DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado pola EUET Forestal

A loita contra o cambio climático, eixe central da terceira edición de Forestalia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 29/11/2007

A xestión dos recursos naturais para loitar contra o cambio climático centran boa parte do programa da terceira edición do Simposio Forestalia que, ata este sábado 1 de decembro se está a celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra. Esta loita, segundo os promotores de Forestalia, debe facerse tamén dende o ámbito local e con sentido común para acadar un desenvolvemento sostible. O coordinador das xornadas e representante da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal da Universidade de Vigo, Brais Alonso Bargiela, explicou que “este ano o eixe central é a enerxía e o cambio climático aproveitando que é un tema de moita actualidade e que esperta o interese do público”. Por outra banda, Forestalia tamén vai analizar a situación da industria forestal en Galicia, unha industria que representa o 3,5 por cento do PIB da comunidade, e que emprega a máis de 26.000 persoas.
En relación a este tema e, presidindo a inauguración do acto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, comentou que “esta importante cita anual permite debater sobre os últimos avances científicos relacionados co, cada vez máis estratéxico, sector forestal. A cidade de Pontevedra sempre foi a punta da lanza para este ámbito, de gran potencia económica, derivado do monte e da súa explotación”. O alcalde da cidade tamén lembrou que, dentro do cambio estrutural que na actualidade atravesa este sector e na procura de alternativas para a explotación enerxética, alimentaria, recreativa e turística que complementen a rendibilidade da transformación da madeira, enmárcase o proxecto municipal de apoio forestal Monte Vivo. “Os lumes do ano pasado, que destrozaron o 40% da superficie forestal do concello, embarcáronnos neste proxecto para substituir boa parte da superficie invadida por especies de crecemento rápido, co fin de recuperar a biodiversidade do bosque atlántico”, comentou Férnández Lores.
Na inauguración tamén participaron o vicepresidente primeiro da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Francisco Moldes López; a vicepresidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Mª Teresa Pedrosa Silva; e o Secretario Xeral da EUET Forestal de Pontevedra, J. Manuel Casas Mirás.

As conferencias

Nas xornadas, que se celebrarán ata este 1 de decembro, participarán expertos, tanto a nivel nacional como internacional, do ámbito da empresa e das institucións. Tamén intervirán científicos do ámbito universitario e dos centros de investigación galegos.
“O que fixemos foi organizar as xornadas en catro mesas: xestión forestal sostible, técnicas de enxeñería medioambiental, xestión ambiental e enerxía e medio ambiente, nas que se engloban proxectos de investigacións, prácticas e exemplos para que as sesións sexan máis amenas”, explicou o coordinador Brais Alonso Bargiela.
O relatorio inaugural veu da man do profesor da EUET Forestal, Enrique Valero, que falou do Protocolo de Kyoto e os bosques como sumidoiros de CO2. Nas restantes sesións trataranse temas como a plataforma da madeira en Galicia, os incendios forestais, a biomasa como fonte de enerxía renovable ou os cultivos enerxéticos.