DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vigueses son penúltimos tras seis xornadas

O Kaleido cae en Santander ante o Bathco RC por un contundente 36-0

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 29/10/2018

O Kaleido Universidade de Vigo RC trouxo de Santander un dolorosa derrota por un contundente 36-0 ante o Bathco Rugby Club. Os vigueses viaxaban coa intención de dar a sorpresa ou, polo menos, conseguir sumar algún punto bonus, pero non puido ser. As baixas por motivos laborais e por lesións lastraron a convocatoria, principalmente a de Maka Tatafu e os problemas nunha convocatoria de 17 xogadores eran evidentes para enfrontarse a un dos equipos punteiros da División de Honra B. A isto sumouse o mal estado do campo pola chuvia, que contribuíu á dureza do encontro.

As cousas puxéronse costa arriba case dende o comezo do encontro e no minuto 6, Green adiantaba aos locais ao pousar en zona de marca viguesa, pasando a patada Taibo, e no 15 os santanderinos ampliaban a vantaxe cun segundo ensaio obra de Ryan. Un terceiro ensaio no minuto 37 deixaba o marcador no descanso cun claro 19-0. Tras a reanudación o partido transcorreu co mesmo devagar, cunha superioridade evidente dos locais aos que os vigueses trataron de facer fronte, pero sen éxito. Antes do remate subiron ao marcador tres ensaios máis para os locais e, co partido a punto de finalizar, o árbitro sacou tarxeta vermella ao local Serb e ao vigués Valentín Gutiérrez. O marcador final quedaba así co definitivo 36-0.

Tras seis xornadas, o Kaleido Universidade queda deste xeito na penúltima posición da táboa e tócalle agora sobreporse para facer fronte ao derbi galego da vindeira fin de semana na que se medirán ao CRAT Residencia Rialta, un dos equipos máis en forma da competición.