DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 5 de novembro será posible inscribir equipos en seis modalidades deportivas

As ligas universitarias retornan ao campus

O inicio das competicións está previsto para novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 21/10/2021

Despois de que a situación provocada pola covid-19 impedise o seu desenvolvemento o pasado curso, as ligas universitarias retornarán nos próximos meses aos tres campus da Universidade de Vigo. No mes de novembro, Pontevedra será o primeiro en recuperar estas competicións internas de equipos formados por integrantes da comunidade universitaria, que poden inscribirse ata o 5 de novembro a través da plataforma Campus Activo. Concretamente, poderán crearse equipos de fútbol sala, fútbol sete, baloncesto, voleibol, rugby sete e balonmán, aínda que o desenvolvemento final das competicións dependerá de que se inscriba un número mínimo de equipos. 

No caso de fútbol sala, rugby sete e balonmán prevese o desenvolvemento de torneos masculinos e femininos, de reunirse os equipos necesarios, mentres que as competicións de fútbol sete, baloncesto e voleibol serán mixtas. Como explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Gustavo Loureiro, o inicio destas ligas no campus está previsto para o 16 de novembro, aínda que esta data atópase a expensas de que a Xunta de Galicia autorice o desenvolvemento de competicións de deporte non federado tras as restricións ás que obrigou a pandemia.

No caso do campus de Ourense, a inscrición abrirase no mes de decembro e as competicións retomaranse en xaneiro, prazos tamén previstos para o campus vigués, aínda que neste caso aínda por determinar as datas exactas por mor das obras que se están a acometer no Pavillón Universitario.

Equipos e bolsa de xogadores

Para a creación dos equipos, explica Loureiro, deberá realizarse en primeiro termo a inscrición dun delegado ou delegada, ao que se lle proporcionan “un código numérico que logo teñen que utilizar o resto dos membros do equipo”. Así mesmo, tamén é posible inscribirse nunha “bolsa de xogadores sen equipo”, aos que unha vez rematado o prazo poráselles en contacto cos equipos con menos integrantes. Segundo sinala o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, os conxuntos de balonmán, rugby e fútbol sete deben ter un mínimo de dez membros e un máximo de 14, mentres que os equipos de voleibol deben ter entre nove e doce e os de baloncesto e fútbol sala entre oito e doce.

Co obxectivo de fomentar valores como a deportividade e o compañeirismo, o regulamento destas competicións inclúe un sistema de “puntuación fair play, que promove o xogo o limpo e castiga a falta de deportividade”. Por outra banda, os equipos gañadores das diferentes ligas que se desenvolvan en Pontevedra, competirán cos vencedores nos outros campus na fase final do torneo Intercampus, que terá lugar en Vigo. 

Recuperando a normalidade

Tras un curso marcado pola pandemia, “imos máis ou menos recuperando o pulso da actividade”, recoñece Loureiro, que explica que, coas medidas pertinentes, a actividade deportiva no campus vai, "lentamente, dando pasos cara a normalidade”. Así, o retorno das ligas súmase á volta a actividade, a comezos de outubro, da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario e ao inicio das actividades dirixidas para as e os usuarios do abono mUVer. Concretamente, nas tardes de  cada luns e mércores desenvólvense dúas sesións de pilates e hiit, gratuítas para os abonados e abonadas, previa reserva a través de Campus Activo, tamén necesaria para facer uso da sala de cardio-fitness, dada as limitacións de aforo ás que obriga a pandemia.