DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado por persoal investigador do Grupo de Estudos en Traballo Social

Un libro analiza a intervención social con persoas migrantes

Nel abórdanse as necesidades deste colectivo fóra de estereotipos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Diversidade
  • Igualdade
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 02/07/2025

Trabajo social e intervención social con personas migrantes é o título dunha nova publicación feita por persoal investigador do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) da Universidade de Vigo. Nela, fóra de estereotipos e atendendo ás novas formas de “ser inmigrante”, abórdanse as necesidades e dificultades deste colectivo e os modelos e procesos de intervención con el. 

O libro, publicado pola Editorial Aranzadi, está asinado por Carmen Verde (coordinadora), Iria Vázquez e Rubén González, membros do citado GETS-IT e docentes da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Nel recóllense reflexións froito da experiencia acumulada das autoras desde 1998, tanto na xestión de entidades do terceiro sector ligadas ás migracións como a partir da súa participación no desenvolvemento de diferentes investigacións e intervencións sociais sobre o tema en España e en África.

Novas formas de "ser inmigrante"

Sobre a relevancia da temática abordada, o equipo da UVigo lembra que “España viviu unha gran transformación social no relativo ás migracións internacionais desde os inicios do século XXI: deixou de producir emigrantes para comezar a recepcionar un volume relevante de poboación procedente doutros países”. Un cuarto de século máis tarde, sinala, “comprendemos que os procesos migratorios son fenómenos complexos e moi diversos, polo que necesitamos deternos a reflexionar sobre a cuestión migratoria e como se ten que enfocar a intervención social nela”.

Na actualidade, recóllese na publicación, as migracións concíbense como tránsitos transnacionais que teñen modificado profundamente as características do colectivo migrante. “As migracións non son (só) froito da miseria e da guerra; nin da mobilidade do sur, considerado pobre e subdesenvolvido, ao norte enriquecido; ou viaxes de ida e volta en cuxo ínterin transcorreu unha vida enteira”, apunta o equipo investigador. Segundo explican, moitas persoas migrantes sosteñen as súas vidas nas sociedades de acollida á vez que as manteñen nas de orixe, grazas por exemplo ás novas tecnoloxías. “As familias transnacionais modificaron profundamente as antigas formas de “ser inmigrante” e os modos de comprender e intervir con elas desde o ámbito social”, afirman. 

Polo que respecta á súa estancia en España, o libro apunta a que “a inestabilidade xurídica, os prexuízos étnicos, a discriminación laboral, ou os discursos de odio que emanan directamente do racismo e da xenofobia, entre outras cuestións, provocan que a poboación migrante sexa especialmente vulnerable á exclusión social”. Neste contexto, o equipo autor da publicación sinala que o traballo social e a intervención social, en xeral, necesitan de marcos conceptuais definidos, con diagnósticos rigorosos afastados de estereotipos sociais, e unha guía metodolóxica para intervencións sociais que sexan capaces de xerar boas prácticas co colectivo migrante, elementos aos que esta publicación desexa contribuír. 

Dos conceptos á práctica

O libro componse de sete capítulos. Arranca cunha explicación de que é a migración; a distinción entre persoas migrantes, estranxeiras e refuxiadas; os principais movementos migratorios en España no século XX; a lexislación de estranxeiría e os plans de integración social das persoas migrantes. Segue abordando as dificultades que ten que afrontar este colectivo en España a partir do réxime normativo e os modelos de intervención social con el, desde as primeiras intervencións rexistradas ata a actualidade. Ao longo das páxinas, o equipo tamén analiza a actuación das e dos profesionais do social coas persoas migrantes segundo as distintas fases da estrutura básica do procedemento en traballo social. Neste senso, optan por empregar un enfoque transnacional, con perspectiva de xénero, traspasando “as fronteiras que establecen a dualidade entre eles e nós” e defendo unha concepción das persoas poliédrica, que “esixe actuacións profesionais integrais”. 

Na publicación tamén se ofrecen, “máis que pautas para a actuación profesional, unha serie de posicionamentos para pensar en como se ten que realizar o estudo das situacións da poboación migrante, que consideracións ter para establecer un diagnóstico social das mesmas e que ter en conta ao planificar unha intervención social, apostando principalmente polo acompañamento como forma de abordaxe e de técnica de actuación profesional”. Os últimos capítulos están destinados a abordar a problemática específica das migracións en solitario de nenas, nenos e adolescentes e tamén das mulleres migrantes, consideradas estas últimas “exemplo paradigmático das discriminacións interseccionais nas que se van sumando segregacións sexistas e racistas”.