DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mário Mesquita, autor do libro “El cuarto equívoco”:

“A liberdade de expresión debe aplicarse a todos os cidadáns e non só aos propietarios dos medios ou aos periodistas”

O profesor falou sobre o poder da comunicación na sociedade actual

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 07/04/2008

Co obxectivo de achegar aos alumnos as claves máis importantes da comunicación estratéxica realizada na sociedade actual, o profesor e autor portugués Mário Mesquita, falou sobre o poder dos medios na sociedade contemporánea apoiado no seu último libro El cuarto equívoco, un manual sobre información social e política que presentou ante os estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Acompañado polo decano do centro, Alberto Pena e polo profesor Manuel Fernández Areal, o autor subliñou a idea de que “a liberdade de expresión, constituíndo a matriz da liberdade de prensa, debe aplicarse a todos os cidadáns e non só aos propietarios dos medios ou aos periodistas”, comentou Mesquita.
Mesquita que foi director do xornal luso Diario de Notícias, ademais de defensor do lector e docente na Universidade Lusófona e na Politécnica de Lisboa, afondou, durante o transcurso do relatorio, en diversos aspectos relacionados co papel dos medios en escenarios políticos e sociais a través de casos prácticos de comunicación social dende unha perspectiva tanto nacional coma internacional. Outro dos aspectos sobre os que reflexionou foi a función concreta do xornalista e o poder que desempeña dentro do soporte para o que traballa. En relación con este tema, o autor portugués afirmou que “o periodista ten unha función subordinada pero non esmagada de xeito que, aínda que segue unha liña editorial e unhas pautas que lle veñen marcadas, tamén están nas súas mans os feitos que conta ou as novas que escribe”, comentou.
Xa para rematar a xornada e a modo de coloquio entre os asistentes, tocáronse temas como as tendencias da comunicación política, a febre do directo na profesión xornalística ou a narrativa dos medios actuais en base ao que é bo e ao que é malo.
O decano da facultade, Alberto Pena, aproveitou a ocasión para anunciar que o profesor Manuel Fernández Areal recibirá a insignia de oro do centro no acto de celebración da patroa, Santa Catarina de Siena, o vindeiro 28 de abril, “pola súa contribución a que esta institución acadara o prestixio co que conta hoxe en día”, comentou.

"El cuarto equívoco"

No seu último libro, Mário Mesquita analiza os múltiples equívocos que rodean ao denominado cuarto poder en relación a súa definición e incluso en canto a súa lexitimidade. O que explica o autor na súa obra é que aínda que os medios son independentes das institucións políticas, están influídos e utilizados por todos os demais poderes, incluso os económicos e os tecnolóxicos. A obra inclúe unha das mellores análises sobre a influencia dos medios e o papel que neles desempeñan os xornalistas dos nosos tempos, ademais de recompilar artigos de revistas especializadas, intervencións en conferencias e coloquios agrupados en cinco capítulos: actualidades, poderes, perspectivas, deontoloxías e cerimoniais. En verbas do decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, “é un libro que debe lerse, consultarse e que axudará a comprender mellor o que é a comunicación”.