DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Á UVigo correspóndenlle 5,4 millóns de euros para conceder un mínimo de 37 axudas 

Luz verde do Consello de Goberno á convocatoria de axudas para a recualificación do sistema universitario español para 2021-2023

Destinaranse á formación de doutores, mobilidade de profesorado e atracción de talento internacional

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 01/07/2021

O Consello de Goberno da UVigo aprobou este xoves nunha sesión extraordinaria a convocatoria de axudas para a recualificación do sistema universitario español para 2021-2023, logo da publicación no mes de abril no BOE do Real Decreto polo que se regula a concesión directa de subvencións ás universidades públicas para a recualificación do sistema universitario español e da posterior concesión no mes de maio á UVigo dunha subvención de 5,4 millóns de euros, para a concesión dun número mínimo de 37 axudas. O 4 de xullo é a data límite que ten a UVigo, e o resto de universidades, para publicar na súa web a correspondente convocatoria, que ten o 1 de decembro como data límite de resolución definitiva de axudas nas tres modalidades previstas: axudas Margarita Salas para a formación de novas doutoras e doutores; axudas para a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado e axudas María Zambrano para a atracción de talento internacional.

“É unha concesión directa de subvencións ás universidades e que ten que xestionar cada universidade”, lembrou Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo, que sinalou que a proposta de convocatoria de axudas da UVigo pasara, antes de chegar ao Consello de Goberno de hoxe, dúas veces por comisión de investigación e tamén pola mesa de negociación do PDI.

As modalidades de axudas polo miúdo

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, foi a encargada de debullar antes os membros do Consello de Goberno os detalles de cada unha das modalidades da convocatoria da UVigo. Así, segundo a convocatoria aprobada hoxe, as axudas Margarita Salas están destinadas á formación de novas doutoras e doutores mediante estadías de formación nunha universidade pública española, ou ben, en universidades ou centros de investigación estranxeiros, así como en organismos públicos de investigación ou centros de investigación públicos españois. A proposta da UVigo contempla a convocatoria dun mínimo de 30 axudas, destinadas á formalización coa persoa beneficiaria dun contrato de acceso ao Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, cun salario bruto mensual, incluído o prorrateo de pagas extra de 2.664 euros no estranxeiro, e de 2131 euros durante o tempo de estadía realizado en España. En canto á distribución de axudas por ámbitos de coñecemento o reparto sería de 10 axudas no científico, oito no xurídico-social, e seis, no tecnolóxico e no de artes e humanidades. 

En canto ás axudas para a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado mediante estadías de formación durante un ano continuado nunha universidade ou centro de investigación público distinto á UVigo, acordouse convocar, dunha banda, catro axudas para profesorado titular de universidade e contratado doutor, cuxa contía mensual será equivalente á retribución bruta mensual no inicio da estadía máis unha prima adicional de mobilidade do vinte por cento dela. A convocatoria complétase con outras catro axudas para profesorado axudante doutor, cuxa contía mensual será equivalente a súa retribución bruta mensual no inicio da estadía máis unha prima adicional de mobilidade do vinte por cento dela. A distribución das axudas realizarase neste caso por ámbitos de coñecemento, correspondendo unha axuda por cada ámbito para o profesorado titular e contratado doutor conxuntamente e unha axuda por cada ámbito para o profesorado axudante doutor. 

Polo que respecta ás axudas María Zambrano para atracción de talento internacional, estas teñen o obxectivo de atraer á UVigo durante tres anos a persoal docente e investigador dunha traxectoria posdoutoral acumulada non inferior a 24 meses en universidades ou centros de investigación españois ou de fóra de España, diferentes ao da defensa da tese de doutoramento, que estea a desenvolver proxectos en universidades ou centros situados fóra de España no momento de presentar a solicitude. Convócanse oito axudas nesta modalidade,, cun salario bruto mensual, incluído o prorrateo das pagas extra, de 3045 euros. A distribución das axudas sería de dúas por cada ámbito de coñecemento. 

“É un bo momento para apoiar a investigación na universidade e hai que darlle pulo”, dixo Rubio, que destacou que o total de 5,4 millóns de euros distribuíranse entre os anos 2021 e 2023 cun total de 1,8 millóns de euros cada un, podéndose orientar a áreas consideradas estratéxicas, destinándose máis ou o 50% para a formación de novos doutores e doutoras (30 contratos) e reservando un 2% para persoas con discapacidade en cada modalidade e acumulables. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar ao día seguinte da súa publicación e rematará o 2 de agosto. A UVigo nomeará unha comisión de avaliación por cada ámbito de coñecemento, formada por tres persoas docentes e investigadoras, das que dúas serán externas e unha da propia institución que actuará como secretaria.