DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora de Estudos Hispánicos ofreceu dous relatorios na FFT

Karla Del Carpio, docente da University of Northern Colorado: “O que pasa en EEUU co inglés e o español, pasa en México co español e as linguas indíxenas”

Colaborou na tradución das cantigas de Martin Codax ao maia tsotsil

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/05/2018

Tras dez anos formándose en Canadá, en 2014 Karla Del Carpio mudouse a EEUU, onde na actualidade imparte docencia como profesora asistente de Estudos Hispánicos na University of Northern  Colorado. “Traballo con tres grupos de estudantes: os da sociedade dominante, estudantes brancos, white é o termo que se utiliza en EEUU cunha connotación neutra; mexicanos/americanos; mexicanos e estudantes doutros países de América Latina e grazas a eles, que son os meus mestres, tamén aprendín como perciben eles o español, con que lingua se identifican, que lingua se fala na casa ou cal é o nivel que teñen por exemplo, en español”, explica a especialista mexicana en ensino bilingüe e rehabilitación lingüística de linguas indíxenas, que hoxe e onte ofreceu dous relatorios na Facultade de Filoloxía e Tradución, invitada polo catedrático Xosé Henrique Costas, xunto ao que traballou na tradución das cantigas de Martin Codax ao maia tsotsil no volume As cantigas de Martin Codax en 55 idiomas.

Indíxena tsotsil orixinaria de Chiapas, Del Carpio amosa a súa preocupación polo tipo de educación que están a recibir as nenas e nenos indíxenas tsotsiles, “esa é a gran misión académica, profesional e humana que teño”, asegura, ao tempo que denuncia que a través da educación bilingüe, entre aspas, se están a violentar os dereitos lingüísticos e culturais das minorías, neste caso os das e dos cativos indíxenas que viven no estado de Chiapas, no sur de México. Con entre 65 e 68 linguas indíxenas e 364 variantes recoñecidas polo Inale, Instituto Nacional Indegenista, Del Carpio lamenta que no seu país non se abrace esta diversidade lingüística e cultural, de xeito que “o que pasa en EEUU co inglés e o español, pasa en México co español e as linguas indíxenas”.

Sobre estas cuestións tratou o relatorio Reemerxencia das linguas indíxenas en México que Karla Del Carpio ofreceu este mediodía na FFT e no que ademais de incidir no impacto que o pasado ten no presente das linguas e da cultura, tamén lanzou unha mensaxe de esperanza en relación coa papel que a educación multilingüe pode exercer “como unha ferramenta poderosa para respectar os dereitos lingüísticos e culturais das minorías”, asegura.

Promover a diversidade para fomentar o orgullo pola lingua e cultura propias 

En canto á situación do español en EEUU, cuestión que centrou a primeira das conferencias de Del Carpio na Universidade de Vigo, a docente mexicana comezou por referirse a existencia de situacións diferentes dependendo dos diferentes estados do país. “A visión da situación do español en EEU vista desde fóra pode ser diferente, pero no día a día cando unha vive alí ábreche os ollos a outra realidade e motívate como profesora a promover esa diversidade lingüística e cultural para que os rapaces se sintan orgullosos da súa lingua, da súa cultura”, explica Del Carpio, que recoñece a existencia en moitos casos dun sentimento de vergoña polo estigma que ten o español en EEUU “porque se asocia coa lingua do pobre, do inmigrante, da persoa que nunca foi á escola. Os mozos non queren iso. Se me chamo María López, co apelido López é menos que se te apelidas Grant ou Smith”, sinala a investigadora. 

Nos curso que imparte, Karla Del Carpio asegura que intenta abrirlle os ollos ao seu alumnado a outra realidade, porque considera que “debes estar orgullo de quen es. se tes o inglés como lingua materna abraza iso, se tes o español abraza iso e se tes unha lingua indíxena abraza este feito e debes ter apertura para recibir outras linguas e culturas porque cando falamos de linguas e culturas falamos de persoas, non só dun código de comunicación, para min é algo moi superficial”. Del Carpio sostén que canto máis se investiga na área de adquisición de segundas linguas “máis coñecemento temos da importancia de promover as linguas, de subliñar o feito de que unha lingua é unha cultura, é un pobo. Estou namorada do que fago e creo moito en como a través do sistema educativo podemos cambiar estereotipos, ideas erróneas sobre o bilingüismo e porque o multilingüísimo abre os ollos a outros mundos, ten moitos beneficios culturais, académicos, sociais e en todos os aspectos da vida enriquece”, asegura Del Carpio.

Cando Codax falou en maia tsotsil

Xunto á tamén indíxena Lucy Aurora Vargas, Karla Del Carpio encargouse da tradución ao maia tsotsil das cantigas de Martin Codax no volume As cantigas de Martin Codax en 55 idomas, editado pola Universidade de Vigo por iniciativa do catedrático Xosé Henrique Costas, co gallo do Pergamiño Vindel en Vigo. “A tradución foi unha experiencia superenriquecedora. Pareceume un proxecto fenomenal, que me deu novas ideas, porque a través deste proxecto non só se abraza o galego, senón tantas linguas que comparten unha realidade difícil e a min no futuro gustaríame facer algo así coas linguas indíxenas do meu país”, avanza Del Carpio.