DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para estudantes de titulacións científicas e tecnolóxicas de universidades con Cátedra Telefónica

A liga de debate LEDUStem analizará as posibilidades do metaverso para crear un mundo mellor

A inscrición está aberta ata este luns 21 e a final será o 13 de maio en Barcelona

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 18/03/2022

O metaverso será o protagonista da segunda edición de LEDUStem, a competición organizada pola Liga Española de Debate Universitario (LEDU) e a Red de Cátedras Telefónica para o alumando das carreiras de ciencia e tecnoloxía. Tras o éxito da primeira edición, na que o equipo da Universidade de Vigo obtivo o segundo posto, esta iniciativa na que participan todas as universidades españolas que contan cunha Cátedra Telefónica regresa cun novo reto. Desta volta, as e os participantes enfrontaranse en equipos de dúas persoas e deberán argumentar a favor e en contra sobre se o metaverso servirá para crear un mundo mellor. 

O obxectivo desta iniciativa é fomentar e impulsar a formación complementaria do alumnado universitario en habilidades como a oratoria e argumentación, a intelixencia emocional e a empatía, o traballo en equipo ou o espírito crítico. Dun xeito máis global, como indican dende a organización, tamén se pretende contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade máis democrática e respectuosa coa diversidade de opinións e crear un espazo de diálogo para a discusión de ideas, o respecto polas opinións, a liberdade de expresión e a confrontación de argumentos. 

Inscrición aberta ata este luns 21

O prazo de inscrición está aberto ata este luns, 21 de marzo, e poden inscribirse estudantes entre 18 e 24 anos que estean cursando unha carreira STEM en calquera das 25 universidade que contan cunha Cátedra Telefónica, como é o caso da UVigo. Cada universidade poderá presentar un só equipo e as bases establecen que ningún estudante pode formar parte de máis dun equipo nin pode participar nesta liga máis de tres anos. 

O torneo desenvolverase telematicamente durante os meses de abril e maio e as e os finalistas competirán de xeito presencial o 13 de maio en Barcelona, no Innovation Center de Telefónica.

Premios

O equipo gañador de LEDUStem obterá un trofeo así como unha praza para participar na fase final da Liga Española de Debate Universitario, que enfronta os 16 mellores equipos do territorio nacional. O premio ao equipo gañador desta liga é de 6000€ e outros 3000€ para o segundo clasificado. Ademais, os xuíces tamén elixirán o mellor orador da LEDUStem, que será galardoado cun teléfono intelixente. 

A primeira edición da LEDUStem saldouse cun segundo posto para o equipo da Universidade de Vigo, formado polos estudantes da Escola de Enxeñería Industrial Raquel Fernández Viéitez e Guillermo Fernández. Para ambos foi a súa primeira experiencia no eido do debate e estreáronse argumentando sobre se a sociedade está protexida, persoal e socialmente, fronte ao control dos algoritmo. Finalmente, a vitoria foi para a Universidade Politécnica  de Madrid.