DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consideracións de Luis Liz sobre o futuro centro de investigación

O laboratorio ibérico de nanotecnoloxía, unha oportunidade para os novos investigadores

Podería ser unha realidade en tres anos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/11/2007

O laboratorio ibérico de nanotecnoloxía que se construirá en Braga volveu, esta semana, a cobrar protagonismo con motivo da celebración na cidade lusa, da Conferencia de Alto Nivel en Nanotecnoloxía na que tomaron parte ademais da ministra de Educación e Ciencia, o ministro portugués de Ciencia, e a conselleira de Educación, os comisarios europeos de Ciencia e Investigación e da Sociedade da Información e Medios de Comunicación. O centro, primeiro de investigación compartido entre España e Portugal, considera Luis Liz, responsable do grupo de investigación de Nanopartículas e Nanoestructuras da Universidade que Vigo intregrado na Rede Galega de Nanomedicina, "será para esta zona un importante impulso para investigadores novos".
Aínda que non se coñecen as liñas de investigación que se desenvolverán no laboratorio, Liz ten claro que "para os investigadores e estudantes, contar cunha instalación destas características, a poucos kilómetros de Vigo, é unha vantaxe, sobre todo por que se fará unha firme aposta pola calidade e unha coidada selección do persoal que traballará no centro". Unha apreciación que coincide co expresado polos responsables políticos que esta semana se deron cita en Braga que manifestaron a seu convencemento en que o laboratorio ibérico de Braga será crucial para a creación dun espazo onde Europa liderará a investigación nanotecnolóxica.

Futuro e orixes do laboratorio

Desde a Universidade de Vigo, Luis Liz, lembra que un dos obxectivos do laboratorio "é atraer científicos de categoría con independencia da súa procedencia o que permitirá mellorar o nivel e o ambiente investigador". Así mesmo considera que máis alá do papel que poidan xogar entidades como a Rede Galega de Nanomedicina, "o laboratorio o entendo como un complemento, un lugar onde compartir medios, instalacións e tamén no que os alumnos que formemos teñan posbilidades".
Anunciado polos presidentes do goberno de España e Portugal, con motivo da cumbre hispano-lusa celebrada no 2006 en Badajoz, no laboratorio traballarán uns 200 científicos coa finalidade de impulsar a produción científica e tecnolóxica, coa aspiración de converterse nunha referencia europea, contribuindo á vertebración do Espazo Europeo de Investigación. Inicativas a dúas bandas como é o caso deste laboratorio, asegura Liz Marzán, "non son habituais cando se trata de actuacións conxuntas entre países, como é neste caso a colaboración entre España e Portugal".
A posta en funcionamento deste laboratorio non é a única inicaitiva que de xeito conxunto impulsarán España e Portugal no campo da nanotecnoloxía, no que tamén se inscribe o Posgrao en Nanomedicina no que colaborarán as tres universidades galegas e as lusas de Aveiro, Porto, Minho e centros de investigación portugueses.