DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antonio Sartal, Miguel Rodríguez e Xosé Henriquez Vázquez asinan o traballo 

A London School of Economics escolle para a cabeceira do seu blog un artigo de tres investigadores de Ecobas 

A investigación aborda o impacto da descarbonización na competitividade das plantas de fabricación 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
Mª de Carmen Echevarría DUVI 02/12/2019

Unha chamada da editora xefa da London School of Economics (LSE) Business Review hai tres semanas confirmoulle aos investigadores da agrupación estratéxica Ecobas (Economics and Business Administration for Society) da Universidade de Vigo Antonio Sartal, Miguel Rodríguez e Xosé Henrique Vázquez, o interese do blog da LSE en publicar na súa cabeceira un estrato do seu artigo From Efficiency-Driven to Low-Carbon Operations Management: Implications for Labor Productivity. “Esa chamada foi un momento especial. Logo de tantos anos investidos nunha investigación destas características, o que todo investigador desexa é dar a coñecer o seu traballo e que poida ser discutido polos colegas da profesión. Pero cando ademais disto, salta ao ámbito empresarial e faino da man dun blog con esta repercusión mundial, é, sen dúbida, un motivo de orgullo”, asegura Antonio Sartal, que lembra que a LSE é unha das mellores universidades do mundo en Ciencias Sociais, ademais dun dos centros de referencia do debate político e económico actual.

O artigo orixinal do que procede o estrato publicado polo blog da London School of Economics, foi publicado recentemente pola revista Journal of Operations Management (JOM), que ostenta desde hai anos a primeira posición na categoría de Operations Research and Management, conforme ao Journal Citation Reports (JCR). “Pretendemos crear ciencia e para iso precisamos que o noso traballo sexa cuestionado, non só, desde a academia, senón tamén por profesionais que o viven no seu día a día e neste sentido, a investigación que presentamos é especialmente controvertida por que amosa unha realidade que ás veces non queremos escoitar: a loita contra o cambio climático non é gratis. Debemos ser conscientes dos custos que este proceso de adaptación implica, para que os proxectos de descarbonización poidan avanzar con paso firme”, explica o investigador de Ecobas.

Investimento en iniciativas baixas en carbono e diminución de produtividade laboral 

No seu traballo From Efficiency-Driven to Low-Carbon Operations Management: Implications for Labor Productivity, Sartal, Rodríguez e Vázquez abordan como as iniciativas de descarbonización, “tan necesarias para a loita contra o cambio climático”, sinala o investigador, impactan nas medidas de alto rendemento que sustentan a competitividade de calquera planta de fabricación. “No artigo constatamos que, se ben, a descarbonización de procesos mellora o impacto da ‘eficiencia dos materiais’ sobre a produtividade, o impacto da ‘rotación de inventarios’ ou os ‘salarios de eficiencia’ ven minorado o seu efecto positivo sobre o rendemento laboral”, detalla Antonio Sartal, que sinala que os resultados acadados indican que unha empresa que invista en iniciativas baixas en carbono, podería experimentar unha diminución de ata o 1.8% na súa produtividade laboral.

“Esta evidencia suxire, polo tanto, que os obxectivos de cambio climático que afectan ás empresas industriais poderían ser difíciles de acadar se os xerentes esperan lograr esta descarbonización de xeito gratuíto con prácticas organizativas actuais. Loitar contra o cambio climático non é gratis e debemos ser conscientes dos custos que este proceso de adaptación implica para que os proxectos de descarbonización poidan avanzar con paso firme”, asegura Antonio Sartal.
Os autores do artigo traballan desde hai anos na investigación do cambio climático con diferentes enfoques. Así, mentres Antonio Sartal e Xosé H. Vázquez afondan, respecticamente, na descarbonización dos procesos e as súas consecuencias dende unha perspectiva operativa e estratéxica, Miguel Rodríguez centra o seu traballo na economía circular e o deseño de indicadores de eficiencia e circularidade.