DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alta demanda obriga a ampliar o número de sesións

Máis de 200 estudantes copan as prazas dun curso sobre o programa MatLab

“É unha ferramenta moi versátil con aplicacións en eidos como a automoción”

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Académica
DUVI 31/01/2019

Manexar o programa informático MatLab -abreviatura de Matrix Laboratory- é útil para traballar en enxeñaría, matemáticas, física, bioloxía, ciencias do mar e economía, entre outras disciplinas. Por este motivo, o grupo de traballo MatLab & Simulink da Universidade de Vigo oferta o curso gratuíto Fundamentos de MatLab, no que se repasan os conceptos básicos desta ferramenta co obxectivo de que o alumnado poida, por un lado, adquirir os coñecementos mínimos para o seu uso e manexo, e por outro, asistir aos cursos de nivel intermedio e avanzado que se impartirán en vindeiras datas. Lanzaron o curso con 160 prazas dispoñibles, pero esta cifra axiña quedou escasa e ante a alta demanda decidiron ampliar a oferta con outras 40 vacantes que, de feito, están xa a piques de cubrirse tamén. .

Este tipo de actividades formativas permiten aprender a empregar os elementos básicos do programa como a análise e o tratamento de datos e funcións, a elaboración de táboas, o uso de variables lóxicas, a  manipulación de matrices, vectores e a programación. “A idea é que o alumnado da Universidade se forme nunha ferramenta moi versátil con aplicacións en automoción ou moldeado de sistemas eléctricos, entre outros moitos exemplos”, explica o docente do curso e integrante do grupo MatLab & Simulink, Alejandro Castillo, quen lembra que no 1º cuadrimestre tamén se organizaron actividades ás que asistiron arredor de 200 persoas.

Esta semana e a vindeira na Escola de Enxeñería Industrial

Para aprender a manexar este software, o grupo de traballo MatLab & Simulink da Universidade, coa colaboración, entre outros, da propia Escola de Enxeñería Industrial, organizou inicialmente dous cursos, un na sede campus da EEI con 100 prazas dispoñibles os días 30 e 31 de xaneiro en horario de tarde e outro na sede cidade con 60 prazas o 8 de febreiro, que cubriron case a totalidade das súas prazas nas primeiras horas de inscrición. “No mesmo día tiñamos todas as vacantes cubertas en Torrecedeira e a metade no campus”, explica Castillo. Ante este elevada demanda do curso decidiron abrir unha nova sesión na sede campus os días 6 e 7 de febreiro de 16.00 a 19.30 h para a que están a piques de esgotarse as prazas

Tempo de cambios

Dentro da organización das sesións e dos cursos que se veñen ofrencendo na Universidade de Vigo en colaboración con MatLab & Simulink estanse a suceder cambios. En primeiro lugar, o grupo de traballo decidiu cambiar as aulas de informática por salas máis grandes con enchufes, xa que “agora buscamos que o alumnado veña co seu ordenador e teña a licenza que ofrece a Universidade”, explica Castillo. 

Por outra banda, tras un longo proceso de selección “no que se presentaron máis de 50 persoas”, explica o responsable, o grupo de traballo ampliará o seu equipo cunha nova incorporación no vindeiro mes para poder ofrecer un maior abano de cursos. Neste cuadrimestre realizaranse, por unha banda,  cursos de formación intermedia e avanzada na ferramenta informática, e por outra banda, sesións formativas de Simulink, plataforma de simulación multidominio adicional que expande as prestacións de MatLab, para aprender a “deseñar modelos de suspensión dun coche, pneumáticos e aeroxeradores, entre outros”, sinala o docente do curso, que ademais ten en mente a posta en marcha de novas actividades para o mes de abril.

Por último, tamén variou o número de alumnado que segue os cursos. “Nos primeiros eventos eramos entre 40 e 80 persoas e agora acadamos os 200 asistentes e non queremos abrir máis prazas porque senón non avanzariamos nunca no ensino de novos coñecementos”, conclúe o responsable do curso.