DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aborda tanto a súa traxectoria e antecedentes, como a súa actividade docente e investigadora

Un libro percorre os 25 anos de "historia de éxito" da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Presentado este venres xunto coa ilustración conmemorativa deste cuarto de século

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Publicacións
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/06/2025

Creada en 1999, tomando o relevo da antiga Escola Universitaria de Formación de Profesorado, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte celebrou ao longo do presente curso o seu 25 aniversario, acollendo diferentes iniciativas que permitiron botar a vista atrás e afondar na traxectoria dun centro que reúne na actualidade máis de 1400 alumnos e alumnas. Co obxectivo de facer balance do camiño percorrido, a facultade presentaba o libro 25 aniversario de Ciencias da Educación e do Deporte, un volume que aborda tanto a historia do centro e os seus antecedentes, como a construción do actual edificio e a evolución vivida en materia de docencia e investigación ao longo deste cuarto de século.

Esta publicación e a ilustración conmemorativa desta efeméride foron presentadas este venres nun “acto fundamentalmente emotivo”, como o definiu o decano, Oscar García, e que contou coa participación do reitor, Manuel Reigosa, e das vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón. “En 25 anos, pasaron moitas cousas e, con sinceridade, non o fixemos mal”, subliñou García na apertura dun acto que se completou coa entrega ao profesorado e persoal do centro tanto deste volume como da ilustración realizada por Susana Suniaga. Esta “rende homenaxe ao un espazo que se encargou de formar tantas persoas”, colocando a facultade “entre as nubes”, como sinalaba nun texto ao que deu lectura o decano.

“Estamos a falar dunha historia de éxito”, recalcou Reigosa, que destacou que o libro permite “lembrar algúns dos fitos que construíron esta realidade magnífica que temos agora”, á vez que recoñecer un “pasado brillante, regado polo esforzo das persoas que conformaron a facultade”. Mais ao mesmo tempo, serve tamén para “poñernos deberes para que dentro de 25 anos teñamos unha situación incluso mellor”, engadiu o reitor, que sinalou que no mes de xullo someterase á votación do Claustro da Universidade de Vigo a creación do Instituto Universitario en Ciencias do Deporte, que estaría radicado neste centro.

Unha ollada ao pasado dun centro “cun futuro enorme”

O acto completouse coas intervencións de tres antigos decanos, que trazaron un percorrido pola traxectoria dun centro que ten as súas orixes na creación, en 1845, da Escola Normal de Pontevedra, reconvertida en 1970 nunha escola universitaria que se adscribiría á Universidade de Vigo no ano da súa creación, en 1990. Asentada na avenida de Bos Aires converteuse en facultade en 1999, coincidindo coa posta en marcha da licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e co profesor Pedro Figueroa como decano comisario. “Foi un reto”, recoñecía este centro dos primeiros pasos deste centro, que “vivía unhas dinámicas moi afastadas das universitarias, pola súa localización e historia”.  O seu labor veríase continuado por María Luisa Alonso como primeira decana, quen lembraba nesta xornada o “empeño” por conseguir un novo edificio para a facultade. Foi ano 2006 cando comezaron os traballos para a construción da súa actual sede no campus, onde acometeuse a transformación das antigas diplomaturas e licenciatura nos actuais graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Educación e do Deporte, xunto aos que se impulsaron cinco mestrados e tres programas de doutoramento, aos que se sumará o vindeiro curso o novo máster interuniversitario en Ciencias do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva. De aí que o tamén exdecano Vicente Romo pechase a súa intervención subliñando “que a nosa facultade ten por diante un futuro enorme”.

Arquitectura, historia, docencia e investigación

Tanto Alonso e Romo, como os tamén exdecanos José María Cancela e Francisca Fariña asinan os prólogos dun libro que conta tamén cun texto introdutorio de García. A partir de aí, o volume afonda no proceso de construción da actual sede da facultade, que se iniciou cun concurso convocado no ano 2002 e no que foi premiado o proxecto Aromas, de Jesús Irisarri e Guadalupe Piñeira, autores dun dos capítulos. Noutro, Héctor Álvarez, director técnico da Unidade Técnica da UVigo, aborda a construción dun “exemplo destacado de arquitectura contemporánea en Galicia”, merecedor de recoñecementos como o Premio SICE do Consejo Superior de Arquitectos de España, que lle foi outorgado no ano 2008, tras ter formado parte dunha exposición sobre arquitectura española no MOMA de Nova York.

O seguinte apartado céntrase na historia da facultade e seus precedentes, da man do profesor xubilado Gerino Calvo e de Vicente Romo. A traxectoria da facultade ao longo destes 25 anos é tamén abordada polas profesoras Sara Martínez Lloria e Eulalia Agrelo, mentres que Ezequiel Rey detense na evolución dos estudos en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e José María Cancela aborda a aposta pola especialización do alumnado, a través da implantación de mestrados e programas de doutoramento.

Finalmente, o catedrático Carlos Lago avalía a evolución da facultade en materia investigadora, nun capítulo que pon o foco en como nestes 25 anos “multiplicouse case que por seis a produción científica” dos investigadores e investigadoras do centro e por 22 o número de artigos científicos incluídos no JCR. Estes e outros méritos levaron a que a UVigo se sitúe entre as 300 mellores universidades de mundo no ránking de Shanghái no ámbito das Ciencias da Actividade Física e do Deporte, sendo ademais Lago o investigador máis citado de España nesta área. Finalmente, o libro aborda tamén a traxectoria da Revista de Investigación en Educación, creada no ano 2003 na facultade e incluída recentemente na base de datos da Web of Science.