A Biblioteca Rosalía de Castro conta cun novo recuncho temático
Libros e audiovisuais para facer unha viaxe do pasado ao futuro
As e os usuarios do centro poden levar emprestadas as obras expostas
Orixe e futuro da humanidade. Este é o título do novo recuncho temático da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense. Situado na entrada do centro, nel, as e os usuarios da biblioteca poden ver e coller emprestados libros e audiovisuais relacionados coa temática elixida e que abranguen desde obras de antropoloxía sobre a evolución humana desde a prehistoria ata películas clásicas da ciencia ficción do futuro.
O obxectivo desta iniciativa, lembran as súas responsables, é dinamizar os fondos deste centro expóndoos baixo un paraugas temático que poida atraer a atención das persoas que cada día fan uso da biblioteca universitaria. Neste caso, os materiais escollidos abranguen unha ampla diversidade de contidos e formatos. Así, sinalan desde a súa organización, no recuncho hai “obras sobre a orixe da humanidade dende un punto de vista biolóxico e antropolóxico; obras filosóficas e antropolóxicas sobre a condición humana e obras sobre o noso futuro como especie, incluíndo ensaios e estudos dende diversas disciplinas, como a socioloxía, a antropoloxía e a economía”. Completa a selección unha escolma de pezas literarias e audiovisuais onde se inclúen “títulos fundamentais dos xéneros da ciencia ficción e algunha de ficción distópica”.
Sobre a orixe da humanidade, as e os lectores poden ver e coller libros como El sueño del neandertal, de Clive Finlayson, ou El primer viaje de nuestra vida; de Juan Luis Arsuaga. Sobre o futuro, o recuncho inclúe obras como Yo, robot, de Isaac Asimov; Vigilancia líquida, de Zygmunt Bauman e David Lyon, ou La quiebra del capitalismo global: 2000-2030. No apartado de audiovisuais hai exemplares de películas como La Guerra de los Mundos, Metrópolis, Solaris ou 2001: una odisea en el espacio.