DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle desde este luns as III Xornadas Internacionais da Cátedra José Saramago

Literatura, política e arte para afondar na figura de Saramago no 20 aniversario do Nobel

A presentación dun catálogo bibliográfico e diferentes exposicións completan o programa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/12/2018

Abordar, desde unha óptica multidisciplinar, a figura e a obra de José Saramago é o propósito central das terceiras Xornadas Internacionais que, desde este luns, promove na sede da Vicerreitoría do campus a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo. Coa conmemoración, neste 2018, do 20 aniversario da concesión do Premio Nobel ao escritor portugués como eixo, as xornadas que se desenvolven ata este mércores 5 reúnen a especialistas de diferentes áreas e países co propósito de afondar, desde diferentes ámbitos na figura dun escritor que, como sinalou o director da cátedra, o profesor Burghard Baltrusch,lembrando unhas verbas da presidenta da Fundación José Saramago, Pilar del Río, deixou como legado un “proxecto de intervención cultural, social e política de reflexión”. Ás catro conferencias e 15 comunicacións que, nunhas xornadas que levan por título Saramago nos 20 Anos do Premio Nobel: Literatura, Arte e Política, abordarán este legado desde os eidos da literatura, a política, a arte ou a comunicación, súmanse así mesmo a exposición na Casa das Campás a exposición de traballos realizados polo alumnado do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes a partires de textos do escritor, unha mostra de como a prensa galega recolleu en 1998 a concesión do Premio Nobel, xunto coa performance poético-musical Do poleiro a sombra, que este martes terá lugar na Sala X.

“O que é transversal en Saramago e o político, é un elemento que une todos os outros en varias dimensións”, salientou Baltrusch na apertura dunhas xornadas que engloban tamén a presentación, este mércores, dun catálogo bibliográfico e que reúne a totalidade da obra literaria de Saramago, xunto con entrevistas, adaptación cinematográficas e teatrais ou documentos audiovisuais, para sumar preto de 1400 entradas. Aínda en construción, esta base de datos é unha das iniciativas impulsadas pola Cátedra Internacional José Saramago, que a Universidade impulsou en 2015 ao abeiro dun protocolo de cooperación coa Fundación José Saramago e sobre cuxa actividade Baltrusch fixo balance na presentación das xornadas, que se desenvolven por segundo ano consecutivo no campus pontevedrés, poñendo o foco en que se trata dunha cátedra non limitada exclusivamente ao estudo do escritor, senón que busca “partir da súa obra para abordar outros temas”, mediante iniciativas como seminarios, conferencias ou publicacións.

Nese mesmo senso, a vicerreitora de Comuniación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, puxo en valor como “a implicación da cátedra favorece a difusión do coñecemento” na apertura dun acto no que salientou tamén o impulso, no marco destas xornadas, de iniciativas interdisciplinares que levan a “sumar esforzos desde diferentes eidos”. A decana de Belas Artes, Silvia García, salientou nesa mesma liña o positivo da “colaboración interdisciplinar” que por segundo ano se desenvolveu co alumnado da facultade, que tivo que “facer o esforzo de afondar na obra de Saramago e sacar adiante un traballo creativo”, mentres que o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, salientou a “humanidade e o compromiso cos dereitos humanos, a cultura e o medio ambiente” de Saramago nun acto no que a concelleira de Cultura, Carme Fouces, puxo en valor ao escritor como “unha figura inspiradora no contexto político e vital”, así como o “contacto coa lusofonía” que propician estas xornadas.

A “prehistoria” de Saramago

O xornalista do Jornal de Letras, Artes e Ideias Luís Ricardo Duarte impartiu a primeira conferencia destas xornadas, centrada na “construción do Saramago político” a partires da análise das súas primeiras novelas. Concretamente, Duarte afondou en Terra de Pecado, un libro de 1947, “que ninguén diría que é de Saramago”, xa que, por exemplo, presenta personaxes “da alta sociedade” en lugar dos “obreiros, as persoas que loitan por unha vida, as persoas que se opoñen á ditadura”, protagonistas de textos posteriores. A partires desta obra, de Manual de pintura e caligrafía e da novela póstuma Claraboia, datada de 1953, Duarte abordou a evolución literaria e política do autor portugués, desde a que é “case a prehistoria de Saramago”, os máis de 30 anos que abranguen desde Terra de Pecado a públicación, en 1980, de Levantado do chan, obra que define “un forte cambio” na traxectoria literaria dun “escritor humanista, que elixe a quen quere defender a través da literatura”. 

Xa pola tarde, as xornadas poñen o foco no derradeiro libro do autor, Último Caderno de Lanzarote, de mans do investigador da Universidade de Lisboa Manuel Frias Martins, para continuar cunha abordaxe de Manual de Pintura e Caligrafía a cargo da investigadora da Bar-Ilan University de Israel Miriam Ringel. As xornadas así mesmo, explicou Baltrusch, analizan tamén a obra de Saramago desde a óptica feminista, a través dunha comunicación sobre a construción das personaxes femininas; a comparación con outros escritores como Camoes, Pessoa ou Raul Brandao, ou a relación da súa obra lco cinema. Por outra banda, o evento acollerá tamén este martes a reflexión que, baixo a coordinación dos profesores Enrique Varela e Celso Cancela, un grupo de estudantes do grao en Dirección e Xestión Pública, realizou do libro A balsa de pedra, poñendo en relación á obra “coa actual situación do estado autonómico español”.

Exposicións e performance

As xornadas complétanse coa exposición na Casa das Campás de cinco animacións realizadas polo alumnado do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual tomando como punto de partida a passarola, maquinaria ideada por Saramago no libro Memorial do convento, nunha actividade coordinada polos docentes José Chavete e Sol Alonso, que se completa á súa vez coa presentación dunha serie de bocexos e figuras saídas do proceso de elaboración dunha curta de animación stop-motion que ao longo do presente curso realizarán once estudantes deste mestrado a partires do conto Desquite do autor portugués. 

Estas xornadas internacionais compleméntanse así mesmo, este xoves ás 19.00 horas, coa performance Do poleiro a sombra, do grupo Electroplasma, integrado polo poeta e performer vigués Xurxo Nóvoa e o músico portugués Alexandre Soares, un dos fundadores do grupo de rock luso GNR, que ofrecerán no campus unha actuación que combinará poesía, música e performance tomando como punto de partida a obra de Saramago.