DUVI

Diario da Universidade de Vigo

12 persoas participan na cuarta edición de Galeuropa Auce 2018

En Lisboa ou Palermo, de prácticas formativas

O perfil maioritario é de tituladas e titulados no eido social

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Internacional
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 02/10/2018

O inicio do curso académico 2018/2019 en setembro foi tamén para doce persoas o inicio das súas prácticas formativas no estranxeiro. Trátase das e dos beneficiarios dunha iniciativa promovida pola Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (Auce) que lles permite durante tres meses vivir e enriquecerse profesional e persoalmente cunha estadía en Lisboa (Portugal) ou Palermo (Italia).  

O programa, que leva por nome Galeuropa Auce 2018, cumpre este ano a súa cuarta edición consecutiva ao abeiro do Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa, cofinanciado pola Xunta de Galicia, a Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos inscritos coma beneficiarios no Programa de Estratexia de Emprendemento e Emprego Xuvenil Garantía Xuvenil, o seu obxectivo é reforzar a empregabilidade e competencias profesionais da mocidade. Desde a entidade subliñan a boa acollida que tivo a convocatoria desta edición, querendo “destacar a extraordinaria difusión que tivo este ano, que nos levou a acadar participantes de todas as partes de Galicia”, agradecendo o apoio recibido por parte de institucións e organizacións.

Perfís, destinos e adaptación

Nesta edición, son oito as persoas elixidas para realizar prácticas en Lisboa, contando coa colaboración alí do Clube Intercultural Europeu, e catro en Palermo, ao  amparo do  Centro de Estudos e Iniciativas Europeo (Cesie). As persoas que están en Portugal proceden de estudos de Educación Social, Traballo Social, Integración Social, Dereito, Educación Infantil e Educación Primaria, e os que están en Italia de Administración e Dirección de Empresas, Enfermaría, Educación Infantil e Xornalismo. A maioría, sinalan desde a organización, son tituladas universitarias no marco do eido social pero tamén contan cun participante titulado en ciclo superior. “Dada a natureza da nosa entidade priorizamos os perfís do eido social, como se vén facendo ao longo de todas as convocatorias, sen ser este un motivo de exclusión para outras titulacións que poidan desenvolver a súa especialización dentro do social, como é o caso de varias persoas participantes”, detallan desde Auce.

Sobre as entidades de destino, desde a organización apuntan como as sesións de traballo que realizan previas á mobilidade coas persoas participantes permítenlles recadar información sobre os intereses de cada unha e poder ofrecerlle, en coordinación ca entidade de acollida, unha entidade de prácticas acorde ao seu perfil e intereses e ao mesmo tempo ter en conta a preferencia da persoa participante en canto ao país de destino “para que a experiencia para cada unha delas sexa o máis completa posible”. Entre o amplo abano de entidades nas que realizan as súas prácticas as persoas seleccionadas están a Cámara Municipal de Lisboa, a Asociación de Parálise Cerebral de Lisboa ou Crescer na Maior, unha asociación de intervención comunitaria.  

Pasadas as primeiras semanas de estadía nos seus destinos, desde Auce subliñan como o seu programa Galeuropa está a cumprir os seus obxectivos xa que, indican, ademais dunha axuda para desenvolver prácticas formativas non remuneradas, as e os participantes tamén teñen “a posibilidade de gozar dunha nova experiencia vital e experimentar novos retos fóra da súa zona de confort”. “Grazas a unha actitude positiva, aberta e a un bo ambiente de grupo, tanto o grupo de Lisboa coma o de Palermo puideron no seu comezo superar as dificultades que supón enfrontarse a un país novo e a unha forma de ver o mundo diferente”, indican desde Auce. Tras este bo comezo, desde a organización salientan o seu desexo de que nos dous meses restantes, as e os beneficiarios poidan gozar  “tanto das súas prácticas como da descuberta dunha nova cultura e novas amizades que lles axudarán a medrar como persoas”.

As persoas seleccionadas reciben axuda económica para cubrir os gastos derivados de viaxe, aloxamento, transporte e seguros, así como formación lingüística nos idiomas propios do destinos. Ademais, a bolsa inclúe a participación nun seminario de preparación pedagóxica e cultural ao inicio da estadía e outro final sobre inserción laboral e oportunidades de mobilidade europea.