DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Compañeiras e compañeiros de departamento organizaron un acto co gallo da súa xubilación

Un libro e unha homenaxe na despedida do profesor Ramón Gutiérrez Izquierdo

Foi docente na Universidade de Vigo desde 1998

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Lingua Galega
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/02/2019

Este venres a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu un acto de homenaxe ao profesor Ramón Gutiérrez Izquierdo co gallo da súa xubilación. Compañeiras e compañeiros de centro, do Departamento de Filoloxía Galega e Latina e ex alumnas e alumnos sorprenderon ao homenaxeado cun acto no que se presentou unha publicación dedicada a el.

“Eu creo que esta homenaxe había que facela a todos os alumnos que tiven e que quixeron aprender con esforzo, con traballo, porque eu non concibo doutra maneira a aprendizaxe”, salientou Gutiérrez Izquierdo, facendo extensible esta dedicatoria a “todas as persoas que me tratastes no departamento e que pese a iso me facedes este acto”. Lembrando como a súa chegada á Universidade de Vigo se produciu en 1998, o profesor xa xubilado dixo que a avaliación que fai destas dúas décadas de docencia “é magnífica polo que eu creo que acheguei e pola resposta dos alumnos, que continúa sendo por exemplo moi estimable no curso que dou con Xosé Carlos Caneiro de Didáctica da Ficción e da Creación Literaria, que sempre ten unha lista de agarda considerable”.

Esixencia

A docencia, dixo, “foi un pouco a miña vida. Doume a ilusión de transmitir pero tamén de aprender, porque procurei renovar cada ano o sistema de docencia, os textos cos que eu traballa, os exercicios… unha renovación constante que creo que é indispensable en todo profesor”. Así, recalcou o homenaxeado, “a esixencia creo que é indispensable para unha boa calidade do ensino”. “Considero que o igualitarismo é un dos peores males que están afectando á docencia no senso de que impide a mobilidade social. Cando a todos os alumnos, debido a unha falsa concepción da educación, se lles facilita saír cun título porque non hai un nivel de esixencia elevado despois o que vai acontecer desgraciadamente é que os que se van a empregar nos postos mellores non son os máis preparados senón os que teñen padriños”, afirmou.  

Na mesa o homenaxeado estivo acompañado polos compañeiros e compañeiras de departamento Ana Acuña, Ana Iglesias, Xosé-Henrique Costas e Alexandre Rodríguez. Durante as súas intervencións gabaron este compromiso coa esixencia e coa educación de Gutiérrez Izquierdo, lembrando a súa fama de “duro e implacable” entre o alumnado. Así Alexandre Rodríguez, director do Departamento de Lingua Galega e Latina, lembrou como as persoas que con el trataron podían percibir axiña como “falar por falar non ía con el” e “como quedaba claro que amaba o que facía, que amaba o maxisterio”. Durante a súa intervención Gutiérrez Izquierdo lembrou como esa “seriedade” na aula e na materia pola que era coñecido ten a súa orixe no seu primeiro ano como profesor no centro Blanco Amor, onde precisamente a confianza co alumnado non tivo bos resultados. En todo caso, salientou, “eu creo que ao acabar os cursos respectivos pouquísimos alumnos terían esa imaxe miña de implacable no trato”. “Creo que os alumnos que tiña podían detectar como a cousa despois non era para tanto”, afirmou.

14 contribucións

Alén de darlle un agasallo ao profesor agora xubilado, durante o acto tamén se entregou un libro titulado Homenaxe a Ramón Gutiérrez Izquierdo editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Trátase dun libro interdisciplinar no que 14 compañeiras e compañeiros do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade, xunto a algunha colaboración externa, homenaxean ao profesor con textos sobre as súas respectivas áreas de especialización. Así, a publicación arranca cunha análise da profesora Ana Acuña sobre a obra de Isaac Xubín e remata cun texto de Xosé Manuel Pérez sobre os resultados de terminacións latinas no galego moderno.