DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación recibiu a visita de 27 alumnos e alumnas do centro

Unha lección sobre o método científico a cargo de escolares do Colexio Guillelme Brown

Nenos e nenas explicaron como traballan na aula por proxectos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Visitas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 02/05/2019

Como xa é tradición cada curso académico, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense tivo este xoves a visita dunha representación de escolares do Colexio Guillelme Brown, do Concello de Pereiro de Aguiar. Nenas e nenos foron os encargados de subir á palestra para explicar a profesorado e alumnado universitario presente como traballan ao longo de cada curso por proxectos con metodoloxía científica.

Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, foi a encargada de dar a benvida ao grupo do Guillelme Brown destacando o esforzo feito por estes escolares na elaboración dos seus proxectos pero tamén polo seu profesorado para acadar “unha aprendizaxe máis sinxela e máis motivada”. A decana amosou o seu desexo de que as e os escolares que este xoves visitaron o campus volvan dentro duns anos como alumnado universitario.  

En total foron 27 as e os escolares dos diferentes cursos de Educación Primaria do Guillelme Brown os que se achegaron ao campus para participar na materia Didáctica das Ciencias Experimentais do Grao en Educación Primaria, materia impartida  polos profesores Francisco Boán e Ángel Dorrío. “Como todos os anos veñen a presentarnos os seus proxectos científicos, elaborados ao longo de todo o curso e que xa amosaron na súa feira científica Expociencia. O máis importante para nós neste caso é a interacción entre os rapaces e os futuros profesores que están aquí formándose no Grao de Educación Primaria”, comentou Ángel Dorrío. O profesor salientou como con esta iniciativa “queremos que os nosos estudantes vexan como se pode aplicar nas aulas o que aquí aprenden e como escolares de Primaria están facendo cousas reais e prácticas de investigación”.

Traballo en equipo

Ana Otero, Fátima Sánchez e Yolanda Varela foron as profesoras do Colexio Guillelme Brown que nesta ocasión acompañaron ao grupo de nenos e nenas. “Traemos unha representación de escolares que abrangue desde primeiro a sexto de Primaria para que expliquen como traballamos nas aulas a través de grupos cooperativos e investigando”, comentou Ana Otero. Esta investigación, apuntou, faise principalmente na área de ciencias pero tamén noutras áreas, como lingua, e céntrase nun tema proposto polo alumnado ou polo profesorado, segundo o curso. Escollido o tema, explicou, as e os escolares “comezan a facer preguntas” e desenvolven en equipo un traballo cunha metodoloxía científica que lles leva a buscar información, formular hipótese, levar a cabo experimentos e obter unhas conclusións.

 “A través do proceso aprenden moitísimo”, recalcou a profesora. Nesta aprendizaxe, engadiu, vir á universidade tamén é importante porque, apuntou Ana Otero, “eles traballan pero logo queren contar o que fan”. Salientando como fomentan o traballo en equipo das e dos escolares como “fundamental para a súa vida escolar e tamén para a vida profesional”, Fátima Sánchez engadiu como “intentamos ensinarlles a que sexan críticos, a que sexan curiosos, a que non importa equivocarse nos experimentos, que o importante é que o intenten e que aprenden”.

Entre nerviosos e impacientes, os 27 escolares foron explicando os seus proxectos á comunidade universitaria presente. A primeira en intervir foi Carmen, estudante de seis anos de primeiro curso de Educación Primaria, que presentou o proxecto elaborado polo seu grupo sobre o universo. A realización do traballo, indicou, permitiulle “aprender moitas cousas sobre as estrelas, como nacen, canto viven e moitas cousas máis”, salientando como o que máis lle gustou da súa elaboración foi “buscar a información e escribila”.