DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu autor é o historiador do campus de Ourense Julio Prada

Un libro aborda as “memorias” que sobre a Guerra Civil e a represión se foron sucedendo ao longo dos anos

Titúlase 'The battle over the memory and the new account of the Spanish Civil War'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 15/05/2023

The battle over the memory and the new account of the Spanish Civil War é o título do último libro do profesor de Historia Contemporánea e decano da Facultade de Historia do campus de Ourense Julio Prada. Nel aborda, froito das súas décadas de traballo investigador e docente, as “memorias” que sobre a Guerra Civil e a represión se foron sucedendo ao longo dos anos e ata a actualidade.

Tres partes diferenciadas

O libro, da editorial Peter Lang, consta de tres partes diferenciadas. Segundo explica o historiador da UVigo, na primeira abórdase a cuestión das diferentes “memorias” que sobre a Guerra Civil e a represión que se foron sucedendo ao longo dos anos, dende os tempos da Guerra Civil ata a aprobación da nova Lei de Memoria Democrática, algo que, indica, “naturalmente esixe non eludir a problemática cuestión da utilización política da mesma; algo que, con matices, estivo sempre presente dende xullo de 1936 ata os nosos días”.

A segunda parte, detalla o autor do libro, é unha reflexión non sobre as “memorias” en si, senón sobre os “relatos” pasados e actuais sobre a violencia política. “Neste senso, penso que a irrupción da “memoria” e a incorporación de novas categorías de análise para o estudo desta última supuxeron unha importante renovación nos estudos sobre a propia Guerra Civil e o réxime franquista”. Con todo, engade o historiador, “ao meu entender, a obsesión co presentismo característica do tempo da posverdade sitúanos aos historiadores diante de novos e inquietantes retos como consecuencia da perda do noso papel de custodios da interpretación do pasado. E un deles, por exemplo, ten que ver co uso de conceptos vinculados á normalización do relato transicional para caracterizar as violencias implementadas nas zonas republicana e franquista”.

Na última parte do libro, ademais de “explorar as complexas relacións entre pasado e presente, póñense de manifesto os perigos derivados da tentación de impoñer unha única narrativa pública e unidireccional sobre o pasado”. Neste senso, comenta Julio Prada, “o que se reivindica é un espazo propio na interpretación historiográfica menos dependente das perentorias e mudables necesidades do presente e a necesidade de construír un novo relato sobre o pasado traumático español que non implique a súa disolución no conxunto das diferentes formas de rememoración cultural tan de moda nos nosos días”.

Un ensaio dun tema complexo

Sobre a idea de facer esta publicción, o seu autor sinala que “a verdade é que despois de máis de 20 libros de temática investigadora pura e dura apetecíame facer algo diferente ao que en min é habitual: un libro de ensaio que ten moito de reflexión persoal sobre todos eses aspectos abordados”. O historiador sinala que “é evidente que esa reflexión é froito de tres décadas de traballo con todo tipo de fontes e que o que nel se defende susténtase, como non podía ser doutro xeito, nun traballo de investigación previo. Pero tamén está moi condicionado pola miña propia experiencia como docente no senso de que, ao longo de todo este tempo, tamén fun testemuña de como a percepción do noso pasado traumático ía mudando a medida que alcanzaban a súa maioría de idade social as diferentes cohortes que pasaron polas miñas aulas. Ese "combate sobre a memoria" e "pola memoria" é algo moi presente nos nosos días”.

A publicación The battle over the memory and the new account of the Spanish Civil War, comenta Julio Prada, “é un ensaio no que se abordan problemas complexos e conceptos embarazosos sometidos a discusión mesmo entre os considerados especialistas na materia. Eu diría que, ademais, uns e outros resultan particularmente incómodos porque nas últimas décadas, dende o punto de vista mediático, semella primar máis a confrontación política que un auténtico debate de ideas”. Neste contexto, engade, “dalgún xeito o que se tenta no libro é complexizar o relato simplista que prevalece na actualidade. No complexo mundo das relacións entre seres humanos as cousas non son case nunca brancas ou negras. Nin sequera grises. Case sempre oscilan entre as case infinitas tonalidades do gris”.