DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato participará nos pre-eventos da G-Night 

Máis de 1300 estudantes de Pontevedra e Ourense descobren a partir de mañá a Noite Galega das persoas investigadoras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 01/06/2021

De xeito presencial ou virtual. En sesións de mañá ou de tarde. En grupos de pouco máis dunha decena ou que superan os 60 participantes. Desde mañá e ata o 22 de xuño máis de 1300 estudantes de 17 centros de Primaria, Secundaria FP e Bacharelato das provincias de Pontevedra e Ourense participarán nas preto de 60 actividades, programadas para darlles a coñecer a Noite Galega das persoas investigadoras, que se celebrará, coordinada pola UVigo e coa colaboración dunha decena de institucións galegas, o vindeiro 24 de setembro. 18 investigadoras e investigadores responsables e outros cinco colaboradores, dos tres campus da UVigo, serán os encargos de desenvolver as preto de 20 actividades que achegarán ao alumnado ao mundo da ciencia dun xeito lúdico e sinxelo, ato tempo que se lles descobre a celebración da G-Night. “Estes pre-eventos vannos permitir chegar a un público obxectivo claro, que é o alumnado dos centros, porque se trata de espertar vocacións científicas e máis aló de todo o que se mova ese día, a UVigo e todas as institucións implicadas, queremos chegar a ese público para que participen e coñezan que se vai celebrar en setembro a Noite das persoas investigadoras”, explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama.

Como conseguir un mamut, coordinado por Sara Gamboa, no IES Ricardo Mella de Vigo; En contacto continuo con biomoléculas bioactivas, imaxinádelo?, con María Dolores Torres, no IES Julio Prieto Nespereira de Ourense e Non somos o que logramos, somos o que superamos: accesibilidade, da man de Lourdes Lorenzo, no CEIP Lope de Vega de Vigo, son as actividades, as coordinadoras e os centros educativos, onde mañá arrancarán as actividades previas á G-Night. Mos, Baiona, Tomiño, Ponte Caldelas, Nigrán, Redondela e Viana do Bolo completan o mapa de concellos no que se localizan os centros nos que se desenvolverán as actividades que abranguerán temáticas relacionadas cos cinco ámbitos do coñecemento e que abranguen desde o 5G, ata a historia evolutiva do cancro, pasando polas matemáticas aplicadas á covid, as nanopartículas plasmónicas e a visión infravermella.  

Espertando vocacións científicas 

No ano do seu décimo aniversario, a Noite europea das persoas investigadoras regresará este outono a Galicia coa creatividade e a súa relación co coñecemento científico como eixo do evento, que se desenvolverá baixo o lema Conciencias creativas. A G-Night encherá o 24 de setembro as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares, nun ambiente festivo, e co obxectivo de dar a coñecer o valor do traballo que desenvolven as e os científicos, así como a importancia desta actividade na sociedade .“Con este anticipo que comeza mañá nos centros escolares, o alumnado poderá saber o tipo de actividades que se van desenvolver nas rúas, nas prazas, etc ese día. O maior valor é conectar cun público no que se pretende espertar vocación científica e que tamén participe de xeito activo, primeiro nestes pre-evento, e logo, o día de celebración da G-Night”, sinala Mónica Valderrama, que agradece ás investigadoras e investigadores da UVigo a súa participación nos eventos que este mes se desenvolverán nos centros de ensino. 

Financiado con de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA), as universidade de Santiago e A Coruña, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC), Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, integran o consorcio, coordinado pola UVigo, que desenvolverá a Noite galega das persoas investigadoras, que, ademais de nas cidades galegas, se celebrará de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa.