DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Caeu ante o Getxo Artea RT por 0-60 no campus

O Kaleido Universidade de Vigo pecha a primeira volta cunha contundente derrota

Os vigueses deberán loitar ata o final da liga por evitar o descenso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 10/12/2018

O Kaleido Universidade de Vigo pechou este domingo a primeira volta da División de Honra B e fíxoo cunha contundente derrota na casa ante o Getxo Artea RT por 0-60, un resultado que amosa a diferencia entre os dous equipos. Os vigueses rematan así a primeira parte da liga como penúltimo da clasificación xeral (por diante do Durango), con dous partidos gañados nas once xornadas, o que os fará sufrir ata o final da Liga por evitar o descenso. Pola súa banda, os vascos lideran a táboa, con 51 puntos, tras gañar os once partidos e teñen serias opcións de subir á División de Honra. 

O partido presentábase moi complicado dende o comezo, ante un equipo invicto e principal candidato ao ascenso á máxima categoría, que perderon na pasada temporada. Ademais, tres dos xogadores máis importantes do Vigo RC, Maka Tatafu e Emilio Brizuela na dianteira, e Koldo Barabdiarán na liña, non puideron xogar por molestias físicas. Neste contexto, a dianteira do Getxo amosouse superior provocando superioridades tras dúas ou tres fases do xogo que a defensa local non podía conter, a pesar da coraxe e as ganas dos vigueses, que non foron suficientes para parar o bo xogo do Getxo. 

A próxima xornada, derbi clave

Tras esta derrota, a vindeira fin de semana arrancará a segunda volta e os vigueses farano en Ourense, nun derbi realmente importante para o Kaleido Universidade de Vigo de cara á permanencia. Por este motivo, o adestrador, Adrián Lago, preferiu non arriscar onte domingo, xa que co Getxo non se xogaban a liga, e concentrarse no partido ante o Campus Ourense, encontro para o que agarda poder contar con todo o cadro de xogadores. O obxectivo é puntuar nese encontro e no derradeiro do ano ante contra o Bera Bera, “xa que a necesidade converte todos os encontros en finais”, recoñece o adestrador.