DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de goberno tamén deu luz verde ao Programa de retención de talento investigador 

Luz verde ao Plan de promoción a profesor titular e catedrático e aos Criterios para a elaboración das ofertas de emprego público do PDI

Reigosa avanzou o desbloqueo da ETEA e as medidas para a continuidade dos graos en dificultades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/03/2019

Durante case cinco horas prolongouse a sesión ordinaria de Consello de goberno que este mércores aprobou por 24 votos a favor, sete en contra e oito abstencións o Plan de promoción a profesora ou profesor titular e catedrática ou catedrático, así como, por 25 votos a favor, sete en contra e seis abstencións, os Criterios para a elaboración das ofertas de emprego público de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo. Xunto a estas dúas normativas, o órgano de goberno tamén deu luz verde ás Medidas de promoción de profesorado asociado acreditado, que contempla unha convocatoria para a selección de 33 profesoras e profesores asociados; así como ao Programa de retención de talento investigador da Universidade de Vigo, que permitirá formalizar 18 contratos de tres anos como persoal laboral temporal a tempo completo, de persoal investigador incorporado no cadro dos programas de contratación de doutoras e doutores Ramón y Cajal, Marie Curie, Juan de la Cierva e programas postdoutorais da Xunta e da Universidade.

A sesión, na que se aprobaron por asentimento, tanto o límite de prazas para as titulacións de grao e máster para o vindeiro curso, como as declaracións de interese de novas titulacións para o curso 2020-2021, comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa avanzou o desbloqueo do proxecto previsto pola Universidade na ETEA. “O tema en principio está desbloqueado. Temos os cartos dispoñibles e esperamos que en breve, cando rematen as negociacións coa arquitecta, poidamos sacalo a concurso nun prazo breve”, explicou o reitor en relación coa actuación prevista no edifico Faraday. Reigosa tamén se referiu á solicitude realizada pola Universidade de Vigo para poder destinar o edificio dos antigos xulgados de Vigo a usos docentes e neste sentido reiterou a dispoñibilidade da Xunta para que a institución académica poida utilizar os dous inmobles que quedarán baleiros e que servirán, segundo o reitor, para dispoñer de máis espazos docentes na cidade, a tan só 11 minutos a pé do campus cidade.

O reitor aproveitou a súa intervención para avanzar as accións nas que se está a traballar neste intre por parte da Universidade para garantir a continuidade das catro graos que non cumpren o decreto de titulacións da Xunta: Dirección e Xestión Pública; Enxeñaría Forestal; Enxeñaría Agrícola e Ciencias da Linguaxe. Reigosa amosouse optimista coa continuidade das titulacións en dificultades que a Xunta pretende pechar, a través de medidas específicas para cada unha delas,que pasan por, no caso de Dirección e Xestión Pública “pola non presencialidade total, o que nos permitirá atraer máis estudantado estranxeiro”; no de Enxeñaría Forestal e Enxeñaría Agrícola, o reitor avanzou que se está a traballar coas escolas da USC no campus de Lugo e no de Ciencias da Linguaxe, apuntou que “se reformulará, para que teña créditos en común con outra titulación que non ten problemas”, explicou Reigosa.

Plan de promoción a profesor titular e catedrático e Criterios de elaboración das ofertas de emprego público do PDI

Tras aprobarse por 27 votos a favor e 13 abstencións as normas de elaboración do Plan de Organización Docente (POD), no que a principal novidade é, segundo o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado "que as normas de POD, por primeira vez, contemplan criterios que os departamentos deben seguir para facer o Plan, deixándolles liberdade para facer o POD, segundo os seus propios criterios, regulando o que facer en posibles situacións de conflito”, iniciouse o debate do Plan de promoción a profesora ou profesor titular e catedrática ou catedrático na Universidade, que establece medidas de promoción, coa finalidade de regular os criterios que determinen a orde de saída a concurso das prazas destinadas a acceder ao funcionariado nos corpos docentes da Universidade, mediante a súa convocatoria nas correspondentes ofertas de emprego público. 

“Este foi un dos principais eixos do noso programa electoral no referente á política de PDI e o obxectivo é baleirar, no menor prazo posible, a bolsa de acreditadas e acreditados a catedrática e catedrático e titular de universidade, que por culpa da crise aínda non puideron promocionar. Para elo propoñemos un criterio claro e estable para ordenar a saída a concurso de prazas: a antigüidade na acreditación”, explicou, primeiro, Manuel Ramos e, máis tarde, Manuel Reigosa, que tamén defendeu o mesmo criterio. Foi precisamente a antigüidade o que abandeiraron os sindicatos na súa oposición ao Plan, ao que tamén reprocharon carecer de sustento legal. Pola súa banda, o voceiro de Ideas que Suman, Emilio Fernández, lamentou que non fose posible acadar un consenso, ao tempo que reiterou os argumentos sindicais para rexeitar o plan, ao que sumou o feito que de que considera que empeora algúns aspectos, ao dar prioridade á eliminación da bolsa de acreditados, por riba de manter o equilibrio entre áreas. “É prioritario ter criterios consensuados e entristécenos votar en contra, porque queríamos votar a favor”, asegurou Fernández. Na votación o Plan foi aprobado con 24 votos a favor, sete en contra e oito abstencións.

As e os membros do Consello tamén aprobaron os Criterios para a elaboración das ofertas de emprego público de persoal docente e investigador, que contemplan unhas directrices, que regulan a adecuada elaboración das sucesivas ofertas e emprego público anuais da institución académica, maximizando o número de prazas a convocar anualmente, co obxectivo de facer efectivo o dereito a promocionar de todo o profesorado acreditado sen praza, no menor tempo posible.

Por outra banda, e cun cambio de denominación incluído, pasando de ser un “plan de estabilización” a unhas “medidas”, aprobáronse as Medidas de promoción de profesorado asociado acreditado, que contemplan unha convocatoria para a selección de 33 profesoras e profesores asociados aos que se recoñecerá o dereito a promoción a unha praza de profesorado axudante doutor. “Neste caso, tamén se trata do cumprimento dun compromiso electoral, co o obxectivo de permitir o inicio da carreira docente a aquelas persoas que foron contratadas con esta figura, que estean acreditados e que desexen continuar na Universidade”, explicou Manuel Ramos, que avanzou a intención do equipo de goberno de poder contratar 100 profesores axudantes doutores durante esta lexislatura para estabilizar e renovar os cadros de persoal dos departamentos.

Programa de retención de talento investigador e límite de prazas para o vindeiro curso

Por asentimento o Consello de goberno deu o seu visto e prace á convocatoria de 2019 do Programa de retención de talento investigador da Universidade de Vigo. Desde mañá e ata o vindeiro 29 de marzo poderá presentar as súas solicitudes ao programa para este ano, o persoal investigador incorporado no cadro dos programas de contratación de doutoras e doutores Ramón y Cajal, Marie Curie, Juan de la Cierva e programas de acusas postdoutorais da Xunta e da Universidade. “Vai na mesma liña que a convocatoria do 2018. Evidentemente son 18 contratos engadidos aos 10 que se fixeron o ano pasado, para darlle continuidade ao persoal que estaba e está nas categorías de Ramón y Cajal, Marie Curie Individual Fellowship, Juan de la Cierva, Postdoctorais da Xunta, Fellowships Campus do Mar”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, que apunta que a principal novidade respecto da anterior convocatoria é que para a renovación dos contratos agora se terá en conta a certificación I3, que saíu recentemente publicada no BOE. 

Por outra banda, na sesión de hoxe tamén se aprobou o límite de prazas para as titulacións de grao e de máster para o vindeiro curso. No caso do grao todas as titulacións manteñen o mesmo número de prazas que o curso anterior, agás o Grao en Enxeñaría Informática que incrementa en 33 o seu número de prazas, pasando de 92 a 125 (das que oito son para o Programa Conxunto con ADE); o Grao en Comunicación Audiovisual que aumenta en cinco, pasando de 45 a 50 e o Grao en Comercio que rebaixa o seu límite en nove, pasando de 99 a 90. Pola súa banda, o Grao en Enxeñaría Biomédica resta 20 prazas a súa oferta, respecto do curso pasado, quedando en 30 e destinando, dunha banda 10 prazas ao Programa Conxunto de Estudos Oficiais (PCEO) do Grao en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industrial Automática e, doutra, outras 10 prazas ao PCEO do Grao en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica. 

Por certo, que estes dous PCEO recibiron hoxe tamén a aprobación das e dos membros do Consello de goberno, que tamén deron luz verde ás declaracións de interese de novas titulacións para o curso 2020-2021 do Grao en Deseño e Creación e dos mestrados en Dirección e Innovación da Supply Chain; en Enxeñaría Aeronáutica; en Formación de Profesorado en Español como Lingua Estranxeira e en Nanociencia e Nanotecnoloxía. Pola súa banda, non se aprobou o Grao en Xeoloxía, que xa recibira informe desfavorable da COAP. Así mesmo aprobouse a declaración de interese de modificación de 11 títulos de graos e nove de máster para o curso 2020-2021 e as declaracións de interese de modificación/verificación dos programas de doutoramento en Protección do patrimonio cultural e en Tecnoloxías da información e as comunicacións.

Solicitude da FCCEE para que aproben medidas contra agresións a docentes

Na quenda de rogos e preguntas Francisco Javier García, director do Departamento de Matemáticas, primeiro, e Jorge Falagán, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a continuación, demandaron do equipo de goberno a adopción de medidas trala agresión sufrida por un docente dese centro. O decano deu lectura a un acordo do pasado mes de febreiro da xunta de facultade, no que se insta ás autoridades universitarias a que establezan sancións proporcionadas segundo a natureza da infracción cometida, de acordo coa lexislación vixente, decreto de 8 de setembro de 1954, polo que se aproba o regulamento de disciplina académica dos centros oficiais de ensino a superior e de ensino técnico dependentes no Ministerio de Educación. “Neste senso, proponse o desenvolvemento dunha normativa interna da Universidade que, sen alterar o sistema de infraccións e sancións contemplado no decreto antes mencionado, adapte o réxime disciplinario á realidade actual; a que se estableza un protocolo claro de actuación ante unha situación de agresión física a un membro do profesorado e, por último, a que desenvolva de forma paralela, os procesos de investigación interna cos procesos seguidos nos tribunais de xustiza”, detallou Falagán.

En relación con esta cuestión, o secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, lembrou que a Universidade ten a obriga legal de agardar a que remate o proceso penal aberto para poder iniciar accións, dado que o procedemento penal prevalece sobre o administrativo.