Na 79ª edición Société Internationale Fernand De Visscher pour l’Histoire des Droits de l’Antiquité
Máis de 200 especialistas internacionais converten Vigo na capital mundial do dereito e historia da antigüidade
A UVigo reúne persoal investigador de prestixio que analizan o papel das mulleres neste eido
Máis de 200 especialistas de todo o mundo miran estes días cara Vigo para afondar nas raíces xurídicas sobre as que se construíron as sociedades actuais. A Universidade de Vigo organiza desde este martes a 79ª edición da Société Internationale Fernand De Visscher pour l’Histoire des Droits de l’Antiquité (SIHDA), un dos grandes encontros académicos internacionais sobre Dereito Romano e Historia da Antigüidade que se celebra por primeira vez en Galicia.
A sede da Afundación reune esta semana profesorado e persoal investigador universitario de recoñecido prestixio internacional baixo un eixo central de especial actualidade: As mulleres no Dereito da Antigüidade. Durante varios días, especialistas de diferentes países analizarán desde perspectivas xurídicas, históricas, literarias e culturais a presenza, o papel, a representación e o estatus das mulleres nas sociedades antigas.
Durante o acto inaugural, a presidenta do Comité Organizador Local, María José Bravo Bosch, destacou a comunidade científica creada arredor da SIHDA. “Durante estes días somos a mesma persoa, a mesma universidade e compartimos a mesma paixón polo Dereito Romano e pola Historia da Antigüidade. Despois de meses de preparación é emocionante poder dicir que estamos todos aquí”, salientou.
Bravo Bosch incidiu na vixencia dunha disciplina que permite comprender boa parte das estruturas xurídicas contemporáneas. “Falamos de cuestións con séculos de historia, pero cunha enorme repercusión no Dereito actual. Somos unha comunidade de diferentes países que nos reunimos cada ano arredor dunha mesma paixón intelectual”, explicou. A presidenta do Comité Organizador Local augurou unhas xornadas “cientificamente intensas”, pero nas que as persoas participantes terán tamén a oportunidade de coñecer “a nosa terra, a nosa universidade e a nosa hospitalidade”.
A catedrática quixo agradecer especialmente o apoio das institucións e o traballo do comité organizador, así como o esforzo de todas as persoas que se desprazaron ata Vigo. “Algúns percorrestes centos ou miles de quilómetros para estar aquí, desde os grandes mestres ata os investigadores e investigadoras máis novos, que sodes o futuro da nosa disciplina”, recalcou.
Pola súa banda, o presidente da Société Internationale Fernand De Visscher pour l’Histoire des Droits de l’Antiquité, Jean-François Gerkens, celebrou o regreso do encontro a España. “É a novena vez que a SIHDA se celebra en España e pasaron xa 16 anos desde a última. Era hora de volver”, sinalou, antes de trasladar o seu agradecemento ao comité organizador local polo traballo realizado para facer posible esta edición en Vigo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxo en valor a transcendencia do ámbito de estudo arredor do que xira o congreso e a súa conexión coa sociedade contemporánea. “Seguimos tratando e desenvolvendo aquilo que constituíu a base da civilización occidental”, destacou. Caballero incidiu tamén no valor dunha cita capaz de reunir na cidade especialistas de numerosos países: “Esta cooperación entre persoas de tantos lugares demostra que compartimos e primamos valores como a investigación e a convivencia”.
Mentres, o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, salientou a importancia de estudar e actualizar o legado xurídico romano. “O Dereito Romano regula as relacións humanas e sociais a través de regras consensuadas e escritas, polo que todo o traballo que facedes serve para manter e poñer ao día ese armazón e seguir avanzando como sociedade”, afirmou.
As mulleres, no centro da análise
A 79ª edición da SIHDA propón unha mirada interdisciplinar sobre o estatus xurídico, os roles e a posición das mulleres nas sociedades da antigüidade, recuperando a súa presenza e analizando como foi representada nas fontes e institucións de diferentes culturas.
As sesións abordarán cuestións como a posición xurídica e social das mulleres, as figuras femininas presentes na historiografía, na literatura e na tradición xurídica, a súa participación na vida familiar, económica, relixiosa ou cívica, as representación do xénero nas fontes xurídicas e narrativas ou casos concretos de mulleres reais e simbólicas que contribuíron á configuración dos valores sociais e institucionais.
O programa científico arrancou coa conferencia inaugural de Javier Paricio, catedrático de Dereito Romano da Universidade Complutense de Madrid. Entre as conferencias convidadas atópanse tamén a de Carla Masi Doria, catedrática de Dereito Romano da Università Federico II di Napoli, sobre as narrativas xurídicas femininas no mundo romano e os seus modelos e antimodelos; e a de María del Mar Marcos Sánchez, catedrática de Historia Antiga da Universidade de Cantabria, centrada nas mulleres consideradas heréticas no Dereito Romano e na lectura dos silencios presentes nas fontes. O programa complétase ademais con cinco sesións paralelas.
Ciencia, cultura e territorio
A dimensión académica da SIHDA complementarase cun amplo programa cultural pensado para achegar as persoas participantes ao patrimonio e á identidade de Vigo e de Galicia. Entre as actividades previstas atópanse un concerto da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, embaixadora internacional do patrimonio musical galego; unha actuación de Milladoiro; un paseo en barco pola ría de Vigo; unha excursión ás Illas Cíes e unha visita guiada ao Museo Catedralicio.
A 79ª edición da SIHDA está organizada pola Universidade de Vigo coa colaboración do Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero da Universidade de Vigo e o Consello Social da Universidade de Vigo, da Xunta de Galicia e da ACSUG.
Con esta nova edición, a Société Internationale Fernand De Visscher pour l’Histoire des Droits de l’Antiquité mantén a esencia que caracteriza os seus encontros: conectar xeracións de especialistas de todo o mundo, compartir coñecemento e crear novos espazos de colaboración arredor dun pasado que continúa ofrecendo claves fundamentais para comprender o presente.
