DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade reúne nunha publicación unha serie de entrevistas a artistas que estudaron no centro

Un libro para falar de Belas Artes antes, durante e despois

Tamén fai balance das iniciativas da asociación de ex-estudantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/09/2018

Falar do que acontece despois de formarse na Facultade de Belas Artes, pero tamén das expectativas coas que o alumnado chega a este centro do campus pontevedrés, así como dalgunhas iniciativas que se levan a cabo na facultade máis aló da actividade docente. Estes son os tres propósitos cos que naceu Antes, durante, despois, o libro no que esta facultade reúne unha serie de entrevistas a seis artistas e ex-estudantes xunto con información sobre iniciativas desenvolvidas no propio centro ou impulsadas pola asociación Rede por Belas Artes. Victoria Diehl, Rosendo Cid, Alberto Vázquez, Irma Álvarez-Laviada, Jorge Perianes e Tamara Feijóo son as e os seis artistas que reflexionan sobre a súa traxectoria e sobre o seu paso pola facultade nas entrevistas que reúne unha publicación que ten como propósito “intentar recoller o que soe permanecer máis invisible, o que ocorre fóra dos exercicios máis académicos e tamén reivindicar que somos unha comunidade e que a facultade en si non é só un espazo polo que pasas para obter un título”, salienta a decana Silvia García.

Editado pola facultade, Antes, durante, despois reúne seis entrevistas realizadas pola ex-alumna Sara Donoso a artistas que foron alumnos de diferentes promocións publicadas orixinariamente na propia web da facultade. “Unha das ideas é que a web non fose información práctica, listaxes... senón que haxa tamén outros contidos que teñen que ver coa facultade”, explica García desta serie de entrevistas que buscaban precisamente abordar esas ideas do antes, o durante e o despois. “Son entrevistas que falan do longo percorrido, que non están ligadas a unha cuestión puntual ou a unha exposición concreta”, senón que buscan abordar “as expectativas que teñen os estudantes, o que ocorre mentres estudas”, pero tamén afondar na súa traxectoria como artistas, explica. “Todos eles teñen un percorrido profesional recoñecido, polo que creo que trátase tamén duns contidos interesantes para os estudantes actuais”, engade García, que incide en que pode resultar “pedagóxico para os propios estudantes que teñan de primeira man esas testemuñas, xente que che fale con honestidade do tempo e o esforzo que lles custou chegar a un percorrido profesional interesante”.

De tres premios Goya a unha portada do New York Times

Entre os protagonistas deste libro atópase o ex-alumno, gañador de tres premios Goya Alberto Vázquez, que desenvolve a súa traxectoria profesional nos campos da ilustración e da animación audiovisual, pola que foi recibiu o premio da Academia das artes e as ciencias cinematográficas de España á mellor curta de animación en 2012 e 2017, ano no que tamén obtivo o premio á mellor longametraxe de animación por Psiconautas. Tamén foi entrevistada a doutora en Belas Artes Victoria Diehl, artista e docente “cunha importante proxección nacional e internacional”, como se apunta nesta publicación e á que en 2014 o New York Times encomendou a imaxe de portada do seu anuario de cultura. Xunto a eles, o libro recolle as impresións do artista e escritor Rosendo Cid, que protagonizou exposicións en espazos como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ou a Fundación Granell;  así como de Irma Álvarez-Laviada, cuxa traxectoria artística foi recoñecida en premios e residencias como a da Real Academia de España en Roma ou a da Cité Internationale des Arts de París ou o premio da Fundación Botín e cuxa obra forma parte de coleccións como a da Ministerio de Cultura ou a Fundación Antonio Gala. Completan a selección de entrevistados o artista plástico Jorge Perianes, cuxa obra está presente en coleccións como a do CGAC ou o Museo de Arte Contemporánea de Castilla y León (Musac), e a artista Tamara Feijóo, cunha traxectoria avalada por exposicións na Fundación Luis Seoane, no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña ou na Galería Estampa de Madrid.  

A asociación de ex-estudantes e actividades transversais

Nese propósito de ollar cara o despois, o libro detense tamén na actividade da asociación REDExBBAA, e dos proxectos realizados polos seus e as súas integrantes, como o proxecto de humanización da Unidade de Coidados Paliativos do Hospital Meixoeiro de Vigo que levou a cabo Eva Monroy ou as visitas guiadas ás diferentes sedes que acolleron, grazas á colaboración da Deputación, a exposición Proxecto Táctil ao longo do pasado curso.

No relativo ao durante, o libro detense no proxecto de deseño de mobiliario para o patio que Belas Artes comparte coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia levado a cabo o pasado curso. “Escollémolo porque foi unha desas actividades transversais que axudaban a reflexionar sobre o propio uso do espazo, porque a facultade non son só aulas e corredores e ese taller implicou tamén unha reflexión sobre como se produce a convivencia na facultade entre estudantes de distintas titulacións, que é algo importante, algo que produce coñecemento”, sinala García.