DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores conmemórase o día mundial desta enfermidade

Un lazo rosa en apoio da loita contra o cancro de mama

O campus colabora na súa campaña de difusión e na celebración dun partido benéfico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 19/10/2022

Cada ano, o 19 de outubro celébrase o Día Mundial Contra o Cancro de Mama co obxectivo de lembrar e reforzar o compromiso de toda a sociedade na loita contra esta enfermidade, o tumor máis frecuente nas mulleres occidentais. En España, en 2019 diagnosticáronse máis de 33.300 novos casos deste cancro. O campus de Ourense únese a esta loita e un ano máis colabora coa Asociación Española Contra o Cancro en Ourense nas súas actividades e apoiando, a través do seu distintivo lazo rosa, a campaña desta entidade O rosa é máis que unha cor, destinada a fomentar a investigación neste eido e mellorar a vida das persoas afectadas. Alumnado do campus e autoridades académicas, como Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria; Maribel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, e Julio Prada, decano da Facultade de Historia, uníronse á campaña portando os seus lazos.

Ademais, a Vicerreitoría do Campus de Ourense colabora nun partido organizado pola Asociación Española Contra o Cancro en Ourense no que participarán os equipos Club EFF Rosalía e Mulleres de Ourense, formado este último por mulleres de diferentes colectivos sociais da cidade, como a política, a comunicación, o empresariado ou a sanidade. A competición celebrarase este mércores, ás 20.00 h, no campo de fútbol-rugby e o prezo da entrada é de 5 euros, que se destinarán integramente á entidade organizadora. Ademais, hai unha fila cero para as persoas que queiran facer doazóns a través da conta bancaria. A actividade ten como obxectivo contribuír a visibilizar a loita contra o cancro de mama e nela colaboran, ademais da Vicerreitoría do campus de Ourense, o Concello de Ourense, a Deputación de Ourense e os diferentes grupos políticos municipais.