DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha publicación recolle os resultados dos Proxectos Inou 2017

Un libro e nove investigacións para contribuír ao desenvolvemento de Ourense

Os estudos abranguen desde o dereito da auga ata o consumo de viño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 13/03/2019

Cada curso académico a Vicerreitoría do Campus de Ourense realiza unha convocatoria de axudas a proxectos de investigación chamada Inou e financiada pola Deputación de Ourense. Unha publicación, titulada Proxectos Inou 2017. Investigación aplicada na provincia de Ourense recolle agora os resultados dos nove estudos realizados ao abeiro desta convocatoria de 2017, estudos que abranguen desde o dereito da auga ata o consumo de viño.

Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salienta no prólogo da publicación como todos estes traballos “poñen de manifesto a valía dos distintos grupos de investigación” participantes, destacando ademais como os proxectos foron realizados por un amplo abano de investigadoras e investigadores dos distintos ámbitos e centros que integran o campus. “O campus de Ourense ten o compromiso de participar na transformación e no desenvolvemento integral da provincia”, afirma a responsable académica sobre a importancia da convocatoria Inou e dos traballos que se realizan ao seu abeiro.

Diversidade temática

A convocatoria Inou busca cada ano contribuír ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade, financiando proxectos relacionados cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia, así como á especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Tal e como se pode ver na publicación, coordinada por Esther de Blas, Virxilio Rodríguez e Xosé Antón Vila, varios dos proxectos están relacionados co Campus da Auga. Así, preséntanse os resultados dun traballo realizado sobre formulación de cosméticos con extractos obtidos de biomasa forestal e con augas termais da provincia de Ourense e outro consistente na realización dun sistema óptico montado nun drone para medidas de contaminación de augas.

As achegas á auga non só se realizan desde o punto de vista científico e tecnolóxico, senón tamén desde o eido humanístico e xurídico-social. Deste xeito, a publicación describe os usos e patróns nas áreas termais da provincia de Ourense como topías; a necesidade de probar a existencia de suficientes recursos hídricos como requisito previo para autorizar novos desenvolvementos urbanos en España e o impacto económico dun proxecto de especialización de campus na economía local, centrándose na súa aplicación ao caso concreto do Campus da Auga na provincia de Ourense.

Ademais, investigadores e investigadoras do campus presentan neste libro o proxecto Multitasking Cubes, centrado nunha ferramenta para a rehabilitación cognitiva; unha avaliación do alumnado universitario sedentario no campus de Ourense e un proxecto caracterización dos hábitos de consumo de viño entre a xente nova en Ourense. A arqueoloxía tamén está presente cun traballo de revalorización patrimonial e paisaxista do xacemento do Castelo de Malpaso, en Allariz, e a súa contorna.