se queremos ser unha facultade con personalidade propia e diferenciada, cuns proxectos como os que tivemos nos últimos anos, pois loxicamente haberá que asumir os compromisos que diso se derivan”. 

Con este nomeamento, Susana Reboreda pecha arredor de sete anos como decana da Facultade de Historia facendo unha valoración “moi positiva” dun cargo do que destacou “apréndese moito” e “coñécese a universidade desde outra perspectiva”. Sobre este período subliña que “traballamos moitísimo e tivemos a sorte de que saíu ben”. Así, lembra como “collemos a facultade nun momento moi complicado, cun plan de viabilidade e unha ameaza seria de peche, como pasou noutros títulos”. Hoxe en día, recalca, “co esforzo de todos, a Facultade de Historia ten un sitio no mapa tanto da Universidade de Vigo como no Sistema Universitario Galego e máis alá. Isto non o logra só un decanato, isto é co traballo de todo o mundo”. 

Facultade de Dereito

Pola súa banda, no caso da Facultade de Dereito, Marta Fernández cumpriu recentemente dous mandatos e seis anos como decana do centro, abríndose un proceso de eleccións que rematou tamén este venres sen candidaturas. Segundo explica, “trasladamos hoxe ao reitor a proclamación definitiva da ausencia de candidatura e a conclusión do proceso electoral, a efectos de que resolva, conforme ao artigo 71 do Regulamento Electoral Xeneral da Universidade de Vigo, a continuidade en funcións do equipo e se inicie así o prazo de seis meses máximos de que dispomos para convocar novas eleccións”. 
 
Sobre o balance destes mandatos destaca que “o noso obxectivo prioritario sempre foi consolidar e reforzar cada vez máis a posición da Facultade de Dereito de Ourense dentro do Sistema Universitario de Galicia, definíndonos como unha comunidade universitaria dinámica e altamente implicada e comprometida co centro e coas institucións e a sociedade da nosa contorna”. Igualmente recalca que “tiven a sorte de ter no meu equipo a persoas con vocación de servizo público, sentido da responsabilidade e lealdade á nosa facultade e tentamos manter durante o mandato eses valores e tomar as decisións que nos pareceron máis prudentes para a facultade, sempre co maior consenso posible. Creo que o resultado é contar cunha facultade cada vez máis arraigada e fortalecida”. Ademais, sinala, “tratamos de dar continuidade ao valioso e complexo traballo desenvolvido polos anteriores equipos de goberno desde a implantación da Facultade de Dereito”. No último mandato, detalla Marta Fernández, “tivemos que superar momentos difíciles coa pandemia, que esixiu unha implicación aínda maior por parte do equipo e tamén do profesorado, o alumnado e o persoal de administración e servizos”.

Sobre a actual situación do centro, a súa decana sinala que “gozamos do apoio e a confianza da sociedade da nosa contorna e mantemos unha colaboración fundamental con institucións, despachos e empresas que acollen aos nosos estudantes en prácticas e coñecen a súa formación”. O centro, indica, conta xa con “varias promocións de graduados e posgraduados que accederon a empregos públicos e privados moi variados e de relevo e que son os nosos mellores embaixadores”. Para chegar a estes logros apunta como “estamos sometidos de forma continuada e con éxito a procesos de mellora continua da calidade das nosas titulacións e da propia facultade”, impúlsase as prácticas e se incentiva a dotación tecnolóxica das aulas, entre outras accións. Iniciativas como a feira de emprego xurídico Orienta Iuris, o Curso de Actualización Xurídica e o desenvolvemento de proxectos STEMbach, engade, son outras das iniciativas destacadas nestes mandatos. Con respecto ao novo período que se abre, Marta Fernánez sinala que “daremos continuidade ao traballo ata agora realizado, seguindo con todas as actividades programadas e as que sexa conveniente ou necesario acometer, tentando manter os valores de vocación de servizo público, sentido da responsabilidade e lealdade cara ao noso centro que tratamos de defender o mellor que soubemos ata agora”.