DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade entrega os Premios de Poesía, Relato curto e Tradución literaria 2017

Lembranza a Casares e inmensa “afouteza” literaria para culminar a celebración da Festa das Letras

O acto estivo conducido pola actriz Isabel Risco e contou coa actuación do grupo Blues do País

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 23/05/2017

Cando aínda resoan por todos os recunchos do país as lembranzas á figura de Carlos Casares, as homenaxes continúan, tamén na Universidade de Vigo, onde, tras dúas semanas de actos espallados polos tres campus, tivo lugar o acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas, festividade que cada ano, e xa van vinte, se fai coincidir coa entrega dos Premios de Poesía, Relato curto e Tradución literaria, neste caso a edición 2017, na que resultaron gañadores Genaro Da Silva, Lidia Dosil e Manuel Arca, dous mozos e unha moza que, ao igual ca Casares no seu día, amosan a través das letras, cada un desde o seu propio sentir, o seu compromiso coa lingua e a cultura do país.

A entrega de premios tivo lugar na sala de Consello de Goberno da Reitoría e estivo presidida polo reitor, Salustiano Mato, que non dubidou en dar os seus parabéns a todas as persoas premiadas e ao resto de autores e autoras dos corenta traballos presentados ao certame, felicitacións que chegaron tamén do goberno galego, a través das verbas do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral, que foi o encargado de ir lendo o nome dos gañadores e tamén da profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Iolanda Galanes, membro do consello asesor da Fundación Carlos Casares e recoñecida especialista na obra deste autor.

Conducido pola actriz Isabel Risco e amenizado co actuación de Blues do País, grupo composto por Bieitta James e Pepe King especializado na transformación de temas clásicos do blues e do soul internacional en cancións con referencias galegas, o acto converteuse nunha auténtica Festa das Letras na que, en clave de humor, non faltaron as referencias futbolísticas lembrándolle ás premiadas e premiados que “afouteza tamén é defender a cultura e a lingua propia”.

“Estes premios son sobre todo un impulso para continuar na brecha”

Un a un premiados e accésits foron recollendo os seus galardóns. Na categoría de Poesía, o primeiro premio foi para o estudante de doutoramento Genero Da Silva, e os accésits para Tamara Andrés e Paulo Vilar, que non dubidou en ler uns versos do seu poemario e mesmo tocar unha buguina coa que traer o acto os sons do mar que protagonizan a súa peza. “Estes premios son sobre todo un impulso para continuar na brecha”, salientou ante o público, entre os que se atopaban súa nai, seu pai e súa avoa, a quen dedicou a peza.

En Relato Curto, foi a estudante Lidia Dosil a encargada de recoller o premio, á que seguiron os accésits Xosé Sobral e Antía Iglesias. “Este para nós é un acto de festexar as nosas letras e tamén a paixón pola escrita”, recalcou Dosil. Pola súa banda, o gañador da categoría da Tradución literaria, Manuel Arca, aproveitou a súa intervención para lembrar a importancia dunha profesión, a tradución é interpretación, que é “sobre todo, ponte entre culturas”. Canda el falou tamén Tamara Andrés, que recolleu o primeiro accésit de Tradución literaria en nome de Moncho Iglesias, “que nestes intres está moi lonxe de aquí axudando aos refuxiados”, e Hadrián Pérez, segundo accésit.

Tres premios cos que lembrar tres facetas de Casares

“Tócame dar unhas palabras sobre Carlos Casares con motivo dunha entrega de premios de Poesía, Relato curto e Tradución. Non se me ocorre mellor marco para evocar a súa figura por varios motivos”. Con estas verbas comezou Galanes a súa lembranza do autor ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras. Entre os diferentes motivos esgrimidos, a autora lembrou que “o propio Casares cultivou as tres actividades de modo máis ou menos activo” e “el mesmo tamén presentou a súa obra a varios premios, incluso de ámbito universitario”. Máis alá do Casares narrador, a súa faceta máis recoñecida, a profesora fixo tamén referencia a outras moitas: o poeta, o tradutor, o crítico literario, o editor, o representante institucional etc. Se ben cinguiu a súa intervención as tres actividades máis en consonancia con este acto: os premios e o Casares poeta, o autor de relatos breves e o Casares tradutor e editor de traducións.

“No ano 1959 un noviño Carlos Casares estudante de bacharelato preséntase no Concurso Provincial de Contos de Nadal en Ourense e gaña o primeiro premio”, lembrou Galanes, ao tempo que explicou que o premio consistía en tomar café co xurado, e alí foi onde Casares coñeceu a Vicente Risco. “A partir dese momento intégrase na súa tertulia, na que participaban escritores e artistas como Antón Tovar, Arturo Baltar, Arturo Lezcano, Xaime Quessada, Acisclo Manzano, Ferro Couselo, Xosé Luis de Dios, Xaquín Lorenzo Xocas e outros”, subliñou neste retrato Galanes, que recordou tamén como, xa como estudante da Universidade de Santiago de Compostela, Casares se presentara ao certame das Festas Minervais, “onde toma posición con respecto ao idioma”.

Relacionado co Relato breve desde o seu primeiro libro Vento ferido, Galanes lembrou moitísimos outros relatos breves que foi paseniño publicando en diversas colaboracións, e detívose especialmente na relación de Casares coa tradución, faceta que cultivou ao longo de toda a súa vida, traducindo obra propia e allea. “Como tradutor de obra allea dedica unha especial atención á tradución de literatura infantil e xuvenil pois é moi consciente como profesor de lingua e literatura galegas de que hai unha carencia de lecturas en galego que acompañen a didáctica da lingua e da cultura galega. Por iso alén de traducir Le Petit Prince, da que acabou coleccionando e cuxos case 100 exemplares estiveron expostos na nosa facultade neste curso, iniciara a tradución de Alicia no país das marabillas, Gulliver e mais A illa do Tesouro, traducións que non viron finalmente a luz da súa man”, explicou Galanes, que fixo tamén referencia a que “hoxe podemos ler a Casares en: español, catalán, asturiano, éuscaro, bretón, sardo, francés, italiano, inglés, ucraíno e ruso”.