DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está realizado polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio

Un libro recolle os resultados da intervención arqueolóxica no monte do Señoriño

Nel corrobórase o carácter residencial e romano deste enclave

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 05/07/2018

Nos anos 2011, 2012 e 2013, investigadoras e investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo desenvolveron un proxecto de I+D co Concello de Allariz que tivo como obxectivo coñecer e valorizar o xacemento do monte do Señoriño, descuberto nese mesmo ano 2011. Unha publicación recolle agora os resultados destas intervencións.  

Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o libro preséntase co título A Cibdá de Armea I. Escavacións no xacemento galaico-romano do monte do Señoriño, e ten como coordinadores científicos aos profesores e investigadores do Geaat Adolfo Fernández e Fermín Pérez, encargados do proxecto de I+D desenvolvido neste enclave de Armea. “Neste libro, froito do traballo interdisciplinar de especialistas en diversos ámbitos da arqueoloxía, o lector poderá atopar os resultados das investigacións neste xacemento do século I despois de Cristo”, indican os autores. 

No ano 2011, lémbrase na publicación, Manuel Losada, veciño de Armea, atopou preto da súa casa, no lugar do monte do Señoriño, unha serie de estruturas escavadas na rocha que chamaron a súa atención. Ante o interese suscitado, púxose en marcha un proxecto entre a Universidade de Vigo e o Concello de Allariz co tivo como obxectivo coñecer a extensión, funcionalidade e cronoloxía deste enclave. Os resultados obtidos nas sucesivas intervención sinalaron como se trata dun xacemento residencial romano ex novo con funcións administrativas relacionadas co control do territorio, descartando a teoría de que fose un xacemento preromano e de uso como santuario. “Monte Señoriño é un xacemento moi importante, único en Galicia pola súa cronoloxía románica e carácter ex novo”, indican os investigadores do Geaat. 

Do contexto aos materiais

A publicación, cuxa dedicatoria é “para Manuel Losada, o catedrático de Armea”, arranca cun saúdo do ata hai pouco alcalde de Allariz Francisco García, no que destaca como “os traballos publicados neste libro sobre o xacemento do monte do Señoriño son unha boa mostra da paixón e da profesionalidade con que a Universidade de Vigo se está a implicar neste ambicioso proxecto. Agardo que permitan afondar no coñecemento do noso pasado e sirvan para avanzar nas perspectivas de futuro”. Séguelle un limiar de Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense e tamén investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio no que subliña como “esta obra reúne, en catro apartados, os contidos máis significativos derivados do proxecto cun enfoque multidisciplinar, que non esquece os máis mínimos detalles”. 

Estes catro apartados arrancan cunha contextualización na que se ofrece unha perspectiva global do xacemento e dos traballos nel levados a cabo polo Geaat. Séguelle unha descrición pormenorizada de cada unha das tres intervencións arqueolóxicas realizadas. Ademais, a obra dedica un apartado específico aos materiais arqueolóxicos atopados no enclave, concretamente de cerámica, vidro, relacionados coa actividade téxtil, metálicos e líticos. Finalmente o libro remata cun apartado de conclusión e interpretación deste xacemento residencial galaico-romano do monte do Señoriño a cargo dos responsables dos proxectos de intervención arqueolóxica e desta publicación. Entre os aspectos máis destacados desta obra, os seus coordinadores sinalan como nela participan máis dunha vintena de expertos e expertas, que ou ben traballaron especificamente no xacemento ou ben colaboraron co proxecto nalgún dos seus puntos, como por exemplo as persoas que traballaron en tarefas de conservación e restauro, de análise de materiais, de divulgación e de xeo-radar. 

Rematada a campaña de 2013 no monte do Señoriño, sinalan os investigadores do Geaat, a intervención arqueolóxica trasladouse á zona da atalaia de Armea, na que actualmente están a traballar e que xunto ao coñecido como o forno da santa conforman os tres principais puntos de interese patrimonial arqueolóxico da zona.