DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Jianbo Xiao chega á UVigo para “centrarme na nutrición e seguridade alimentaria”

De Macau a Vigo para reforzar o ámbito agroalimentario e impulsar a agrupación estratéxica Citaca

Desde 2016 foi incluído catro veces na listaxe de Clarivate Analytics Highly Cited Researchers

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 05/05/2021

Tras ser seleccionado no programa de captación de talento HCR da UVigo 2020, o investigador chinés Jianbo Xiao acaba de incorporarse ao grupo AA1 de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da UVigo, no que desenvolverá o seu labor os próximos tres años. Procedente da Universidade de Macau, Jianbo Xiao asegura que a súa chegada á Universidade de Vigo “significa un novo comezo, un novo paso e unha nova vida para min”, e tamén para a súa familia ao completo, coa que o investigador viaxou desde China á cidade olívica, na que nunca antes estivera, pero da que asegura ter aprendido moito a través de internet. “Aínda que souben de Vigo desde o ano 2015 por un colega internacional, foi en 2017 cando me puxen en contacto por vez primeira co profesor Jesús Simal-Gándara e desde 2019, cooperei con el en investigación e publicando”, explica o estudoso dos polifenoles dietéticos, nado en 1979 en Juiangsu (China), e que desde o ano 2016 foi incluído catro veces na listaxe de Clarivate Analytics Highly Cited Researchers.

“Jianbo Xiao vén a reforzar o ámbito agroalimentario, un dos ámbitos polos que aposta a Universidade de Vigo, e que pretendemos que remodele e transforme a agrupación estratéxica Citaca nun futuro centro de relevancia internacional no eido agroalimentario”, explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, en relación á incorporación do investigador chinés. Pola súa banda, o catedrático Jesús Simal, coordinador do grupo AA1, destaca que “sumar investigadores deste calibre é de grande interese para a Universidade, sobre todo porque permite nuclear estruturas de investigación supra-grupais que fagan posible dar visibilidade á institución no estranxeiro”, unha idea que Rubio comparte, ao tempo que lembra que a incorporación destes investigadores e investigadoras Highly Cited, “supón ademais, unha mellora directa na posición da UVigo nos ránkings máis importantes do mundo, en particular no de Shanghai, onde o número de HCR representa unha alta porcentaxe nos indicadores considerados””, detalla a vicerreitora.

Un investigador de prestixio internacional no estudo científico dos alimentos 

A “excelente reputación en moitas área de investigación, por exemplo, en ciencia e tecnoloxía dos alimentos, onde está clasificada entre as 50 mellores do mundo” foi un factor determinante á hora de que Jianbo Xiao optase pola UVigo como destino. Ademais, “o profesor Jesus Simal, que é moi famoso no mundo e que Vigo é unha cidade preciosa cunha paisaxe moi agradable”, son outras cuestións que o científico chinés asegura que o animaron á hora de fichar pola institución académica viguesa. 

Será nas instalacións das que o grupo AA1 dispón en Citexvi onde Jianbo Xiao desenvolverá a súa investigación centrada en distintos compostos fitoquímicos, sobre todo de natureza polifenólica, en especial flavonoides. “Interésalle a súa estabilidade nos procesos de transformación dos alimentos vexetais, as súa biodisponibilidade e interacción coa microbiota intestinal, e as súas propiedades beneficiosas en procesos inflamatorios”, explica Simal, que destaca que o investigador chinés é un grande experto en estudios de relación estrutura-actividade e gran coñecedor dos seus efectos sobre paquetes encimáticos de glucosidasas, “o que é positivo para o control da diabetes tipo-2, para o que conta co dominio de ferramentas de metabolómica baseadas en cromatografía de líquidos e espectrometría de masas de alta resolución, de experimentación animal e ensaios clínicos en colaboración dos hospitais”, explica o coordinador do grupo AA1.

Enfocado na nutrición e na seguridade alimentaria

Doutor en Nutrición pola Okayama Prefectural University (Xapón), editor xefe de Food Frontiers (Wiley), editor asociado de Food Chemistry and Journal of Berry Research e membro do consello editorial de 13 revistas indexadas por WOS en ciencias da alimentación, Jianbo Xiao explica que na UVigo “continuarei a cooperar cos seus investigadores para enfocarme na nutrición e seguridade alimentaria, para promover o impacto académico internacional a través de destacadas revistas internacionais, conferencias e sociedades internacionais e o recoñecemento da comunidade académica internacional”. En relación con estas actividades, Simal incide no traballo en rede con multitude de investigadores de talla internacional nos cinco continentes que desenvolve Jianbo Xiao, “o que lle permite organizar foros internacionais na temática e atraer investigadores júnior e sénior con moita facilidade”.

A de Jianbo Xiao non será a única incorporación da súa familia á UVigo, xa que a súa muller, a química analítica e de instrumentos Hui Cao continuará no campus vigués a súa formación investigadora de postdouramento. “En China é profesora, pero aquí será investigadora”, explica o científico chinés, que asegura que, a aínda que é un gran desafío para a familia “faremos todo o posible por adaptarnos . Xa estamos a aprender o idioma local e ademais atopo que a xente aquí é moi amable axudándonos”, asegura.