DUVI

Diario da Universidade de Vigo

39 estudantes, incluídas seis mulleres, integran o novo equipo UVigo Motorsport 2019

Maior fiabilidade e redución de peso serán as novidades do UM19

O vehículo competirá en Alemaña, Austria ou Hungría e España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Emprender
  • TIC
  • Estudantes
Ana Proupín DUVI 20/11/2018

Nunca antes o equipo de UVigo Motorsport fora tan grande e dinámico. Finalizado o proceso de selección, o grupo duplica a representación feminina con respecto á tempada pasada e abre as portas a novas titulacións. O resultado: 39 estudantes, seis alumnas e 33 alumnos, procedentes da escolas de Enxeñería Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría de Minas e Enerxía, así como das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e, por primeira vez, de Belas Artes, integran o equipo que se encargará do deseño e construción do UM19, o vehículo que competirá en dúas probas da Formula Student, unha nacional e outra internacional en Alemaña, Austria ou Hungría.

O equipo xa ten esbozados os obxectivos desta tempada, que “pasan pola optimización dos sistemas que non renderon o ano pasado, por outorgarlle unha maior fiabilidade ao vehículo, así como lograr unha redución do peso, ademais de incorporar un sistema de telemetrías e corrixir fallos menores”, explica Alfonso Castro, membro do Departamento de Márketing e Comunicación. Cos obxectivos fixados, o alumnado xa está a facer os primeiros bosquexos para escoller o deseño; ademais de estudar a renovación de patrocinadores e a posta en marcha dun novo sistema de documentación, así como renovar  a imaxe e planificar a acción en redes sociais.

Independentemente da área na que desenvolven a súa actividade, todas as persoas que compoñen o equipo dedícanlle 30 horas por semana ao proxecto e, ao ser un grupo tan grande, as motivacións que levan a cada persoa a tomar parte son tan variadas como a simple paixón polo mundo do motor, a mecánica, a xestión administrativa ou as redes sociais. Pero se a xente repite é por algo, “formar parte dun equipo con case corenta persoas e sete departamentos, cunhas tarefas asignadas e cunhas responsabilidades, fai que cambies a túa perspectiva, a túa forma de facer as cousas”, asegura Alfonso Castro.

Colaboración e traballo en equipo para chegar con éxito ás dúas citas clave do ano

Con todo, unha parte importante do proxecto son os colaboradores, que suman máis de 70 empresas de diferentes ámbitos e institucións, cifra que está en continuo auxe. O equipo pasou de estar patrocinado por apenas 20 firmas ata as máis de 70 actuais e “sempre estamos dispostos a atopar novos colaboradores para o noso proxecto. Normalmente contactamos cas empresas para suplir unha necesidade específica que xorde no equipo, pero ás veces son as empresas as que contactan connosco”, afirman dende UVigo Motorsport.

Coa posta en marcha do novo proxecto UM19, o equipo do UVigo Motorsport xa ten claras as dúas competicións nas que representará á Universidade de Vigo durante o curso 2018/2019. A cita obrigatoria será, coma cada ano, Formula Student Spain, en Montmeló, e en canto á competición internacional, o circuíto será FSGermany ou FSAustria, decisión que tomarán dende a organización nas vindeiras semanas. 

Catro anos de cambios

Historicamente, o equipo estivo formado case na súa maior parte polo estudantado da Escola de Enxeñería Industrial pero para poder crecer e chegar a ser un grupo máis diverso e completo, este ano as e os veteranos buscaban abrir as portas a persoas doutras titulacións con ganas de aprender e investigar pero tamén con tempo dispoñible. O proceso de escolla foi longo e  a selección fíxose tendo en conta  a actitude, a aptitude e o interese amosados durante o transcurso das diferentes probas que se realizaron. Este ano incorpóranse 25 estudantes ademais dos 14 veteranos que repiten experiencia. Un escenario moi diferente en comparación ao 2015, ano no que se fundou o proxecto con 14 integrantes. Coas novas incorporacións, entre as que destaca Belas Artes, o equipo estruturouse en sete áreas: cinco departamentos técnicos para os diferentes sectores do monopraza que recollen a aerodinámica, o chasis, a dinámica, a electrónica máis a propulsión e dous departamentos non técnicos que se encargan da organización, dos sponsors, do márketing e da comunicación. 

Co paso do tempo, confirmáronse os cambios constantes coa transición dun coche prometedor a un vehículo competitivo e funcional, feito que axudou á creación dun espazo de traballo propio dentro da escola. A maiores, o proxecto achega  unha formación complementaria en diferentes eidos posto que, ademais de aprender cousas relacionadas especificamente co universo automobilístico, “aprendes a traballar en equipo, a depender do grupo e a que o grupo dependa de ti. Entendes a importancia da organización persoal e colectiva, da comunicación, dos prazos pero, sobre todo, aprendes a pensar coma un conxunto. Traballamos o ámbito profesional, pero tamén crecemos no persoal”, apuntan dende a organización.

Non obstante, hai cousas que non mudaron e mantivéronse no tempo en cada edición, un claro exemplo son os valores transmitidos ano a ano entre o estudantado, “seguimos a ser un equipo ilusionado por aprender e seguir mellorando cada ano e non esquecemos ás orixes nin ao alumnado que puxo en marcha este proxecto”, destaca Alfonso Castro,  razón que explica o número 14 do dorsal co que se honra ás 14 persoas que integraban o equipo orixinal, que comezou o proxecto en 2015.