DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo envía routers con wifi para que o estudantado poida seguir a súa formación e examinarse

Máis de 200 dispositivos entregados para mellorar a conectividade do alumnado durante a pandemia

Pontevedra é a provincia na que se repartiron a maior parte dos dispositivos  

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/04/2020

Máis de 200 estudantes da Universidade de Vigo xa recibiron os dispositivos Mifi, pequenos routers con wifi, enviados pola institución académica viguesa e que lles permitirán arranxar os problemas de conectividade que sofren nas súas vivendas familiares ou lugares onde están a pasar o confinamento por mor da COVID-19. A recepcións dos dispositivos 4G de Orange, con 100 xigas mensuais e cun período de uso de catro meses, prorrogables outros dous, culmina un proceso que comezou hai máis de mes e medio, cando a Universidade abriu un período para que o alumnado con problemas de conectividade trasladase a súa situación aos decanatos e direccións dos seus respectivos centros. “Previamente, o reitor puxérase en contacto con Universia na procura dunha solución para estes estudantes con problemas de conectividade e tras un proceso de negociación coas grandes compañías de telefonía, que amosaron unha colaboración total, chegamos a un acordo con Orange, que aceptou a nosa proposta e proveunos dos aparatos”, explica José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade. 

Todas as peticións recibidas nos decanatos e direccións de centros, tras una estudio preliminar, foron remitidas á Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado onde se analizaron e posteriormente contactouse co alumnado que as realizara para avaliar se procedía atendelas. “Intentamos dar resposta a aqueles estudantes que non teñen nada, porque noutros casos teñen a opción de falar coas súas compañías de telefonía para que lle melloren o servizo”, explica Míguez, que lembra que por estes dispositivos os estudantes non teñen que abonar ningunha cantidade e quedan cubertos ata xuño, o que inclúe o período de exames. 

Pola súa banda, o reitor, nun escrito remitido ao alumnado que recibiu os dispositivos, asegura que “para resolver estes problemas, a solución que nos pareceu máis acaída foi alugar equipos que permitan conectarse para seguir as clases e tamén para realizar os exames. Esperamos que con estes equipos poidades seguir o curso co maior aproveitamento posible, dentro das dificultades que todos e todas estamos a ter”, sinala Manuel Reigosa. 

Enviados ás catro provincias galegas e máis aló 

Os dispositivos enviáronselles ás e aos seus destinatarios en dúas quendas, unha primeira na que a maioría se distribuíron entre localidades, do rural, na súa meirande parte, da provincia de Pontevedra, seguida da de Ourense, A Coruña e Lugo. Nun segundo envío, os Mifi mandáronse de novo de xeito maioritario a localidades da provincia de Pontevedra, seguida de Ourense, A Coruña e Lugo, aínda que desta volta, un dispositivo foi remitido a un estudante que se atopa en Alemaña e outro en Ávila. 

Os dispositivos deberán devolverse nos centros, ao remate do mes de xullo, ou ao inicio do vindeiro curso 2020/2021.