DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A artista Yolanda Uriz inaugurou este luns a súa instalación na Casa das Campás

'Kulunka' ou a experiencia de tocar o son

Imparte tamén un obradoiro de multi-sensorialidade orientada á experiencia estética en Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 18/11/2013

A Casa das Campás acolle dende este luns unha instalación sonora de Yolanda Uriz que xoga co son dende unha perspectiva diverxente da habitual, a da percepción do mesmo a través da vista e do tacto. Kulunka é unha creación sensorial permite aos visitantes “experimentar como os límites físicos se transforman, vibrando en sincronía co espazo que os rodea” explica a autora. Esta artista, formada inicialmente en estudos musicais e despois reorientada a un novo eido da arte, conta que toda esta idea vén da súa faceta musical e engade que “non é o mesmo tocar un instrumento que escoitalo” e é por isto que a través da súa obra busca “transportar a sensación de tocar un instrumento ao público” valéndose da técnica do son-táctil, mediante a cal o son se percibe das vibracións que viaxan a través dos ósos e non polo oido de xeito tradicional.

Kulunka ofrece ao espectador unha “experiencia inmersiva”, explica Uriz, e “todo o que a proba sae cun sorriso”. É precisamente por isto que dende a Facultade de Belas Artes, en colaboración co colectivo Vertixe Sonora Ensemble, se decidiron a traer este tipo de instalación ao campus. “Esta é unha iniciativa que busca a apertura dende as artes plásticas cara a outro tipo de artes, e tamén cara a outro tipo de públicos”, apunta Juan Carlos Meana, decano da Facultade de Belas Artes, filosofía que os levou tamén a organizar o taller que impartirá a propia Yolanda Uriz ao longo desta semana no centro.

Esta experiencia chega a Pontevedra despois de ter pasado por diversas mostras e festivais en Holanda, Austria, Polonia e Pamplona e de ter recibido unha mención especial nos Encontros de Novos Artistas en Navarra e pode visitarse dende hoxe e ata o vindeiro día 22 de novembro, ambos inclusive, en horario de 9.00 a 21.00 horas.

Unha viaxe de vibracións entre a realidade e a imaxinación

A instalación Kulunka explora o comportamento do son para lograr facelo visible, tanxible e audible. Valéndose dun recipiente transparente enchido de auga, unhas membranas de altofalante transmiten infrasons ao líquido e formando patróns xeométricos na súa superficie. Estas figuras son iluminadas e reflectidas nunha pantalla colgante e ondulada que pendura enriba do visitante. Para completar a experiencia, os tradutores táctiles do son fan vibrar a plataforma sobre a que está situado o espectador de xeito que este pode escoitar” co seu corpo e crea unha nova sensación da gravidade ou a ausencia da mesma.

A serie harmónica das frecuencias inaudibles transmitidas á auga difúndese así tridimensionalmente a través dun sistema de son cuadrafónico que achega os visitantes a un novo paradigma de subxectividade baseado na conciencia sensorial superada pola sobrecarga de estímulos visuais.

Un taller de experimentación coa sensorialidade e a estética

Os traballos da artista pamplonica e residente en Holanda céntranse na creación de experiencias sensoriais inmersivas a través de instalación, video-arte ou música experimental. É por isto que, aproveitando a estadía da instalación na Casa das Campás, a artista impartirá un taller de multi-sensorialidade enfocada á experiencia estética. Neste obradoiro, que se desenvolve dende este luns ata o xoves na Facultade de Belas Artes, afondase na aplicación de conceptos como a sinestesia, os sentidos non considerados dentro dos ‘cinco sentidos’, a cimática, o son táctil ou a auto-producción da experiencia estética. A maiores dos conceptos teóricos, e dada a natureza do obradoiro, haberá gran cantidade de experiencias prácticas e o alumnado asistente deseñará unha obra propia, dentro da súa liña de traballo, que se dirixa a varios sentidos do espectador.