Compila as reflexións xurdidas das tres primeiras edicións do seminario Art at the Edge of Nature
Un libro reúne diferentes miradas ao “territorio híbrido ente arte e ciencia”
Promovido polo grupo de investigación dx5, de Belas Artes
Como “unha selección de miradas” a un “territorio híbrido entre arte e ciencia” preséntase un libro editado pol grupos de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature. Estes seminarios, desenvolvidos en Nova York e Pontevedra, puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais, co obxetivo de “mapear” as prácticas que conectan arte, natureza e tecnoloxía, sinalan as súas responsables. Baixo o título de Posthumanismos interdisciplinares en el arte y la ciencia, o volume ten como editoras á investigadora Antía Iglesias e á responsable do grupo dx5, Ana Soler, e conta tanto cunha edición en papel como cunha versión dixital de acceso aberto.
Ao abeiro dunha estadía posdoutoral na School of Visual Arts (SVA) de Nova York, como beneficiaria dunha bolsa Fulbright, Iglesias impulsou en febreiro de 2025 este ciclo, cunha primeira ediciónno Biolab deste centro. O seu obxectivo, explica, era “activar un espazo de encontro entre creadoras, investigadoras e axentes culturais cuxas prácticas se aproximan á noción de natureza desde os seus límites de contacto con outras disciplinas”. Poucos meses despois, o BioBAT Art Space de Nova York foi sede da segunda edición deste seminario, que a finais dese ano desenvolvería un terceiro encontro en Pontevedra, froito da colaboración entre os grupos dx5 e AF4, xunto co Campus Crea e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra.
Esta publicación, explica Iglesias, recolle agora “as reflexión e intervencións” dos investigadores e investigadoras convidados a esta terceira edición, xunto “unha revisión e contextualización das dúas primeiras xornadas, realizadas en Nova York”. Publicado polo Servizo de Publicacións da UVigo e coordinao por esta artista e investigadora, co apoio de Aldara Vázquez, o libro conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través das Axudas do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas.
“Un mapa de preocupacións compartidas”
Tras os textos introdutorios de Iglesias e de Ana Soler e Ángeles Cancela, directora da EE Forestal, sobre “arte e ciencia como prácticas complementarias”, o volume fai balance da reunión de 15 artistas e investigadores vinculados ao ámbito da bioarte nos Estados Unidos co que se puxo en marcha este ciclo. A continuación, afonda nos aspectos abordados na segunda edición, que tomou xa a forma de coloquio público e contou coas intervencións das artistas Lucía Sturbin, Karen Ingram, Ani Liu e Stephanie Rothenberg. Este encontro levouse a cabo no BioBAT Art Space, un espazo que ten como obxectivo “promover a experimentación creativa entre arte e ciencia”, impulsado polas artistas Jeannine Bardo e Elena Soterakis, quen aborda a súa traxectoria nun dos capítulos deste libro.
No referido á terceira edición, reúnense os artigos dos investigadores e investigadoras participantes neste seminario. Neles, Daniel López Rincón, da Universitat de Barcelona, afonda no concepto de “posnatureza” na historia da arte, mentres que Esther Pizarro, da Universidad Europea de Madrid, presenta un proxecto centrado no impacto dun vertido de lindano nun río, “integrando ecosofía, biopoéticas e biomaterialidade”. A investigadora da Complutense de Madrid Elena Lavellés presenta un traballo sobre a estratigrafía forense como ferramenta artística, mentres que Esther Pizarro, Isabel Marcos e Miguel Trigo, da Universidad Europea, abordan os resultados do proxecto Ecomat, sobre “materiais emerxentes biobaseados”. Ás súas achegas súmase o capítulo que José Carlos Espinel, da Complutense, e Jennifer Parker, da Universidade de California Santa Cruz, dedican ás “poéticas de sostibilidade na intersección arte-ciencia”; e o texto de Santiago Morilla, da Complutense, sobre un proxecto que deu lugar a un “dispositivo-horta interactivo que xera paisaxes sonoras”, a partir de fungos. Este apartado complétase coas reflexións de Paula Bruna, do CREAF de Barcelona, sobre “a investigación artística como xeradora de coñecemento”.
A publicación fai tamén balance das “conclusións colectivas” xurdidas deste encontro, co obxectivo de contribuír a “problematizar a situación actual das prácticas interdisciplinares nos sectores creativos e os retos que teñen por diante”, salienta Iglesias. Nese senso, a investigadora pon de relevo como neste volume “despréganse unha serie de eixes transversais que permiten trazar un mapa de preocupacións compartidas”, que abranguen desde “relecturas históricas do vínculo entre arte e paisaxe, ata propostas que traballan con procesos vivos, materiais emerxentes ou dinámicas atmosféricas”, pondo de manifesto “unha vontade común de repensar os marcos desde os que se produce coñecemento”.
Unha reflexión que continúa
A cuarta edición de Art of the Edge of Nature desenvolvíase o pasado mes de maio na Complutense de Madrid, co apoio do Campus Crea, a través da convocatoria de axudas á organización de congresos promovida co financiamento da Deputación de Pontevedra. Nacido como un encontro itinerante, este seminario científico xa ten “confirmadas as súas dúas próximas edicións”, que terán lugar en Barcelona e Pontevedra, explica Iglesias, ás que poderían sumarse tamén eventos en Canadá e Australia. Nese senso, está previsto que estes seminarios dean lugar a novas publicacións que continúen ese labor de “mapeado” da bioarte, ao tempo que buscará tamén que estes encontros poidan dar incorporar novas iniciativas, como exposicións colectivas complementarias.
