DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado por investigadores do Observatorio da Gobernanza G3

Madrid e Barcelona melloraron as súas canles de participación electrónica tralas últimas eleccións municipais

A investigación centrouse nos portais web de catro ‘smart cities’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/11/2018

En 2016, os investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 Xosé Mahou e Enrique Varela publicaban un estudo no que avaliaban os mecanismos para a participación cidadá implantados nos portais municipais das 20 capitais de provincia integradas na Red Española de Cidades Intelixentes (RECI). Unha investigación para a que deseñaron un test cunha serie de indicadores que facían posible esta avaliación e co que, xunto á tamén investigadora do grupo Mónica López Viso, veñen de estudar de novo os recursos para a participación electrónica das dúas capitais con maior e menor poboación dentro da rede, Madrid e Barcelona e Guadalajara e Huesca. A investigación, recollida nun capítulo do libro E-Participation in Smart Cities: Technologies and Models of Governance for Citizen Engagement, publicado pola editorial Springer, permitiulles constatar un “incremento da e-participación nos últimos tres anos” tanto en Barcelona como, especialmente, en Madrid.

Estas dúas cidades xa obtiveran, xunto con Zaragoza, as puntuacións máis elevadas no “test heurístico” ao que os investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación as someteran no estudo anterior, que abordaba a situación das webs municipais en 2014. Neste novo estudo, explica Varela, constátanse incrementos “significativos” no referido aos enlaces, á posta e disposición de recursos nestes portais que fagan “facilmente localizable” os recursos para a participación, un aspecto clave, como sinala Mahou, para lograr unha “mellor e maior accesibilidade á e-participación”. Os investigadores tamén rexistraron unha evolución positiva nos indicadores referidos a iniciativas smart city, como a xeración de “espazos de debate, de queixas e suxestións, así como de transparencia”. Mahou, Varela e López Viso destacan así mesmo o “singular desenvolvemento dos servizos de e-administración de Madrid”, que aumentan de 30 a 42 puntos na avaliación realizada con respecto ao estudo anterior, situando á capital por riba de Barcelona, que obtiña xa unha das puntuacións máis elevadas neste aspecto no estudo anterior.

Unha variable non contemplada de inicio

Promoven realmente as cidades intelixentes oportunidades para a participación cidadá? foi á pregunta en torno a que López Viso, Varela e Mahou centraron un estudo que lles levou a empregar de novo unha “innovadora metodoloxía de análise”, deixando fóra nesta ocasión os indicadores relativos á mobilidade e desenvolvemento sostible e buscando comparar o impacto da e-administración nun “contexto político-administrativo diferente”, comparando as dúas urbes máis poboadas e dúas “cidades medias”, á vez que “como foron evolucionando os mecanismos de participación nos sitios web destas cidades”. Mais os resultados das eleccións municipais de 2015 levaron a sumar unha nova variable a análise, se “por exemplo, no caso de Madrid ou Barcelona, que tiveron cambios de goberno ou gobernos do cambio, como seu proclaman, estes efectivamente inciden ou modifican a estratexia de smart cities”, sinala Varela. De aí que unha das conclusións do estudo sexa a confirmación “da consolidación do proceso de implantación do modelo de smart cities” nestas dúas cidades, onde o cambio político “supuxo un empuxe estratéxico á mellora da e-participación a través dos seus respectivos portais web”.

Por outra banda, a análise abrangueu tamén as webs de Guadalajara, onde non houbo cambio de Goberno, e Huesca, onde accedeu ao poder unha coalición liderada polo PSOE, e nestas cidades os resultados do test, explica Varela, “establecen diferencias significativas no apartado de links”, no que Guadalajara se sitúa nunha mellor posición, mentres que Huesca obtén maiores puntuacións nos apartados referidos a goberno aberto e iniciativas smart city

A tecnoloxía fai intelixentes ás cidades?

Abordar se “os modelos de e-goberno e e-administración presupoñen unha mellora dos mecanismos de participación cidadá” era un dos propósitos desta investigación, pero tamén cuestionarse se os portais municipais, “a porta de entrada virtual á casa do Concello”, como sinala Varela, son “simples dispositivos electrónicos” ou espazos capaces de “xerar un ambiente virtual que favoreza a relación entre os cidadáns e os xestores públicos”. Nese senso, os autores deste estudo poñen de relevo a importancia que neste eido teñen “elementos tan sinxelos” como a existencia dun enlace para acceder á información e a súa posición na web, “que poden determinar o seu uso posterior", pero tamén ás posibilidades de outra serie de ferramentas, como o deseño de “espazos interactivos de comunicación bidireccional”, espazos de debate ou mapas colaborativos. 

Nese senso, a investigación pon sobre a mesa a cuestión de “se se pode chamar smart (intelixente) a un modelo de estratexia de cidade baseado nas tecnoloxías” ou se é preciso considerar outros elementos e procesos. Non en van, a auxe da administración electrónica trae como consecuencia “unha nova forma de participar” nos asuntos públicos, salienta Mahou, na que a cidadanía pode “implicarse directamente”, sen necesidade “dun mecanismo ou unha organización”, convertendo ao individuo nun actor central. “Estamos falando de cooperación de colaboración, de decidir asuntos concretos de políticas públicas”, sinala este investigador que incide en como estas ferramentas permiten decidir á cidadanía “máis aló do que é a participación nos procesos electorais”, á vez que matiza que, se ben a posibilitan, o desenvolvemento deste tipo de instrumentos non significan necesariamente que se obteña “unha maior ou mellor participación”. De aí que outra das conclusións do estudo sexa a que a mellora dos procesos de e-participación debe implicar tamén a creación “dun ambiente de participación onde exista a confianza para establecer vías de cooperación e reciprocidade na busca de cidadáns e cidades máis intelixentes”.