DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En cinco días conseguiu unha rendibilidade do 8,72%, algo máis de 90.000 euros

Lourdes Teixeira, egresada do Máster en Auditoría, gaña a Competición en Bolsa e CRYptos

Partindo dunha conta virtual dun 1.000.000 de euros, foi a que logrou maiores beneficios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Académica
D. Besadío DUVI 30/11/2022

Unha conta virtual de 1.000.000 de euros e cinco días para conseguir o maior incremento de rendibilidade. Este era o reto que formulaba este ano a Competición en Bolsa e CRYptos, organizada polo Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo e na que participaron 26 concursantes de distintas idades e procedencias. Foi unha semana bolsista na que finalmente se fixo co primeiro posto Lourdes Teixeira, egresada do Máster en Auditoría e Contabilidade, ao conseguir un 8,72% de rendibilidade, o que se traduce nun incremento de liquidez neta de 90.945 euros.

Como segundo clasificado situouse Daniel Conde, estudante de segundo curso do Grao en Comercio, que foi quen de conseguir unha rendibilidade de 8.62% e, como terceiro clasificado, Gabriel Otero, egresado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, cun 7,26%. Como premio a gañadora terá matrícula de balde no Curso de Advanced Trading, que dirixen os profesores Jorge Vila e José Luis Saez Ocejo, mentres que o segundo clasificado poderá beneficiarse dun desconto do 50% e o terceiro do 25%.

“Negociou accións de IBM e futuros sobre o ouro con profesionalidade”

A competición disputouse entre o 14 e o 18 de novembro e este mércores fixéronse públicos os resultados. “Foi unha edición moi plana, con pequenos movementos”, explica o profesor Jorge Vila Biglieri que, xunto co asesor financeiro Pablo Iglesias Hernández, se encarga de organizar este evento dende hai tres anos. Os participantes puideron investir “en calquera tipo de activos, como accións, opcións ou  futuros de entre os que están dispoñibles na plataforma que empregamos”. Pero ademais dos produtos dos mercados bolsistas, nesta ocasión a competición tamén abordou os mercados de criptomoedas. 

“A anterior edición foi máis animada a nivel gañadores, con 140.000 euros, pois nese caso a bolsa axudou máis”, apunta Vila Biglieri, ao que engade que a gañadora “negociou accións de IBM e futuros sobre o ouro con profesionalidade, sen arriscar demasiado unha vez que destacou na clasificación e conseguiu saír pola porta grande”. As caídas máis importantes producíronse o último e penúltimo día. “O perdedor arriscouse con futuros sobre criptomoedas e caeu en perdas superiores ao 87% do millón de euros”, recalca o docente, quen tamén salienta que o penúltimo clasificado perdeu máis do 78% do millón de euros “ao meterse en opcións ‘put e call’, que son instrumentos de destrución masiva segundo Warren Buffett”.

Máis actividades para o mes de febreiro: Curso de Advanced Trading

Esta competición forma parte dun ecosistema formativo sobre o mundo dos investimentos bolsistas que comprende tamén o Curso de Introdución á Bolsa, que coordina o profesor José Luis Sáez Ocejo e se imparte dende hai 20 anos, e o Curso de Advanced Trading, impulsado por este, xunto co propio Vila Biglieri, e cuxa próxima edición –a sexta- está prevista para o vindeiro mes de febreiro. O programa deste curso, ao que poderá asistir de xeito gratuíto a gañadora da competición, acostuma comprender tanto charlas-conferencias como sesións prácticas, apoiándose sempre no  uso das novas tecnoloxías, coa finalidade de “transmitir coñecementos e experiencias para que as persoas participantes adquiran a súa forma personalizada de facer trading”.