DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición ‘Indeble’, que reúne as obras de tres alumnas da Facultade de Belas Artes

Luz, rostros e fogar conflúen nunha exposición na Casa das Campás

A mostra, que poderá visitarse ata o 2 de abril e reúne as creacións de Irina Alegre, Jugatx Astorki

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 21/03/2018

Tres alumnas do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, procedentes de diferentes puntos de España e tres xeitos de abordar a creación artística desde diferentes disciplinas e temáticas conflúen en Indeble, a exposición que ata o 2 de abril pode visitarse na Casa das Campás. A estremeña Irina Alegre, a biscaíña Jugatx Astorkia e a valenciana Paula Jaraices reúnen unha serie de traballos escultóricos, pictóricos e fotográficos nunha exposición que serve como exemplo de tres liñas de traballo artístico que abordan cuestións como a dor e o sentimento reflectido nos rostros, o papel determinante que xoga a luz na creación ou negación da imaxe e a relación entre o suxeito e o espazo, reflectida a través da idea do íntimo e do fogar.

Acompañadas polo director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, as tres artistas presentaron este mediodía unha exposición que titularon cunha “palabra que non existe” e na que fusionan os termos indeleble e endeble, “que era unha relación na que as tres nos víamos reflectidas”, como explica Astorkia. Dúas verbas que serviron pois como nexo de unión para as creacións de tres artistas con diferentes “intereses plásticos e conceptuais”, procedentes ademais de “tres universidades distintas”, Salamanca, UPV/EHU e Miguel Hernández de Elche, como lembrou Morquecho, que incidiu nese senso en que a súa chegada á Pontevedra para cursar o mestrado que se imparte na Facultade de Belas Artes fará delas “tres embaixadoras da Universidade alá onde estean”.

Arte máis aló das fronteiras entre disciplinas

Indeble constitúe así mesmo a primeira inciativa que estas tres artistas e alumnas desenvolven como colectivo Leche Azul, que impulsaron para esta iniciativa “pero que queremos que vaia máis aló”, segundo salientaron as autoras e comisarias dunha mostra colectiva na que, partindo “do interese pola arte máis aló das fronteiras entre disciplinas”, buscaron que as súas obras se combinasen “dunha forma coherente”.

Así, Indeble reúne por unha banda tanto os óleos como as pinturas dixitais que Alegre centra principalmente na representación de rostros, co propósito de “potenciar á expresividade” a través dun xogo de luces e sombras que “achegue unha potencia visual ao espctador”. A través da escultura e da instalación, Jaraices suma a esta propostaunha serie de pezas que parten da idea “do íntimo, do doméstico, da casa e nas que busco moitas veces os contrarios”, partindo da concepción do fogar como un espazo de tránsito, como “o lugar que ampara un tempo perecedoiro”. Astorkia, pola súa banda, achega á exposición unha serie de pezas centradas na “percepción do espectador” partindo dunha reflexión sobre “o comportamento da luz como materia”, que, como sinala, “déixanos ver e evita tamén que vexamos outras cousas”. Deste xeito, a través do traballo con diferentes superficies, do metacrilato á fotografía, a artista aborda “diferentes procesos de interferencia” por parte da luz “para que esa imaxe sexa imaxe”.