DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Pazo da Cultura acolle o XXI Congreso da Sociedade Española de Parasitoloxía

Máis de 200 especialistas abordan os últimos avances no estudo dos parasitos e a súa incidencia na saúde

Organizado pola Universidade de Vigo, o evento reúne investigadores de seis países

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/07/2019

210 expertos e expertas, procedentes de diferentes universidades e centros de investigación de España, Portugal, Italia, Brasil, Venezuela e Bolivia, reúnense desde este mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra no XXI Congreso da Sociedade Española de Parasitoloxía (Socepa) e Intereuropeo de Parasitoloxía. Organizado polo Laboratorio de Parasitoloxía da Universidade de Vigo e a Socepa, o congreso pon o foco nos principais ámbitos de investigación dunha especialidade con importantes repercusións para a saúde. A resistencia dos parasitos aos medicamentos, as enfermidades animais que poden transmitirse aos humanos, a presenza de parasitos nos alimentos ou os danos que estes poden producir na gandería e na acuicultura son algunhas das temáticas a abordar nun evento que engloba a celebración de dez mesas de debate e a presentación de máis de 250 estudos. 

Unha serie de citas de El Quijote serviron na inauguración á catedrática de Parasitoloxía da Universidade de Vigo e presidenta do comité organizador, Cristina Arias, para pór en valor a importancia desta disciplina. “Xa entón e moito antes coñecíanse os parasitos e loitábase contra eles. Seguimos facendo o mesmo e facémolo moito mellor”, sostivo Arias, para quen "a parasitoloxía española goza dunha saúde envexable”. Xunto á catedrática, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a conselleira de Educación, Universidade e Formación da Xunta de Galicia, Carmen Pomar; o vicerreitor do campus, Jorge Soto; a presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Patrocinio Morrondo; e o presidente da Socepa, Basilio Valladares, participaron na inauguración dun congreso que se desenvolve por segunda vez en Galicia baixo a coordinación de Arias e os investigadores da Universidade José Manuel García Estévez e Raúl Iglesias.

“Vostedes velan, desde a ciencia, pola saúde humana e animal”, lembrou o vicerreitor aos e ás participantes nun congreso “absolutamente necesario para entender a capacidade do ser humano para sopesar os retos que a bioloxía nos presenta”. Jorge Soto puxo o foco en que as investigacións que se desenvolven no ámbito da parasitoloxía “teñen unha repercusión directa na sociedade”, aspecto no que tamén incidiu Carmen Pomar. A conselleira salientou a oportunidade que supón reunir en Pontevedra “os máis destacados representantes da investigación científica en parasitoloxía de varios países” e que a sociedade coñeza “a importancia dunha especialidade que ten importantes repercusións na saúde”. Nese senso, Pomar puxo o foco na importancia da transferencia da investigación á sociedade e sinalou á “cooperación, innovación e internacionalización” como “os piares sobre os que se asenta a universidade do futuro”.

Vacinas ante a previsión dunha maior demanda de carne

A conferencia inaugural correu a cargo do catedrático da Universidad de Córdoba Álvaro Martínez, quen se centrou no “longo e tortuoso camiño” cara o desenvolvemento de vacinas que permitan diminuír os danos que os parasitos helmínticos xeran nas explotacións gandeiras de vacas, ovellas ou cabras. A perspectiva de crecemento da poboación mundial, apuntou, fai previsible “unha demanda crecente de proteína de orixe animal”, que fará que as explotacións gandeiras “teñan que aumentar drasticamente a súa capacidade produtiva e isto tense que facer dunha maneira sustentable”. 

Nese senso, os parasitos helmínticos, un tipo concreto de nematodos, constitúen unha “ameaza” para a ese aumento da produción, sinalou Martínez, que se centrou na problemática que, no caso dos animais ruminantes, supoñen a fasciola hepática e os nematodos gastrointestinais, que “normalmente non dan lugar a un cadro clínico pero que si producen unha diminución notable da capacidade produtiva”. Parasitos que á súa vez desenvolven “resistencia ante os fármacos”, o que fai necesario “buscar alternativas”, como as vacinas. “Lévase tempo tratando de desenvolver distintas formas de vacinar aos animais fronte a este tipo de parasitos e vanse dando pasos, pero queda moito camiño”, recoñeceu Martínez, que explicou que o seu desenvolvemento precisa “da confluencia de expertos de moitos campos”.

Dez mesas de debate, 84 comunicacións e 182 paneis

Máis de 60 expertos e expertas interveñen entre este mércores e venres nas dez mesas redondas deste congreso. A primeira delas, Quo vadis parasitoloxía, ten como obxectivo central abordar a situación na que se atopa a docencia desta disciplina. Este mércores ten tamén lugar unha segunda mesa centrada en leishmaniose e chagas, dúas enfermidades producidas por parasitos e transmisibles aos humanos, que no caso da primeira “xa está aparecendo en Galicia por mor do cambio climático”, explica Arias.

Mañá xoves terán lugar as mesas sobre tratamentos e resistencias, “un tema moi importante porque os parasitos adáptanse con moita facilidade aos medicamentos”; parasitos e medio ambiente e control de vectores, os animais que transmiten as enfermidades producidas por parasitos. Tamén o xoves, abordaranse os procesos parasitarios en produción animal e as zoonoses, a transmisión desas enfermidades ás persoas, e falarase sobre a complexidade que implican os tratamentos fronte a parasitos na acuicultura. Por último, o venres celebraranse as mesas sobre inmunoterapia e vacinación, parasitoloxía molecular e alimentación.

O venres tamén terá lugar a IV Xornada de Novos Investigadores, así como a conferencia de clausura, a cargo do profesor da Universidad de Salamanca Antonio Murio. O evento complétase coa celebración desde este mércores dunha serie de sesións paralelas nas que investigadores e investigadoras presentan un total de 84 comunicacións. A estas súmanse outras 182 investigacións que, en formato de póster, se exhiben no Pazo da Cultura xunto coas imaxes que concorren ao concurso de fotografía que a Socepa promove por primeira vez.