DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Laura Novelle reúne nunha guía unha serie de pautas e recomendacións

Un libro achega o alumnado ás “claves para o éxito” na realización de traballos de fin de grao ou máster

Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/07/2021

Achegar unha serie de pautas, consellos e recomendacións que guíen ao alumnado universitario ao longo do proceso de realización dun traballo de fin de grao ou mestrado, desde a elección do tema ata a súa defensa final. Ese é o propósito de Elaboración de TFG, TFM e teses: Claves para o éxito, o novo libro da profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Laura Novelle, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. “O seu obxectivo é proporcionar a estudantes e persoas titoras un manual breve, claro e sinxelo para planificar traballos de fin de titulación”, salienta a docente do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, que explica que este manual parte da idea de que “a escritura científica constitúe un código que se pode aprender”.

“Ninguén nace sabendo investigar”, engade Novelle, que lembra que a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) implicou que todas as titulacións incorporasen no seu plan de estudos a realización destes traballos finais. “Os TFG e TFM non son un mero trámite, son unha proba de madurez do estudantado que vai saír ao mundo laboral”, sostén esta docente, que recoñece que, no contexto español, non abondan este tipo de materiais de apoio, dirixidos a iniciar nos procesos científicos e na escritura académica. De feito, o libro, que busca achegar “contidos claros, nacidos ao abeiro dunha filosofía práctica”, naceu tamén coa idea de “cubrir ese oco en lingua galega”, como recolle o seu texto de presentación.

Saber cara onde ir e comezar con tempo

Unha das recomendacións nas que Novelle fai énfase neste manual é na importancia de afrontar estes traballos con tempo, xa que o primeiro erro que poden cometer as e os estudantes "é crer que é un traballo de aula” máis. Trátase, sinala, dun traballo que implica “ler, pensar, elaborar, madurar ideas, propoñer cousas...”, e, polo tanto, un proceso “que “leva tempo, sobre todo se non se ten experiencia”. Neste senso, unha das recomendacións nas que fai énfase na docente é na de “non deixar o TFG para o mes anterior”, senón “ir pensando no tema con tempo, falar con varios profesores, ler por conta propia”. Ao mesmo tempo, Novelle incide tamén na necesidade de que teñan en conta que este tipo de traballos non constitúen un “proceso lineal”, senón que haberá “momentos positivos e momentos de retroceso”. 

De cara a enfrontarse ao inicio dun TFG, TFM ou dunha tese de doutoramento “o fundamental é ter ben acoutado o tema e os obxectivos de investigación”, salienta Novelle, que lembra que “para alguén que non sabe onde que ir, ningún vento e favorable”. Nese senso, ter claro “o que buscamos co traballo” constitúe o primeiro paso nun proceso no que a continuación será preciso “deseñar un plan de investigación e seleccionar ben as fontes de información”. Neste punto, a docente pon o acento na importancia que teñen os criterios de busca de información. “Google e Wikipedia son o máis fácil, non o mellor”, sostén a autora dun libro que reúne ordenadas por ámbitos, unha serie de fontes e ferramentas para acceder “a información de calidade”. 

Finalmente, Novelle pon o acento na importancia de realizar “unha boa síntese” para a defensa oral do traballo, que require dunha planificación propia e de ensaios que permitan logo manter “a liña argumental que máis conveña”. Nese senso, lembra que “outro erro moi repetido” polo alumnado é converter esta defensa “nunha versión reducida do TFG, lendo diapositivas”.

Recomendacións cun enfoque global

Antes deste volume, Novelle realizara xa un primeiro libro autoeditado sobre a preparación de TFG e TFM nos ámbitos de ciencias sociais e humanidades, resultado á súa vez do blog centrado na preparación deste tipo de traballos que mantén desde hai tres anos. “Este novo manual nace dun enfoque global, incorpora a miña experiencia na UVigo para servir a calquera titulación”, salienta a súa autora. Do mesmo xeito, aínda que cambie “o nivel de profundidade e o enfoque”,  Novelle buscou reunir neste manual recomendacións que puidesen servir tanto a estudantes de grao e mestrado como a alumnado de doutoramento.