DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O histórico educador Antonio Sampaio da Nóvoa será investido doutor honoris causa

Luz verde do Consello de Goberno ao convenio co RC Celta e Metrodora para a creación dun centro adscrito con cinco titulacións

O acto oficial de apertura do curso 2026/2027 no SUG será en Vigo o 4 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
B. Besadío DUVI 25/03/2026

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo deu este mércores luz verde ao convenio de cooperación que permitirá a  posta en marcha dun novo centro adscrito co RC Celta de Vigo e o centro universitario Euses Vigo, pertencente ao grupo Metrodora, e fíxoo coa mirada posta na posible futura implantación dunha oferta académica composta, inicialmente, por cinco titulacións: Psicoloxía, Enfermaría, Xestión Deportiva, Deseño e Arte para Videoxogos e Produción de Música e Son para a Industria do Entretemento. 

Esta é a idea inicial coa que se pon en marcha a creación do novo centro, se ben esta oferta terá que ser ratificada polos respectivos órganos competentes, incluído, de novo, o propio Consello de Goberno da UVigo. “Hoxe non aprobamos titulacións, senón un convenio de cooperación educativa xeral e, xa logo, cada un dos pasos terá que ter o referendo correspondente, ben sexa do Consello Galego de Universidades, da Xunta de Galicia, da ACSUG e, por suposto, da propia Universidade de Vigo”, explicou o reitor Manuel Reigosa, quen fixo fincapé na importancia de ver o novo centro como “un parceiro, un colaborador, non un competidor”.

A aprobación do convenio con Metrodora e o RC Celta foi un dos puntos máis destacados dunha sesión na que tamén se anunciou que o acto oficial de apertura do curso 2026/2027 do Sistema Universitario Galego celebrarase en Vigo o 4 de setembro; se deu o visto e bo ao calendario académico para o vindeiro curso e se decidiu que a UVigo sumará nos vindeiros meses un novo doutor honoris causa, o 32ª da institución académica viguesa, neste caso para o destacado educador e académico portugués Antonio Manuel Seixas Sampaio da Nóvoa, reitor honorario da Universidade de Lisboa e titular da Cátedra Unesco sobre os futuros da educación.

O novo centro contará con instalacións en Afouteza e Balaídos 

Con respecto ao novo centro adscrito con Metrodora e o RC Celta, o pasado mes de novembro o Consello de Goberno da UVigo aprobara xa un primeiro memorando de entendemento entre as tres entidades implicadas para a futura creación deste centro. Na sesión deste mércores deuse un novo paso adiante, neste caso coa aprobación do convenio de cooperación no que se establecen os detalles da adscrición do centro Euses Vigo á Universidade viguesa, con instalacións, tal e como explicou o vicerreitor de Titulacións Alfoso Lago, distribuídas entre a Cidade Deportiva Afouteza, moi preto do campus de Vigo, e o estadio municipal de Balaídos, onde se fará un anexo coa colaboración da Zona Franca.

Ademais da especificación dos diferentes órganos de goberno -tanto colexiados como unipersoais-, o convenio aprobado polo Consello de Goberno establece que este novo centro universitario contará con toda a estrutura académica necesaria para impartir estas titulacións - a posible posta en marcha doutros títulos requiriría a sinatura das preceptivas addendas modificativas- , así como a investigación que sexa de interese, e que a contratación do persoal docente e investigador levarase a cabo mediante proceso selectivo, contando en todo momento coa Venia Docenti da UVigo e coa participación no proceso do delegado/a da UVigo neste centro.

En canto ao futuro alumnado, terán consideración de estudantes matriculados na UVigo e deberán cumprir para o seu ingreso cos requisitos legais que prevexan as disposicións vixentes para o acceso á Universidade. No caso das funcións de administración e servizos o documento establece que correrán a cargo de Euses Vigo, non conlevando este convenio, tal como explicou Lago, ningún tipo de compromiso económico concreto para a UVigo.

Tras a exposición dos contidos do convenio por parte do vicerreitor, os profesores Miguel Cuevas e Rosa López expuxeron a súa inquedanza ao respecto das posibles colisións das titulacións formuladas coa oferta pública de títulos que xa se está a impartir no sistema universitario galego, ao que desde o equipo de goberno se lle respondeu que se trata de títulos complementarios á actual oferta do SUG. Así mesmo, con respecto á Enfermería insistiuse na necesidade de incrementar o número de prazas desta titulación, algo que agora mesmo as universidades públicas non están en condicións de facer.

Unha vez aprobado o convenio polo Consello de Goberno – con 27 votos a favor, ningún en contra e 7 abstencións-, a creación deste novo centro adscrito terá que ser ratificado polo Consello da Xunta de Galicia -unha vez vistos os  informes dos órganos colexiados da universidade, o informe da ACSUG  e o informe do Consello Galego de Universidades- para, posteriormente, ser publicada a súa creación no Diario Oficial de Galicia, o paso definitivo que marcará a  súa posta en marcha definitiva.

Honoris causa para un “gran defensor” da universidade pública

O Consello de Goberno deu tamén este mércores luz verde ao nomeamento do destacado educador e académico portugués Antonio Sampaio Nóvoa, como novo doutor honoris causa da Universidade. A proposta chegou da man do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, co aval doutros oito departamentos do ámbito xurídico-social, e encargouse de defendela ante o Consello de Goberno, o reitor, Manuel Reigosa, quen explicou que este nomeamento busca recoñecer o labor dun “gran defensor do ensino público, unha persoa que defende o público e o valor da educación”, subliñou Reigosa, quen non escondeu a “grande emoción” que lle produce este nomeamento “a unha das traxectorias pedagóxicas mais brilantes do último medio século no mundo”.

Trátase, segundo explicou, dun profesional con dilatada traxectoria no eido da historia da educación  e da educación comparada, na que destacan as súas numerosas contribucións á historia de profesión docente e o desenvolvemento de diferentes políticas educativas na Unión Europea.  Coa súa incorporación ao Claustro honorario da UVigo, “teremos con nós un dos maiores expertos mundiais no campo da educación comparada, da historia da profesión docente, e nas propostas de educación para o futuro”; e, pola outra, a UVigo convertarase na primeira Universidade do Estado español en facer este recoñecemento, uníndose así ás seis universidades portuguesas e brasileiras que xa o realizaron: Algarve, Lusófona, Brasilia, Río de Janeiro, Santa María e São Paulo.

Natural de Valença, e con destino profesional na Universidade de Lisboa, desde 1985, - catedrático desde 1996 – Sampaio da Nóvoa visitou multitude de países para a súa formación e desenvolvemento profesional, en universidades punteiras a nivel mundial, sen deixar de lado as súas raíces na localidade raiana con Galicia, a onde acude con frecuencia a participar en actividades de formación do profesorado, e noutras mais amplas de formación da cidadanía en valores democráticos e pacifistas. 


Como profesor e historiador da educación formouse en Xinebra (doutorado en educación en 1986) e Paris IV - Sorbonne (doutor en Historia en 2006), compatibilizando coa docencia en Xenebra desde 1982, e Lisboa desde 1986. En relación á súa traxectoria investigadora fíxose referencia aos máis de 100 artigos publicados en revistas, preto dun cento de capítulos de libros, 37 libros, setenta prefacios, mais de 25 teses dirixidas e moitos traballos de mestrado en distintas universidades e paises. Personaxe clave tamén no goberno da Universidade de Lisboa, da que foi vicerreitor e reitor, entre 2006 e 2013, e reitor honorario da mesma desde 2014. Foi tamén, como recordou o reitor, candidato á presidencia de Portugal por parte das esquerdas en 2016.

O curso 2026/2027 arrancará o luns 7 de setembro

Se ben o curso académico comprenderá do 1 de setembro de 2026 ao 31 de agosto de 2027, as clases do vindeiro curso, 2026/2027, arrancarán o luns 7 de setembro e prolongaranse ata o 4 de xuño. Así se establece no calendario académico aprobado este mércores, no que tamén se determina que o primeiro cuadrimestre rematará o venres 22 de xaneiro, arrancando o segundo o luns 25.

Como cada ano non haberá actividade académica no mes de agosto, así como do 19 de decembro ao 8 de xaneiro (ambos os dous incluídos), polo parón do Nadal, e do 22 ao 29 de marzo pola Semana Santa. A docencia interromperase tamén o 8 e 9 de febreiro polo Entroido e será festivo o 29 de xaneiro, pola celebración de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade. Do mesmo xeito tamén se deu luz verde á relación de festas propias das diferentes escolas e facultades.

O período comprendido entre os días 1 e 6 de setembro non computarán para os efectos de actividades lectivas, pero si se poderán desenvolver actividades académicas non lectivas, tales como o propio acto oficial de apertura de curso do SUG, e o mesmo acontecerá entre o 7 de xuño e o 30 de xuño.

A maiores tamén se aprobou o calendario académico para o Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar de Marín, no que as actividades académicas arrancarán o 31 de agosto de 2026 e rematarán o 22 de decembro nun primeiro período, e retomaranse o 11 de xaneiro para concluír o 21 de maio no segundo. 

Informe do reitor: Medicina, Enfermaría, estatutos...

Durante o seu informe ao Consello de Goberno, o reitor repasou os feitos máis relevantes acontecidos na UVigo nas últimas semanas. Trasladou que seguen adiante as reunión periódicas das dúas comisións de traballo para a descentralización de Medicina e amosou a súa satisfacción porque a nova reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, amosase xa publicamente o seu respecto por este acordo. 

En relación tamén ao ámbito sanitario, fixo mención á futura Facultade de Enfermería, explicando que se está a rematar o convenio de desadscrición do Sergas e que a idea é que poida ir ao Consello Galego de Universidades, “se pode ser xa en xullo e, se non dese tempo, en decembro”.

Deu  conta, así mesmo, do estado das negociacións do convenio colectivo do persoal investigador e o persoal de apoio á investigación, sobre o que hai xa un acordo de base. En canto aos estatutos, o reitor confirmou que se traballa xa cun “documento consolidado” e que queda pendente unha derradeira xuntanza, o vindeiro 7 de abril, polo que a partir desa data cóntase xa con envialo para a súa revisión á Asesoría Xurídica e, posteriormente, á Área de Normalización Lingüística. 

Por outra banda, adiantou tamén que se está a traballar, man a man coa Facultade de Filoloxía e Tradución, o Centro de Linguas, a Fundación Universidade de Vigo e o Centro de Posgrao e Formación Permanente, na mellora do título propio dirixido ao alumnado de Campus Spain, “grazas ao cal cada ano chegan á UVigo arredor de 150 estudantes, fundamentalmente asiáticos, pero tamén de África, dos cales arredor do 30% acaban matriculándose nalgún grao ou máster da UVigo”.

Deu conta tamén da xuntanza CRUE-Universidades públicas e do traballo que se está a levar a cabo na loita por conseguir o 1% de financiamento público, “tras vinte anos estancados no 0,7%” e nas importantes melloras que isto significaría”.

Á marxe destas cuestións agradeceu os traballos que están a levar a cabo os coordinadores de Normalización Lingüística dos distintos centros, “non sempre en condicións favorables”, e amosou o seu desexo de que o novo equipo de goberno que saia das  urnas “siga impulsando institucionalmente o uso do galego”.

Outros temas

Durante a sesión aprobouse tamén un novo regulamento de réxime interno do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación, CACTI, co que se actualiza o ata agora vixente, e algunhas pequenas modificacións no do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, IAA, (relativas ás funcións do Comité Asesor Externo).

Por outra banda, aprobouse tamén a modificación do modelo do Convenio interinstitucional para o recoñecemento mutuo de créditos para obter unha dobre titulación internacional, no que se establece que para a obtención dun título oficial, de grao ou máster, da Universidade de Vigo requirirase obrigatoriamente que o estudantado se matricule, realice, defenda e supere o traballo de fin de grao (TFG) / mestrado universitario (TFM) na Universidade de Vigo.

Tamén se deu o visto e bo a diferentes cuestións relativas ao profesorado, entre elas, a modificación dos criterios de acceso segundo a LOSU para varias das prazas do 15% -correccións de erros nas prazas 1,2,3,4,5,9,10 e 11, publicadas no BOE do pasado 21 de febreiro-, así como algunhas pequenas modificación na normativa de dedicación e recoñecementos docentes, cuestión que suscitou a intervención de múltiples membros do Consello, tanto con dúbidas como con diferentes reflexións ao respecto.