DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pese a que o comezo do partido foi moi disputado, o marcador rematou 33-10

O Kaleido Universidade cae en San Sebastián ante o AVK Bera Bera

O vindeiro sábado recibirán na casa ao VRAC Quesos Entrepinares B

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 24/09/2018

Pese a pelexar o partido e aguantar o pulso na primeira metade, o Kaleido Universidade de Vigo volveu baleiro do seu enfrontamento ante o AVK Bera Bera de San Sebastián e segue sen coñecer o sabor da vitoria nesta nova tempada ligueira.

O partido arrancou moi disputado, con ambos equipos ben situados e coas defensas impoñéndose ás ofensivas. Así foi ata o minuto 17, intre no que golpeou primeiro o AVK Bera Bera pousando o oval na zona de marca Xabier Goenaga e pasando a patada Javier Pablo Martín. Case sen tempo, o equipo vigués  recibía un novo ensaio en contra no minuto 22 por medio de Eduardo Martín, pasando novamente a patada Javier Pablo Martín. Con 14-0 no marcador, os de Adrián Lago mantiveron o tipo, pero dous minutos despois recortaban distancia no marcador ao conseguir un ensaio Santiago Gutiérrez e pasar a patada Adolfo Rodríguez, quen no minuto 30 anotaba un golpe de castigo dos vascos. Xa no minuto 34 anotaría o Bera Bera o seu terceiro ensaio por medio de novo de Javier Pablo Martín, para pór o marcador no 19-10 co que se chegaría ao tempo de descanso. “Foi unha primeira parte na que traballamos ben a nivel defensivo, pero na que amosamos imprecisións no ataque en campo contrario e nos xa previsibles problemas en fases de conquista, melés e touches á vista das baixas”, apuntaron dende o equipo.

Os 40 minutos restantes foron moi complicados para o equipo vigués que, escaso de efectivos, pagou o esforzo e a loita da primeira metade. Encaixaron dous ensaios, logrados por Javier Pablo e Eduardo Martín, e foron incapaces de incrementar o seu marcador. “Aínda así, o equipo evidenciou unha melloría de xogo, tanto en defensa como en ataque, respecto da primeira xornada da competición”, destacaron os responsables do equipo.

Será a vindeira semana cando o equipo vigués busque de novo a súa primeira vitoria ligueira. A cita será nas instalacións deportivas do campus de Vigo o sábado 29 de setembro ás 16.30 horas fronte ao VRAC Quesos Entrepinares B.