DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi citado varias veces polos grupos políticos no pleno da cámara

O libro sobre mirandés editado pola UVigo provoca debate parlamentario en Portugal

Os autores foron convidados a intervir na Comisión de Educación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 05/06/2023

O libro Persente i feturo de la lhéngua mirandesa: studo de ls usos, atitudes i cumpeténcias lhenguísticas de la populaçom mirandesa, publicado hai dous meses en mirandés pola Universidade de Vigo coa intervención dos departamentos de Filoloxía Galega e Latina e de Estatística e Investigación Operativa, foi citado varias veces por distintos parlamentarios no debate da cámara do Parlamento portugués (1:18:10, 1:30:45, 1:32:15 do vídeo da sesión) como argumento para esixir unha intervención inmediata do Goberno portugués en favor do mirandés.

Na obra, coordinada pola catedrático Xosé Henrique Costas, conclúese que o mirandés, unha lingua da familia asturleonesa con arredor de 4000 falantes, está nunha situación crítica e corre serio risco de desaparición en menos de 30 anos. “Parlamentarios do Partido Socialista de Portugal, do Partido Socialdemócrata e do Bloco de Esquerda utilizaron o noso estudo para alertar da situación do mirandés”, salienta Costas, ao que engade que o deputado do partido LIVRE Rui Tavares chegou a intervir totalmente en mirandés (minuto 1:30:30 a 1:15:59 do vídeo da sesión). “Con Rui Tavares tivemos hai pouco un encontro e convidounos a intervir na Comisión de Educación do Parlamento portugués para exporlles aos distintos grupos a realidade actual da lingua mirandesa que deita o noso estudo”, recalca o coordinador da obra, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo.

Segundo informou a Radio e Televisión de Portugal, RTP, o pasado venres o Parlamento aprobou  por unanimidade, coa ausencia na votación de PAN e LIVRE -que estaban a participar na reunión dos Verdes Europeos-, un proxecto de resolución que recomenda ao goberno  portugués completar a vinculación deste país á Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Trátase do proxecto de resolución n.º 577/XV/1.ª, presentado polo Partido Socialista, que "recomenda ao Goberno que inicie o procedemento definitivo para concluír a vinculación da República Portuguesa á Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias", unha vella esixencia da Asociación Mirandesa de Lingua e Cultura (ALCM), con vistas a garantir o futuro desta lingua. Nesta mesma información a RTP  fai mención ao estudo da Unviersidade de Vigo, “no que se estima que unhas 3500 persoas coñecen a lingua, sendo unhas 1500 as que a utilizan habitualmente, identificando unha ruptura co idioma, sobre todo nas xeracións máis novas, a través dunha ‘forte portuguesización lingüística’, baseada en particular na profusión dos medios de comunicación nas últimas décadas, e sobre a identificación do mirandés coa ruralidade e a pobreza locais”.