DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A obra céntrase na realidade “física e virtual” das súas relacións afectivas

Un libro explica ao colectivo adolescente como “xogar limpo” no amor

Foi realizado por un equipo do Grupo de Investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 02/02/2023

Contribuír a reformular “o amor” no colectivo adolescente baseándoo na igualdade, no respecto e no cariño. Con este reto preséntase o libro Xogando limpo no amor. Realizado por un equipo do Grupo de Investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo, a obra articúlase en base a unha historia na que a súa protagonista, Elisa, unha adolescente de 16 anos, relata as súas experiencias nas relacións de amizade e tamén nas súas primeiras relacións amorosas.

A publicación está coordinada polas profesoras da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Yolanda Rodríguez e María Lameiras e completan o panel de autoras as alumnas do Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento Sabela Salgueiro, Eva González e Jessica Lucini e a tamén investigadora e docente Rosana Martínez. Xogando limpo no amor foi financiado pola convocatoria de realización de actividades formativas e de divulgación 2022, da Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo, e con el iníciase unha serie de materiais de innovación docente chamada Faladoiro de Sexualidade.

Deconstruír os estereotipos de xénero e os mitos do amor romántico

“A historia de Elisa reflicte a realidade actual das relacións afectivas no colectivo de adolescentes, tanto no plano físico como no virtual, co obxectivo de deconstruír os estereotipos de xénero e os mitos do amor romántico interiorizados desde a infancia a través do proceso de socialización diferencial”, sinalan as autoras do libro. Os estereotipos de xénero, lembran, “son crenzas socialmente compartidas sobre as características físicas, de personalidade e intelectuais así como os roles, actividades e comportamentos que deben levar a cabo as mulleres e os homes na sociedade” e “os mitos do amor romántico son falsas crenzas que perpetúan a desigualdade entre mulleres e homes, actuando como barreira para a construción de relacións afectivas igualitarias e libres de violencias on line e off line”.

En Xogando limpo no amor abórdanse, tal e como detallan as súas responsables, temas como a atracción, o amor saudable, o namoramento, as emocións, os medos e dúbidas de rapaces e rapazas á hora de coñecer a unha persoa, así como as imposicións sociais, como os estereotipos de xénero e os mitos do amor romántico condicionan e impactan negativamente nas relacións de parella. “Outros dos temas que se abordan son as (ciber)violencias sexuais nas relacións de parella adolescentes. Internet, as redes sociais e as aplicacións de mensaxería convertéronse nun novo espazo de cibersocialización para o colectivo adolescente, ao mesmo tempo que se transformou nunha vía para perpetuar as (ciber)violencias sexuais”, recolle a publicación, que contou con asesoramento de varias adolescentes.

19 escenas

Segundo explican as súas autoras, a obra está organizada en 19 escenas e cada escena divídese en tres subapartados: “a miña historia”, onde a protagonista conta as súas vivencias;  “cuestións a reflexionar”, onde a través de diferentes preguntas invítase ás e aos lectores a reflexionar sobre conceptos, percepcións, actitudes, comportamentos socialmente establecidos e, por último, “para saber máis”, onde se proporciona máis información para dar resposta ás cuestións expostas anteriormente. “En definitiva, esta obra, coeducativa, facilita a adquisición de contidos clave para construír relacións afectivas saudables, proporciona ferramentas para identificar relacións de parella tóxicas que poden desencadear en (ciber)violencia de xénero e/ou sexual e permite que o colectivo adolescente desenvolva a conciencia crítica”, afirman as súas responsables. Así, detallan, o libro constitúe un recurso no que se tentou condensar todas aquelas cuestións que poden comprometer o axeitado desenvolvemento integral dos e das adolescentes, estando dirixido non só ao colectivo adolescente senón tamén ao colectivo docente de Educación Secundaria é ás propias familias.

Para finalizar, as autoras do traballo destacan que a historia que se recolle na publicación está contextualizada no medio semi-rural, “coa finalidade de pór en valor o contexto rural e tamén para visibilizar como as experiencias do colectivo adolescente son semellantes aos do seu grupo etario do medio urbano”. Ambos grupos, detallan, “desde o estoupido da cibersocialización a través de Internet, as redes sociais e as aplicacións de mensaxería é onde inician as súas relacións de amizade e/ou afectivas e deste modo créanse redes transfronteirizas entre ambos contextos”.