DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Tania García abordou na súa tese o impacto das pantallas na postura corporal

A maior tempo sentados ante a pantalla, maior grao de discapacidade cervical

O estudo levouse a cabo con persoal da Consellería de Sanidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/07/2018

Afondar na relación entre a dor de pescozo e unha postura inadecuada de cabeza, columna e ombreiros por parte das persoas que traballan diante dunha pantalla foi o propósito central da tese de doutoramento de Tania García, que nun estudo realizado con traballadores da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia puido constatar unha “relación significativa” entre o tempo que as persoas permanecen sentados diante dunha pantalla de visualización de datos e o índice de discapacidade cervical, “o grao de afectación” na vida diaria da dor de pescozo. 

O índice de discapacidade cervical, explica García Remeseiro, constitúe “o primeiro instrumento deseñado para avaliar a autopercepción da discapacidade nos pacientes con dor de pescozo” e aplícase tanto no ámbito clínico como no investigador. Nese senso, a investigadora do grupo Gies-10, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte sinala que “a relación entre a postura durante o traballo co ordenador e a dor de pescozo segue sendo discutible”, xa que “malia que algúns investigadores afirman unha diferenza significativa na postura de cabeza entre os pacientes con dor e os pacientes sen dor cervical, aínda non están claras as relacións existentes na literatura científica”. De aí que o propósito central da súa tese Análise descritiva-interpretativa sobre o impacto das pantallas de visualización de datos na postura corporal, que dirixiu a profesora Águeda Gutiérrez fose afondar nos efectos destas pantallas nunha patoloxía, como son os problemas cervicais, que segundo datos da Organización Internacional do Traballo (OIT) sofren preto do 40% dos traballadores e traballadoras.

Cabeza adiantada na maioría dos casos

No marco dun protocolo de colaboración, asinado en 2015 entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Sanidade para a promoción de estilos de vida saudables, García puido desenvolver con 88 voluntarios e voluntarias un estudo que abranguía a realización de diferentes cuestionarios, que afondaban tanto na relación entre a dor de pescozo e unha postura inadecuada, como coa práctica de actividade física e os seus efectos na calidade de vida. Así mesmo, a análise comprendía tamén o uso da técnica da fotogrametría, a realización de fotografías tres metros por riba do suxeito, que son analizadas a través dun “software de avaliación postural”. 

Este método permitiulle constatar que todos os participantes no estudo “mostraban algún tipo de alteración postural”. Concretamente, o 76% presentaba un ángulo de cabeza adiantado, aspecto que, explica, “correlacionouse coa presenza de dor cervical”, mentres que o 51% presentaba os ombreiros redondeados, situados de xeito adiantado respecto do “modelo postural ideal”. Así mesmo, tamén se atoparon “relacións significativas” que constatan, por exemplo, a influencia do índice de masa corporal na postura cervical, ou entre ás horas que os e as participantes no estudo dedicaban a ver a televisión “e o aliñamento horizontal da cabeza”, ademais de entre o uso do teléfono móbil e os ángulos do ombreiro, máis adiantados nos casos das persoas que lle daban maior uso. 

A estes datos súmase ademais esa “relación significativa entre o índice de discapacidade cervical e o tempo que permanecen sentados nun día hábil”, xa que, como explica a investigadora, a investigación abrangueu a análise de todo o tempo no que os e as participantes permanecían sentados ao longo da xornada “tanto diante da pantalla como no resto das súas actividades da vida diaria”, xa que, aínda que todos e todas “pasan a maior parte do seu horario laboral sentados”, si se rexistraban variacións importantes no referido ao seu tempo de lecer. 

Por este motivo, García Remeseiro incide nas conclusións da súa investigación en que as intervencións en materia de saúde no ámbito laboral “deberían centrarse non só no aumento dos niveis de actividade física, senón tamén en reducir o tempo que os empregados pasan sentados no traballo”. Non obstante, a investigadora tamén subliña que os datos recollidos na súa tese “son resultados preliminares” e que é preciso seguir investigando estas relacións, así como estender esta análise a diferentes colectivos e grupos poboacionais.