DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está realizado no marco do proxecto europeo SoildiverAgro

Un libro electrónico recolle o estado actual do coñecemento sobre biodiversidade do solo e prácticas agrícolas

Nel abórdanse os problemas actuais da agricultura e os seus desafíos de futuro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 10/03/2021

Cun orzamento de case sete millóns de euros, 22 socios de sete países e liderado desde o campus de Ourense polo investigador David Fernández Calviño, no ano 2019 arrancou o proxecto europeo SoildiverAgro co obxectivo de avanzar na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo. No marco desta iniciativa vén de publicarse en formato electrónico o libro Interactions between agricultural management and soil biodiversity: an overview of current knowledge. A publicación “recolle o estado actual do coñecemento sobre biodiversidade do solo en relación coas prácticas agrícolas que se veñen realizando ata o día de hoxe”.

A publicación, explica David Fernández, investigador da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Ciencias, “busca achegar cuestións relacionadas coa diversidade do solo e a súa importancia á sociedade” e nel “resáltanse os problemas actuais da agricultura e os desafíos para o futuro da agricultura moderna e identifícanse técnicas sostibles para ser aplicadas de forma que, ademais de mellorar a agricultura e facela máis rendible, incrementen a biodiversidade do solo, reto a conseguir cara a un desenvolvemento sostible por parte da UE”. Sobre a importancia da temática abordada neste documento, os seus responsables indican como “a miúdo non comprendemos a importancia da perda de biodiversidade do solo, xa que non adoitamos observala na nosa vida cotiá”. Porén, engaden, “actualmente, estímase que a degradación do solo afecta a ata sete millóns de hectáreas ao ano”. Tendo en conta o incremento do uso de fertilizantes sintéticos e como nalgunhas áreas “estamos preto de alcanzar o noso límite de extracción de recursos”, engaden, “é vital xestionar a fertilidade do solo en diferentes agroecosistemas” a fin de manter o medio ambiente circundante.

12 capítulos

O libro, editado por Diego Soto, Merrit Shanskiy e o propio David Fernández, é resultado do grupo de traballo dous de SoildiverAgro. Este grupo centra o seu interese na aplicación de prácticas agrícolas sostibles para potenciar a biodiversidade do solo e reducir o uso de agroquímicos e en responder ás preguntas críticas sobre cales son os problemas e desafíos máis urxentes na agricultura. Isto, sinalan desde o proxecto, abordouse mediante enquisas e grupos de discusión cos sectores clave relacionados (investigadores, agricultores, técnicos agronómicos, fabricantes, oenegués, administracións públicas, asociacións de consumidores, etc.). “Ao adoptar este enfoque de múltiples partes interesadas, definíronse os principais problemas da agricultura moderna e, a través dun proceso exhaustivo de recompilación de datos e revisión literaria, identificáronse as prácticas de xestión máis prometedoras”, afirman. Froito deste traballo, o libro “proporciona unha análise integral de varios sistemas de manexo de cultivos que poden mellorar a produción e a calidade dos cultivos á vez que melloran a calidade do solo, utilizando técnicas socialmente aceptables, economicamente viables e amigables co medio ambiente que favorecen a biodiversidade do solo”.

Cada un dos 12 capítulos da publicación, indican os seus responsables, centrase nun aspecto da biodiversidade do solo. Así, ao longo das súas páxinas, o libro aborda, en relación coa biodiversidade dos solos, a intensificación agroecolóxica; a diversificación de cultivos; os sistemas de labranza; as comunidades de fauna do solo como reguladoras biolóxicas dos fungos fitopatóxenos; as bacterias promotoras do crecemento vexetal; os fungos micorrizicos en agricultura e a contaminación do solo. Tamén analiza o efecto dos subprodutos orgánicos empregados en agricultura; a alerta de pragas para a detección temperá de patóxenos; a mellora da calidade do solo con cultivos de cuberta ou o uso de cultivos trampa para reducir o uso de praguicidas. O capítulo final ofrece orientación na toma de decisións de xestión de solo agrícola.

Actualmente o libro está dispoñible en inglés para a súa descarga de balde pero, explica David Fernández, será traducido a varios idiomas, entre eles o galego e o castelán, para “chegar ao maior número de persoas posible, para conectar a ciencia co público xeral dunha maneira sinxela e comprensible para toda a sociedade”.

Un proxecto H2020

SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase) está financiado polo programa H2020, o programa de financiamento de investigación e innovación da UE. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, a iniciativa, que se desenvolverá ata maio de 2024, conta coa participación de socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia participan, ademais da Universidade de Vigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez.