DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica foi o seu primeiro xuíz honorario

Unha lembranza desde a Universidade nos 150 anos da extinción do Couto Mixto

O profesor Xosé Manuel Cid subliña o interese multidisciplinar deste enclave

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
DUVI Ourense 02/07/2018

Na fronteira entre España e Portugal existiu desde arredor da Baixa Idade Media e ata o século XIX un territorio con organización propia non ligado á coroa dun ou doutro lado da raia. Era o Couto Mixto. A súa historia e os privilexios que tiveron os seus veciños e veciñas son un caso excepcional que esperta un crecente interese. Este martes Xosé Manuel Cid, profesor da Universidade de Vigo e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, será un dos encargados de presentar no Liceo de Ourense a programación organizada para este sábado, día 7 de xullo, co gallo dos 150 anos da extinción definitiva do Couto Mixto, datada en 1868. A Universidade de Vigo, destaca, únese a esta conmemoración pola intensa relación que a une a este enclave histórico desde os anos 90. 

“A nosa vinculación co Couto Mixto remóntase ao ano 1999, cando a Universidade de Vigo organizou en Chaves, a iniciativa de Xosé González Martínez, e xunto á Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, un curso de verán dedicado ao Couto Mixto”, comenta Xosé Manuel Cid. Nese curso, apunta, presentouse o libro de Luis García Mañá O Couto Mixto. Unha República Esquecida e, froito da inquedanza da xente que nel participou, poríase logo en marcha a Asociación de Amigos do Couto Mixto co obxectivo de “recuperar a memoria deste enclave como un territorio esquecido, que non acadou o recoñecemento doutros territorios afíns, como puido ser Andorra, e que a propia poboación ignoraba entón”. 

Moitos ámbitos do saber

Entre as iniciativas postas en marcha por esta asociación estivo a creación das mencións de xuíces honorarios do Couto Mixto, en lembranza do derradeiro xuíz deste enclave, Modesto Delfín Brandón. A Universidade de Vigo, lembra Xosé Manuel Cid, foi a primeira xunto a de Trás-Os-Montes e Alto Douro en inaugurar estas distincións. “Para nós sempre foi unha honra contribuír ao coñecemento do Couto Mixto e participar das iniciativas levadas a cabo para  valorizalo”, afirma o docente, que lembra como ao longo da súa historia acadaron a mención de xuíces  honorarios outras entidades ou iniciativas moi vinculadas á Universidade de Vigo, como Ponte nas ondas! ou os Encontros de Educadores e Educadoras pola Paz. Este sábado, indica o profesor, serán nomeados os pobos de Souteliño, Cambedo e Lama de Arcos, que quedaron na parte lusa trala sinatura do Tratado de Lindes entre España e Portugal, que puxo fin ás aspiracións de Portugal sobre o Couto Mixto, e un ano máis Xosé Manuel Cid será un dos que participará na característica cerimonia de entrada dos novos xuíces. 

“Para a Universidade, o Couto Mixto reúne moitos elementos de interese”, comenta Xosé Manuel Cid. Por unha banda, detalla, está o seu interese antropolóxico, pola mestura de culturas, e histórico, polos privilexios que tiñan os seus cidadáns, polo seu carácter excepcional e polo papel que xogou en determinados momentos, por exemplo na acollida de refuxiados. Porén, engade o profesor, tamén está o interese no que se refire ao idioma, “pois aínda que os habitantes do Couto Mixto puidesen elixir ser lusos ou españois a súa lingua era o galego”; ao seu modelo democrático; ao comercio ou á organización xurídica. “Como Universidade é importante estar aquí porque son moitos os ámbitos do saber que se tocan nesta marabilla da historia que é o Couto Mixto”, afirma por último Xosé Manuel Cid. Como mostra deste potencial e interese, o profesor destaca como este martes no Liceo de Ourense se presentará tamén o libro de José Rodríguez Cruz, editado por Edicións Laiovento, O Couto Mixto. Aspectos folclóricos.