DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obra do profesor de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego e do artista e docente Miguel Copón

Un libro explora a soidade como sustento da creación artística

‘Soledades’ aborda tanto a súa representación como a súa influencia nos procesos creativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 16/03/2026

“Este libro reconstrúe a imaxe da soidade como unha experiencia creativa, central para a constitución de suxeitos e identidades, no corazón íntimo do proceso artístico”. Deste xeito presentan o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego e o artista e docente Miguel Copón Soledades. Estéticas del retiro, o libro no que reflexionan sobre como artistas, poetas ou pensadores de diferentes épocas “converteron o retiro, o silencio e a distancia social” nunha condición para a creación artística. Publicado por Cátedra, trátase dun volume no que, desde o campo da Estética, buscan conectar un amplo abano de obras, autores e autoras nunha reflexión sobre “o distanciamento paradoxal do social en busca dunha comunicación máis intensa”.

“O libro refírese a unha estética, é dicir, á conexión entre as artes, ou as súas imaxes, e o retiro”, sinala Ruiz de Samaniego respecto dun volume que definen como “un proxecto de investigación en curso” no seu texto de presentación. De feito, Soledades insírese na liña de colaboración que este escritor, docente e comisario mantén desde hai máis de 25 anos co investigador Miguel Copón, profesor de Estética na Escuela de las Artes Sur de Madrid. Ambos desenvolveran xa previamente proxectos como a exposición-ensaio Cabañas para pensar, que tiña na idea do retiro un dos seus eixes centrais.  

Unha “nova pandemia” fronte a un “illamento necesario”

Un dos puntos de partida do libro, sinalan Ruiz de Samaniego e Copón, “é a diferencia entre a soidade desexada e a imposta”, que en idiomas como o inglés ou alemán vese reflectida na existencia dun termo para referise a esta última e outro que apunta “un retiro voluntario no que aparecen novas dimensións para o sentimento, o pensamento e a creación”. De aí que recoñezan a actualidade da temática que explora este libro, nun momento “no que o Consello de Ministros debate a aprobación dun marco estatal para traballar contra esta nova pandemia, que afecta a un de cada cinco españois, segundo o Observatorio Soledades”. 

A soidade, recoñecen, é un concepto “cambiante pero rotundamente actual”, que alude a un “problema de emerxencia sanitaria”, mais que engloba tamén un “illamento necesario para dar valor ás formas compartidas cos demais”, como apuntan na súa introdución. “É necesario para a arte a maior intimidade co social, para coñecer as súas regras, e a maior distancia, para poder modificalas”, sosteñen na apertura do que recoñecen como “un traballo amplo e humilde, en canto aborda un asunto inabordable e infinito”.

Na busca de “novas lecturas” de obras e procesos

Desde a perspectiva metodolóxica da Estética, o interese dos autores de Soledades era “atopar imaxes rotundas centradas nun tema que podemos atopar en case calquera manifestación da nosa sociedade, e propor lecturas e conexións que á súa vez enriquezan a súa visión e lectura”. Nese senso, o libro non propón unha ordenación cronolóxica de obras ou autores, senón que “debuxa o mapa relacional deste aspecto complexo”, sinalan.

Ruiz de Samaniego e Copón achéganse a un amplo número de autores e autoras que crearon desde un afastamento “buscado” da sociedade, mais tamén a aqueles e aquelas “afectados por unha soidade involuntaria”, por mor dunha enfermidade ou do encarceramento, por exemplo. O seu propósito “é recoñecer a soidade e o retiro nas súas diferentes manifestacións”, deténdose en como esta se reflicte nas obras, indo máis aló da “representación literal de corpos solitarios”. Mais tamén buscan, apuntan, “indagar sobre os procesos humanos que interviñeron na súa creación”, afondar “na razón poética dos autores, tanto fronte á súa obra como polo que respecta ás condicións emocionais e reflexivas que enxalzan ao producila”. A súa vontade é “propor novas fórmulas de lectura da imaxe, novas formas de abordar a experiencia creativa”, sinalan.

“O libro constrúe unha traxectoria gráfica chea de rúas e derivas, para desenvolver estas relacións, entrecruzadas en numerosas ocasións”, engaden dunha publicación que conecta a poesía de Rainer Maria Rilke ou José Ángel Valente, con artistas como Rothko ou Giorgo Morandi ou pensadores como Nietzsche ou María Zambrano, “e un longo etcétera”. As reflexións dos seus dous autores combínanse á súa vez cun amplo número de imaxes, “tanto gráficas como ideográficas, tanto fotográficas como textuais”, de tal xeito que no libro non só adquiren protagonismo as numerosas reproducións de obras, senón tamén unha ampla escolma de citas.