DUVI

Diario da Universidade de Vigo

20-38 foi o resultado final do partido disputado no campus 

O Kaleido Universidade de Vigo mantense na penúltima posición trala derrota ante o CRAT

Pola súa banda, o equipo de tenis caeu no Campionato galego equipos +35

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 05/11/2018

A solvencia amosada nos últimos metros, deulle ao CRAT a vitoria no partido disputado o pasado sábado no campo do Kaleido Universidade de Vigo, que tras esta derrota continúa na penúltima posición do grupo I de División de Honra con seis puntos. A defensa do equipo coruñés e os erros dos locais marcaron a primeira parte do encontro, que rematou cun 6-14, que se incrementaría ata o 20-38 final, nunha segunda parte na que o Kaleido Universidade de Vigo recortou momentaneamente diferenzas, ata que o CRAT explotou o pase curto e as carreiras preto do agrupamento cos seus xogadores máis corpulentos. 

O partido, correspondente á sétima xornada do grupo I da División de Honra, estivo precedido de diferentes actos organizados polo club vigués co obxectivo de recadar fondos para a Asociación Española contra el Cáncer.

Derrota do equipo de + 35 de tenis da Universidade de Vigo

O equipo +35 de tenis da Universidade de Vigo foi derrotado no seu enfrontamento co Tenis Cangas. Só nos individuais, Lois Anxo e Pablo Romero, números 4 e 5, respectivamente, lograron impoñerse aos seus rivais, mentres que Jorge Comesaña, Alejandro Vega e Pablo León, foron derrotados. Nos dobres, o equipo vigués sumou unha vitoria, nun dos dous partidos disputados.

Rematada a fase de liga, o equipo de +35 de tenis da Universidade de Vigo disputará a vindeira fin de semana os cuartos de final, previsiblemente fronte ao Casino da Coruña, un rival moi complicado que ten nas súa ringleiras a un dos mellores xogadores galegos absolutos: o subcampión galego absoluto nos anos 2016 e 2017.