Ana María Vilas empregou a técnica de ablación e reirradiación láser do grupo LaserON
O Laser Institute of America premia unha estudante de doutoramento da EE Industrial por unha comunicación sobre produción de nanopartículas bimetálicas
As nanopartículas de metais nobres son unha ferramenta para combater infeccións resistentes
Ana María Vilas Iglesias, enxeñeira industrial, estudante de doutoramento na Escola de Enxeñaría Industrial e investigadora do grupo LaserON do centro de investigación Cintecx da Universidade de Vigo, foi galardoada co terceiro premio do Laser Institute of America á mellor comunicación presentada na 44th International Conference on the Applications of Lasers and Electro-Optics, a maior do mundo no campo do procesamento de materiais láser, celebrada recentemente en Orlando, Florida, EUA.
O traballo de Ana Vilas centrouse na produción de nanopartículas bimetálicas empregando a técnica de ablación e reirradiación láser desenvolvida polo grupo LaserON. “Estou moi emocionada por este premio porque recoñece todo o traballo que levamos facendo desde hai varios anos. Cando era estudante de grao na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo e o meu soño era dedicarme á investigación, nin sequera podía imaxinar que sería capaz de facer un traballo tan apaixoante e presentalo nun congreso nos Estados Unidos e recibir un premio así”, explica Vilas.
Nanopartículas metálicas, unha ferramenta para combater infeccións resistentes
A resistencia bacteriana aos antibióticos está considerada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como un dos problemas máis preocupantes aos que se enfronta a poboación mundial no século XXI, lembra a investigadora, que destaca o traballo que están a facer no grupo, “achegando o noso pequeno grao de area empregando nanopartículas bimetálicas”. As nanopartículas de metais nobres atraeron unha atención crecente como unha ferramenta prometedora para combater infeccións resistentes, non obstante, demostrouse que algunhas, como as de cobre, son tóxicas. “Nesta investigación, exploramos as nanopartículas bimetálicas, xa que a combinación de paladio e cobre limita a toxicidade do cobre á vez que mantén as súas propiedades bactericidas», engade Ana Vilas, que realizou unha estadía de investigación no Centro de Nanotecnoloxía de Essen, Alemaña, durante o que puido comprobar as excelentes propiedades das nanopartículas bimetálicas.
O traballo galardoado forma parte da tese doutoral de Ana Vilas, dirixida polos docentes e investigadores Mohamed Boutinguiza e Juan Pou.
35 anos de experiencia no procesado e síntese de materiais con láser
O grupo de investigación en Aplicacións do Láser (LaserON) do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo é un referente internacional no ámbito do procesado de materiais con láser, “baseado na conxunción de dous elementos fundamentais: un grupo humano compacto e multidisciplinar con experiencia contrastada neste campo (algúns dos seus compoñentes contan con máis de 35 anos de experiencia no procesado de materiais con láser) e o parque láser dispoñible”, sinalan os seus responsables.
O conxunto de equipamentos, principalmente fontes láser de alta potencia e equipamentos auxiliares, constitúen unha infraestrutura única na Península Ibérica e é unha das dez máis relevantes de Europa neste ámbito.
